Inicio > Áreas > Familia e infancia > Programas de acollemento > Programa de Acollemento familiar

Programa de Acollemento familiar

Desgraciadamente, en todo o mundo hai nenos e nenas que viven en condicións difíciles, pero grazas á colaboración de moitas familias poden crecer co apoio e seguridade necesarios, a través do acollemento familiar. Doutro xeito, moitos deles probablemente pasarían os seus días nun centro, ás veces, ata a maioría de idade.  

Neste sentido, o sistema de protección á infancia e á adolescencia pon especial énfase na regulación do acollemento familiar co fundamento de que o menor necesita un ambiente familiar para un adecuado desenvolvemento da súa personalidade. Así, poténciase esta figura co Programa de acollemento familiar, que a Xunta de Galicia realiza en colaboración con Cruz Vermella, e establécese a súa prioridade sobre o acollemento residencial para calquera menor e especialmente para os menores de 6 anos

Aquí encontrarás información detallada sobre o acollemento familiar.

Que é o acollemento familiar?

O acollemento familiar é un acto solidario realizado a favor dun menor e a súa familia que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade.

  • É unha medida de protección para nenos e nenas que non poden ou non é conveniente que vivan cos seus pais. 

Mediante o acollemento, o neno ou nena pasa a convivir cunha familia distinta á súa, integrándose plenamente na vida familiar. A familia acolledora debe coidar ao menor, telo na súa compañía, educalo, e velar porque as súas necesidades estean atendidas.

Que nenos poden ser acollidos?

Menores de entre 0 e 18 anos que temporalmente non poden ser atendidos pola súa propia familia e que, polo tanto, queda baixo a garda da Administración. 

Legalmente, a súa situación pode ser: 

  • menor declarado en desamparo e tutelado pola Xunta de Galicia, cando se comproba que non está a recibir os necesarios coidados por parte da as persoas legalmente obrigadas a facelo. 
  • menor baixo a garda da Administración por solicitude dos pais, que temporalmente non poden facerse cargo del (por exemplo, durante un período de hospitalización, ingreso en prisión, etc.) ou por decisión xudicial. 
  • menor en situación de risco, que continúa vivindo coa súa familia habitualmente pero é acollido por outra familia durante determinados momentos ou períodos (só durante o día, só as fins de semana ou vacacións...), complementando deste xeito a atención prestada polos pais.

As características destes nenos e nenas poden ser moi variadas: poden ser nenos ou nenas que acaban de nacer e que serán moi pronto recollidos en adopción, menores que se reintegrarán ao seu núcleo familiar pasado un tempo, adolescentes que estarán en acollemento ata a súa maioría de idade, nenos e nenas sans ou con enfermidades ou discapacidade, nenos e nenas sos ou soas ou grupos de irmáns e irmás...

Quen pode ser familia acolledora?

En moitos casos estes nenos e nenas son acollidos por persoas do seu propio entorno familiar (avós, tíos…). Nestes casos, falamos de acollementos en familia extensa

Outras veces, cando os nenos e nenas non teñen ningún parente que poida facerse cargo deles cunhas mínimas garantías de cubrir as súas necesidades, acódese a familias que voluntariamente se ofrecen a acollelos no seu fogar. Falamos entón de acollementos en familia allea

Calquera persoa, independentemente da súa idade, sexo, estado civil ou posición socio-económica que queira acoller a un neno, nena ou adolescente pode solicitar ser acolledora dun ou varios nenos ou nenas.

A única esixencia é poder ofrecerlles temporalmente un fogar. Para garantir que as familias que o desexan poden prestarlle aos nenos e nenas os coidados que precisan, os técnicos da Consellería de Política Social e Xuventude ou ben da Cruz Vermella, que colabora coa consellería na execución deste programa, entrevistan ás familias interesadas e valoran se son axeitadas para afrontar as distintas implicacións do acollemento. 

