Bono coidado no fogar

  BONO COIDADO NO FOGAR   

A Xunta de Galicia concede unha axuda de 5.000 € ao ano (416,66 € ao mes) para o coidado das persoas en situación de dependencia no seu domicilio, con independencia da súa renda e do grao de dependencia recoñecido.

O Bono Coidado no Fogar é unha axuda directa que permite ás persoas en situación de dependencia permanecer na súa contorna habitual, recibindo os coidados necesarios por parte dun familiar ou doutra persoa da súa contorna de confianza.

Quen pode acceder?

Poden acceder a esta prestación as persoas que teñan recoñecida a situación de dependencia e cuxo Programa Individual de Atención (PIA) determine que os coidados na contorna familiar son a prestación adecuada.

Para acceder ao Bono é necesario, entre outras condicións:

  • Que a persoa estea sendo atendida mediante coidados na contorna no momento de elaboración ou revisión do seu Programa individual de atención.
  • Que a vivenda reúna as condicións adecuadas de habitabilidade, convivencia e accesibilidade para prestar os coidados necesarios.
  • Que a persoa que presta os coidados cumpra os requisitos establecidos para as persoas coidadoras non profesionais.

No caso das persoas con grao II ou III de dependencia, é necesaria a convivencia coa persoa coidadora non profesional, debido á necesidade de atención permanente e apoio continuado.

No caso das persoas con grao I, poderá exceptuarse o requisito de convivencia sempre que se garanta unha atención inmediata por parte da persoa coidadora.

Quen pode ser a persoa coidadora?

A persoa coidadora non profesional debe ser maior de idade e contar coa capacidade e dispoñibilidade necesarias para prestar os coidados. Pode ser:

  • O cónxuxe ou parella de feito.
  • Un familiar por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o cuarto grao.
  • Outra persoa que forme parte do contorno relacional e de confianza da persoa en situación de dependencia.

Ademais, deberá cumprir os requisitos establecidos pola normativa e asumir os compromisos necesarios para garantir unha atención adecuada e continuada. 

A idoneidade da persoa coidadora será valorada polos equipos profesionais responsables da elaboración do PIA.

Como se accede ao Bono?

  • Se a persoa xa recibe unha prestación ou servizo por dependencia

Se a persoa está a recibir outro servizo ou prestación e considera que o Bono Coidado no Fogar pode ser o recurso máis adecuado ás súas necesidades, deberá acudir aos seus servizos sociais de referencia, no concello ou no centro de saúde, para solicitar a modificación do seu PIA. Será o equipo profesional o que valore a situación e determine o recurso máis adecuado.

  • Se a persoa aínda non ten recoñecida a dependencia

O primeiro paso é acudir aos servizos sociais do concello ou do centro de saúde para iniciar o procedemento de valoración da situación de dependencia. Unha vez recoñecida a dependencia, os equipos profesionais determinarán, a través do PIA, cal é o recurso máis axeitado ás necesidades da persoa: o Bono Coidado no Fogar ou outra das prestacións e servizos dispoñibles.

Máis información

Para obter máis información sobre o Bono Coidado no Fogar pode escribir ao correo electrónico: sxdependencia [at] xunta.gal (sxdependencia[at]xunta[dot]gal) ou acudir aos servizos sociais do seu concello ou do centro de saúde, onde lle informarán sobre o procedemento de valoración da dependencia e sobre os recursos máis adecuados ás súas necesidades.

Ligazóns relacionadas: