Servizos sociais comunitarios

Os servizos sociais comunitarios son o primeiro nivel de atención do sistema galego de servizos sociais e o principal punto de acceso da cidadanía. 

Son de carácter maioritariamente local, están orientados a garantir a igualdade de oportunidades e a mellorar a calidade de vida das persoas mediante programas, prestacións e recursos próximos ao territorio. 

A Lei 13/2008 regula o seu funcionamento, establecendo que teñen unha función integradora e preventiva, centrada na atención ás persoas e familias e na súa inclusión social e laboral; e poden ter a consideración de básicos ou específicos, sendo con carácter xeral de competencia municipal.

Servizos sociais comunitarios básicos

 

Teñen un carácter local, aberto e polivalente e constitúen a canle normal de acceso ao sistema de servizos sociais, co que garante a universalidade do sistema e a súa proximidade ás persoas e aos ámbitos familiar e social.

Desenvolveranse  desde os centros de servizos sociais por medio de equipos interdisciplinares e  coa estrutura organizativa que estableza a administración titular do servizo.

Programas e servizos sociais comunitarios básicos: 

Programa de valoración, orientación e información

Permite garantir o acceso universal e gratuíto ao sistema e, ademais, a prestación de servizos de carácter profesional en todo o territorio.

  • Proporciona información, orientación, asesoramento e acompañamento.
  • Realiza a valoración e o diagnóstico social da cidadanía.
  • Intervención básica de traballo social.
  • Derivación cara a intervención idónea para cada caso (social, biopsicosocial ou socio-educativa). Poderá derivarse cara os distintos programas de servizos sociais comunitarios básicos ou específicos.
Servizo de axuda no fogar (SAF)

O servizo de axuda no fogar baséase na atención a persoas maiores con déficit de autonomía e a persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal na súa contorna inmediata, así como a fogares con menores nos que se observe necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo.

Darase prioridade no acceso ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do Sistema de Atención á Dependencia (SAAD).

Desde os concellos estabécense sistemas de acceso libre ao SAF desde a súa modalidade básica, para situacións diferentes á contemplada no parágrafo anterior.

Servizo de educación e apoio familiar

O programa está dirixido principalmente a familias en situación de especial vulnerabilidade, especialmente aquelas con menores en risco de desatención ou con factores de exclusión social ou pobreza infantil. A determinación das familias destinatarias virá precedida pola valoración técnica do persoal dos servizos sociais comunitarios municipais.

Ademais, pode incluír actividades abertas á comunidade e a profesionais relacionados coa mellora da vida familiar e da acción educativa das familias.

Programa básico de inserción social

Os servizos sociais básicos encargaranse de:

  1. Detectar e valorar as situacións de persoas, grupos ou áreas territoriais en situación e risco de exclusión.
  2. Participar na asignación das prestacións económicas de inclusión social referidas no apartado 1 do artigo 18 da Lei 13/2008, de Servizos Sociais de Galicia. Analizarán o perfil sociolaboral de cada caso e expedirán os informes e propostas de derivación e idoneidade do recurso que se establezan no procedemento.
  3. Coordinar o desenvolvemento dos itinerarios personalizados de inclusión cos servizos sociais comunitarios específicos, en especial cos equipos de inclusión socio laboral (municipais ou consorciados).
  4. Desenvolver actuacións en relación co seguimento e revisión das prestacións.
Programa de fomento da cooperación e solidariedade social

Mediante este programa os servizos sociais comunitarios fomentarán a solidariedade entre os membros da comunidade local e a acción voluntaria na área social.

Fomentarase a creación de organizacións de autoaxuda, axuda mutua e de acción solidaria, mediante o correspondente asesoramento, formación e acompañamento do dito proceso. Estas organizacións complementarán a actuación dos servizos sociais públicos de acordo coa planificación local de servizos sociais.

No desenvolvemento deste programa priorizarase o intercambio xeracional, a interculturalidade e as medidas de acción positiva para a consecución da igualdade, e prestarase especial atención á prevención da violencia de xénero.

Procedemento de financiación dos servizos sociais comunitarios (BS623A)

Serán beneficiarios os concellos que, de maneira individual ou agrupada, desenvolvan os servizos sociais comunitarios básicos e específicos da súa competencia e que presenten o correspondente proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais.

Para estes efectos, as corporacións locais asinantes do dito proxecto deberán estar inscritas no RUEPSS (Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais).

Enténdense incluídas no apartado anterior as mancomunidades de municipios. Cando se trate de agrupacións de feito acordadas entre concellos mediante fórmulas de colaboración interadministrativa para o desenvolvemento compartido de servizos sociais, deberán xustificar no proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais a complementariedade e a non duplicidade de actuacións para as cales se solicita financiamento.

En ambos os casos o financiamento dun servizo ou programa de maneira conxunta exclúe a posibilidade de financiamento individual do mesmo servizo ou programa.

Resolución das transferencias finalistas 2024

Acceso á aplicación web:

Aplicación web SSCOMU

 

 

 

Servizos sociais comunitarios específicos

 

Estes servizos ofrecen atención a colectivos con necesidades ou problemáticas específicas, promovendo a súa integración social e servindo de ponte cara a servizos máis especializados.

Actúan como recursos de proximidade, favorecendo a autonomía, a calidade de vida e o mantemento dos vínculos familiares e comunitarios.

Diríxense a sectores da poboación que requiren unha intervención máis especializada ou de ámbito supramunicipal.

Programas dos servizos sociais comunitarios específicos:

  • Xestión de centros autorizados de inclusión e emerxencia social
  • Inclusión social de persoas sen fogar
  • Inclusión de persoas inmigrantes
  • Inclusión de emigrantes retornados
  • Inclusión da comunidade xitana
  • Inclusión de persoas en risco de exclusión de minorías ou colectivos socialmente vulnerables
  • Atención a persoas con limitacións na súa autonomía e ás súas persoas coidadoras, mediante servizos de atención diúrna e nocturna
  • Atención a persoas con discapacidade
  • Apoio psicosocial e familiar vinculado á atención temperá
  • Atención a persoas maiores mediante equipamentos e servizos que faciliten a prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal mediante o envellecemento activo e solidario
  • Atención á primeira infancia en instalacións que posibiliten a conciliación da vida laboral e familiar
  • Asesoramento, atención e orientación a mulleres en situación de especial vulnerabilidade
  • Atención a menores en situación de risco ou conflito social
  • Aloxamento alternativo
  • Xestión doutros equipamentos sociais non residenciais que presten servizos sociais de proximidade