Se unha familia quere ser familia acolledora, pode dirixirse ás Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude, ou ben visitar o espazo web de acollemento familiar da Cruz Vermella, onde se informa das condicións e documentación que deben presentar.

Hai que subliñar que todos os membros da unidade familiar deberán aceptar voluntariamente o acollemento e a relación coa familia do ou da menor.

Aspectos clave no acollemento familiar

O acollemento familiar dun menor ten diferentes aspectos clave que toda familia acolledora debe ter en conta á hora de formar parte do programa:

  • A TEMPORALIDADE 

O acollemento familiar é unha medida temporal, aínda que a súa duración pode ser moi diversa: poden durar desde uns días ou semanas (acollementos de urxencia mentres se valora a situación da ou do menor) ata varios anos, prolongándose ata a maioría de idade (cando non é posible que o menor volte coa súa familia de orixe pero non quere ou non pode ser adoptado).

Todos os acollementos familiares teñen unha duración determinada, en función das necesidades e do problema que motivou a súa formalización. O acollemento durará o tempo que sexa necesario, ata a consecución e a resolución da situación familiar do neno ou nena. 

  • DIFERENCIA COA ADOPCIÓN

Non deben confundirse acollemento e adopción.

No acollemento familiar, mantéñense os vínculos de parentesco do ou da menor cos seus pais biolóxicos, considerándose unha medida de protección temporal. 

A adopción, por contra, si extingue os vínculos de parentesco do neno, nena ou adolescente  cos seus pais biolóxicos, e pasa a formar parte definitivamente dunha nova familia creándose unha nova relación de filiación.

Polo tanto, non deberán orientarse ao acollemento a aqueles que desexen satisfacer a etapa biolóxica de querer ser pai ou nai. O acollemento é unha acción solidaria, para axudar a un neno, nena ou adolescente a medrar e educarse nunha familia.

  • RELACIÓNS DO MENOR COA SÚA FAMILIA DE ORIXE

Como regra xeral, que loxicamente hai que valorar para cada caso concreto e pode ter excepcións, a separación da familia de orixe é temporal, e polo tanto débese traballar para que o antes posible o neno ou nena volte con ela. Para iso establécense visitas, contactos, ou incluso períodos de convivencia cos pais biolóxicos, para preservar as relacións familiares e valorar as posibilidades de retorno, cando se considera que as circunstancias que deron lugar á separación xa foron superadas. 

Do plan de visitas establecido informarase convenientemente á familia acolledora, que ten a obriga de facilitar os contactos e visitas entre o menor e familia de orixe.

É moi importante que a familia acolledora asuma e colabore con este plan de visitas na medida do posible, o que contribuirá a que o neno ou nena entenda e asuma a súa situación con normalidade.

Como se constitúe un acollemento?

O primeiro paso é contar coa familia axeitada para as necesidades do menor ou menores concretos que precisan unha familia. 

Como primeira medida, acódese á familia extensa: avós, tíos, ou incluso outras persoas que sen ser parentes teñen co menor unha relación de proximidade. Se ningunha destas persoas pode ou está en condicións de facerse cargo do/s neno/s ou nena/s, acódese ao banco de familias alleas, previamente seleccionadas pola Cruz Vermella, e elíxese entre elas aquela que mellor se axuste ao perfil e necesidades do menor.

O acollemento tanto en familia extensa como allea formalízase por escrito, mediante un contrato no que se reflicten as responsabilidades de cada unha das partes, isto é, da familia acolledora e da Consellería.

O acollemento require o consentimento dos acolledores e da persoa menor acollida se ten suficiente madurez e, en todo caso, se fose maior de 12 anos.

Tipos de acollemento

Temporal:

Ten carácter transitorio, ben porque se prevé a reintegración do menor coa súa propia familia a curto prazo, ou ben porque se está a estudar unha medida de protección de carácter máis estable. A súa duración máxima é de dous anos, agás que o interese superior do menor aconselle a prórroga da medida. 

