CERTIFICADO DE FAMILIA MONOPARENTAL

As familias monoparentais galegas poden solicitar un documento oficial da Xunta de Galicia que certifica que cumpren cos requisitos para ser considerada familia monoparental e, polo tanto, pode ter acceso a un conxunto de beneficios e vantaxes asociadas.
NOVIDADE: Desde o 15 de xaneiro de 2026, o certificado de familia monoparental da Xunta de Galicia está operativo en formato dixital a través da aplicación gratuíta Xunta.eu
- QUE BENEFICIOS TEN UNHA FAMILIA MONOPARENTAL?
-
As familias galegas que obteñan o certificado de Familia Monoparental da Xunta de Galicia poderán acceder a beneficios por parte das administracións públicas. No caso dos relativos á Xunta de Galicia, algúns destes beneficios son:
- A consideración de monoparentalidade terase en conta no acceso á Renda de Inclusión de Galicia (Risga) e ás axudas de inclusión social.
- Puntuación adicional no baremo para a adxudicación de prazas nas escolas infantís públicas de 0 a 3 anos (1ª ciclo de Educación Infantil).
- Redución dun 20% nas tarifas de comedor nas escolas infantís públicas de 0 a 3 anos (1ª ciclo de Educación Infantil).
- Acceso a programas específicos, como o "Programa de Apoio a familias monoparentais" que desenvolve a entidade Cáritas Diocesana - Santiago e que se centra en facilitar o acceso ao mundo laboral e previr situacións de risco.
- Preferencia no acceso en todas as quendas no programa de "Vacacións Familiares" da Xunta de Galicia nas Residencias de Tempo Libre da Xunta en Panxón - Nigrán e O Carballiño.
- Bonificación dos prezos para a campaña de verán nos campamentos xuvenís organizados pola Xunta de Galicia, cunha redución de ata o 50%. Este desconto aplícase tamén no resto de programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado
- Preferencia na adxudicación de prazas para mozos e mozas (de 16 a 30 anos) nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e Igualdade.
- Preferencia na admisión de alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.
-
Puntuación adicional no baremo para o acceso ao servicio de casas niño subvencionado pola Xunta de Galicia
-
Ampliación do 75% ao 100% da axuda subvencionable no Bono Concilia Familia
-
NOVIDADE: Desde o 1/1/2026 está en vigor unha baixada do 8% ao 3 % no imposto á compra de vivenda (ITP) por familias monoparentais. O imposto será do 0% se o inmoble está nunha zona pouco poboada.
- COMO PODO SOLICITAR O CERTIFICADO?
-
- 1. Que familias poden solicitalo?
-
En Galicia, considérase familia monoparental o núcleo formado por un único proxenitor e os fillos ao seu cargo. É un requisito non convivir con outra persoa coa que se manteña unha relación análoga á conxugal.
Hai que ter en conta que se considera "familia monoparental" algúns dos seguintes supostos:
a) As persoas que afrontan a maternidade ou paternidade en solitario.
b) As familias formadas por unha persoa viúda e os seus fillos.
c) As familias nas que un proxenitor queda a cargo dos fillos sen que haxa custodia compartida.
Ademais, teñen a mesma consideración que o fillo ou filla aqueles menores tutelados ou en acollemento por un único proxenitor.
En todo caso, os requisitos están recollidos na Lei 3/2011 do 30 de xuño, de apoio á familia é á convivencia de Galicia.
- 2. Onde solicito o certificado?
-
Desde o 15 de xaneiro de 2026, as familias monoparentais de Galicia dispoñen dun procedemento específico na sede electrónica da Xunta de Galicia para solicitar o seu certificado oficial.
Hai dúas formas de solicitar ou renovar o certificado:
1) A forma máis áxil e sinxela é a tramitación en liña na sede electrónica da Xunta, a través do procedemento BS427A.
2) Tamén pode remitirse por rexistro oficial (rexistro da Xunta de Galicia ou dun Concello), ou por correo postal. En todo caso, a persoa solicitante ten que remitir a solicitude e a documentación que se indica no procedemento BS427A a este enderezo:
Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica (Familia Monoparental)
Servicio de Apoio á Familia, Infancia e Adolescencia
Xunta de Galicia
Edificio Administrativo de San Caetano s/n, 15781, Santiago de Compostela
- 3. Que documentación teño que presentar se é a primeira vez que o solicito?
-
A documentación que debe presentar xa está detallada no procedemento BS427A.
Lembre que:
Se no libro de familia aparecen dous proxenitores, pero:
a) Hai sentenza de divorcio, separación ou convenio regulador e o proxenitor queda a cargo dos fillos sen que haxa custodia compartida (no caso de que haxa custodia compartida non procede). Deberá dispoñer da copia da sentenza ou da resolución xudicial que establece as medidas paterno-filiais dos fillos en común, acompañada do correspondente convenio regulador, se é o caso.
Se ten fillas ou fillos de idades comprendidas entre os 21 e os 25 anos (ambas incluídas), documentación acreditativa de que están estudando (certificado expedido polo centro educativo ou matrícula co xustificante de pago). Estarán exentos os fillos cunha discapacidade igual ou superior ao 33% (neste caso é preciso presentar o certificado de graoo de discapacidade)
b) Persoas viúvas Deberán achegar o certificado de defunción, no caso de que non figure no libro de familia.
- 4. Canto dura o certificado?
-
Os certificados solicitados ou renovados desde o 15 de xaneiro de 2026 teñen a seguinte vixencia:
- Con carácter xeral, no caso de homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario, ou as familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os seus fillos, a vixencia do certificado será ata que o fillo ou filla menor cumpre 26 anos.
- Nos restantes casos (familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida) a vixencia do certificado será con carácter xeral de 5 anos desde a data de solicitude.
Os certificados expedidos antes do 15 de xaneiro de 2026 teñen vixencia ata a data de caducidade que establece o propio certificado. A persoa beneficiaria do mesmo terá que proceder á renovación do certificado antes da data de caducidade.
- 5. Que teño que facer para renovalo?
-
A tramitación da solicitude de renovación é a mesma que para a obtención do primeiro certificado. Para facelo, debe utilizar o procedemento BS427A da sede electrónica da Xunta
A solicitude de renovación pode facerse, como máximo, tres meses antes da data de caducidade do certificado. É dicir: se un certificado caduca o 1 de decembro de 2026, a súa renovación pode solicitarse a partir do 1 de setembro dese ano, pero non antes.
- 6. Que prazo ten a Xunta para resolver a miña solicitude?
-
O prazo máximo que ten a Xunta para resolver a solicitude de certificado de monoparentalidade é de tres meses, a contar desde a presentación da solicitude.
- Se a documentación enviada coa solicitude está completa, o certificado emitirase nese prazo máximo de tres meses.
- Se a documentación está incompleta, a Xunta solicitaralle a correspondente emenda.