De urxencia:

Principalmente para menores de seis anos, en tanto se decide a medida de protección que corresponda (a nena ou o neno tivo que ser separado de forma urxente da súa familia, pero aínda non existe unha valoración que permita establecer o plan de traballo).

Permanente:

Ofrece ao neno ou nena unha vida familiar estable, durante o tempo que sexa preciso, cando a idade do menor ou outras das súas circunstancias ou da súa familia así o aconsellen. É un acollemento, en xeral, de maior duración que, en moitos casos, se prolonga ata a maioría de idade do neno ou nena.

Por outra parte, en función do tipo de convivencia entre o menor e os acolledores, o acollemento pode ser:

  • De convivencia plena. Os acolledores ocúpanse as 24 horas do día os 7 días da semana da persoa menor acollida.
  • De fin de semana e/ou vacacións. Desenvólvese durante os fins de semana e os períodos vacacionais. O resto do ano, o menor está coa súa propia familia ou nun centro residencial. 
  • De día/noite. O acollemento ten lugar durante o día, regresando o ou a menor coa súa familia de orixe pola noite, ou viceversa.
Que principios ou criterios sigue a administración para constituir un acollemento familiar?
  • Dá prioridade á utilización do acollemento familiar sobre o residencial. Se ben en algúns casos ou circunstancias o acollemento residencial é mais axeitado, en xeral se considera que a familia é o medio natural para o crecemento e o benestar dos nenos.
  • Evita, na medida do posible, a separación de irmáns procurando que sexan acollidos por unha mesma familia.
  • Favorece a permanencia do neno ou adolescente no seu propio ambiente, procurando que o acollemento se produza en familia extensa sempre que sexa posible.
  • Fomenta as relacións entre o neno e a súa familia natural para posibilitar a súa reintegración a esta.
  • Mantén a medida polo tempo estritamente necesario.
  • Fomenta a integración do neno ou nena na contorna social e a asistencia aos sistemas educativos, sanitarios e laborais da súa comunidade.
Apoios cos que contan as familias acolledoras

COMPENSACIÓN ECONÓMICA 

As familias reciben unha compensación económica da Administración polo acollemento. 

As contías establécense en función da idade do menor acollido:

IDADE DO MENOR MES
< 1 ANO 600 €
1-3 ANOS 400 €
3-18 ANOS 350 €

Ademais, se o menor ten algunha enfermidade, discapacidade ou necesidade especial que requira coidados ou atencións especiais, poderá acordarse unha remuneración máis elevada, que se fixa caso a caso.

 

APOIO TÉCNICO

As familias acolledoras contan co apoio técnico e acompañamento dos Equipos Técnicos do Menor das Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude durante todo o tempo que dure o proceso de acollida. Ademais, no caso de familias alleas, contan co apoio dos equipos especializados da Cruz Vermella, e, no caso de familia extensa, dos equipos especializados de Aldeas Infantiles.

               

OUTROS BENEFICIOS

As familias acolledoras poden ser perceptoras doutros beneficios: 

  • Recoñecemento de familia de especial consideración. Co obxecto de dotar ás familias acolledoras dunha protección especial, na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, dáselles o carácter de “familias de especial consideración”, que outorga ás familias acolledoras un trato preferente en determinados ámbitos (vivenda, educación, transporte, etc) en función da normativa específica de cada un destes sectores. 
  • Familia numerosa. Os menores en acollemento permanente teñen a consideración de fillos, para os efectos da obtención da condición de familia numerosa. 
  • Exención de pagamento en escolas infantís. As familias que acollen menores en situación de tutela ou garda gozan de exención total de pagamento por acceso ás escolas infantís 0-3 dependentes da Administración autonómica. 

Ademais, teñen a posibilidade de acceder a unha praza nas ditas escolas en calquera momento do curso, se o acollemento se inicia con posterioridade ao peche do prazo de solicitude.

  • Reserva dunha quenda nas Residencias de Tempo Libre. As familias de acollida teñen prioridade en todas as quendas das estadías de verán nas dúas Residencias de Tempo Libre adscritas á Consellería de Política Social e Xuventude, Panxón e Carballiño. Ademais, beneficíanse dun desconto adicional no prezo desta estadía. 
  • Gastos extraordinarios. A Consellería de Política Social e Xuventude asume directamente aqueles servizos adicionais que necesiten as persoas menores, que se entenden que exceden do seu coidado ordinario e que non estean cubertos polo sistema público xeral: atención profesional especializadas –logopedia, psicoterapia, pedagoxía, enfermería, fisioterapia- atención óptica e odontolóxica, próteses, etc. 
  • Axudas para libros de texto. As persoas menores que se atopen en acollemento familiar, entre outros grupos, reciben a axuda máxima para a adquisición de libros correspondente á ensinanza obrigatoria e curso en que estean matriculados, con independencia do nivel de renda da familia acolledora. 
  • Comedor escolar. Os menores en acollemento familiar son usuarios gratuítos dos comedores escolares dependentes da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mentres cursen a ensinanza básica e o segundo ciclo de educación infantil. 
  • Prestación por maternidade/paternidade. Os menores en acollemento familiar de duración superior ao ano dan dereito á prestación por maternidade/paternidade da Seguridade Social.
Menores estranxeiros non acompañados

A nosa Comunidade Autónoma vive tamén o repunte na chegada de menores estranxeiros non acompañados (en adiante MENAS), aínda que en menor medida que outros territorios e, en ningún caso, estamos ante supostos nos que estes menores teñan que permanecer en condicións non dignas. Ao contrario, a chegada esta sendo asumida pola rede de centros de protección e polos técnicos de menores con total igualdade e implicación que o resto de situacións de desprotección.

A abordaxe dos casos de Menores Estranxeiros non Acompañados nos equipos técnicos de menores realízase tendo en conta en todos os casos a especialidade e especial vulnerabilidade destas situacións.

Por isto, desde protección de menores, o primeiro que procede, é xestionar o ingreso do menor no centro e con esa mesma data asumir a garda provisional (xa que habitualmente os casos son trasladados desde instancias policiais en horarios que se consideran de urxencias).

Posteriormente, unha vez realizada a proba de idade do menor e sinalada a idade a través do Decreto de Fiscalía, asúmese a tutela se, efectivamente, se constata a minoría de idade.

Unha vez asumida a medida de protección inícianse os distintos trámites e intervencións co menor que adoitan incluír:

  • Entrevista no servizo de protección asistido de tradutor que serve para que o ETM fágase unha composición sobre a situación familiar no pais de orixe ou as expectativas que ten sobre o futuro...
  • Tramitación da documentación. Algúns chegan con documentación en regra (os menos) nese caso non é necesario realizar estas xestións, se non, é necesario tramitarlle o permiso de residencia que ten certa complicación e pasa por unha cédula temporal. Tamén se xestiona a tarxeta sanitaria.
  • Formación no idioma. Como paso previo a calquera formulación do caso, establéceselles un apoio formativo para o idioma.

A partir de aquí trabállase con eles como con calquera menor do sistema de protección, coa peculiaridade de que como en case todos os supostos a chegada destes menores esta acompañada dunhas expectativas de traballo, intégranse no programa MENTOR ou se busca posible formación para a inserción laboral. Este traballo de inserción socio laboral comprende dende os 16 anos e pode alongarse ata os 25 nos casos en que sexa preciso para completar a formación que garanta a plena inserción.

A partir da colaboración e coordinación entre o Estado e as Comunidades Autónomas articulouse un procedemento para exercer a solidariedade interterritorial e complementar a outras Comunidades Autónomas que están sobrecargadas pola chegada de MENAS ao seu territorio.