Inicio > Áreas > Familia e infancia > Protección da infancia > Notificación de risco e maltrato

Notificación de risco e maltrato

Importancia da notificación dos casos de maltrato

Son moitos os casos de maltrato infantil que quedan no anonimato. É imprescindible que a situación detectada chegue a ser coñecida por aqueles que teñen o deber de velar polo benestar dos nenos e nenas: os seus pais, se o maltrato se produce por parte de terceiras persoas alleas á familia, e os servizos de protección á infancia se o maltrato se dá no propio seo familiar.

Para que un neno maltratado poida ser protexido e tanto el como a súa familia reciban os apoios necesarios para cambiar esa situación, é condición necesaria que alguén se percate de que se está a producir tal circunstancia. En xeral, o neno ou nena que sofre desprotección ou maltrato, non está en condicións de solicitar axuda ou protección. Por outra parte, en moitos casos, os pais ou titores rara vez informan da situación por estaren directamente implicados nela.

Por iso cobra especial importancia o papel das persoas que pola súa profesión, tales coma os médicos, ou os educadores, ou pola súa proximidade ao neno, nena ou adolescente están en condicións de detectar un posible maltrato. 

Desgraciadamente, e a pesar dos avances na concienciación deste problema, seguen a ser moitos máis os casos de maltrato infantil ocultos que aqueles que se detectan. Ás veces tendemos a pensar que só existe maltrato cando hai evidencia de agresións físicas ou sexuais, restándolle importancia a outras moitas condutas e situacións que poden implicar unha privación dos dereitos ou do benestar do neno, e que poñen en perigo o seu desenvolvemento como persoa a todos os niveis, físico, psíquico e social. Ademais, non debemos esperar a ter evidencia certa do maltrato para notificalo; unha simple sospeita, ou a existencia dunha situación de risco para o neno ou nena, deben ser suficientes para poñelo en coñecemento dos servizos de atención á infancia. 

Debemos comprender a urxencia e necesidade dun esforzo común en detectar e notificar toda situación de malos tratos á infancia, como único xeito de evitar que esta se cronifique e que as secuelas do maltrato pasen a ser permanentes.

¿onde se fai a notificación?

- SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO
É a vía ordinaria. Os profesionais dos servizos sociais municipais están capacitados para valorar inicialmente o caso e decidir se poden intervir directamente ou deben derivalo a outros organismos. 

- CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
Cando hai certeza ou unha sospeita razoable de que a saúde ou seguridade dun neno ou dunha nena están en perigo, pódese acudir directamente aos servizos especializados de protección da infancia, que adoptarán as medidas oportunas. 

Dirección Xeral de Familia e Inclusión 
Edif. Administrativo San Caetano, s/n
15771- Santiago de Compostela
Tfnos.- 981 54 56 61 / 981 95 78 37
Fax – 981 95 75 91
familia@xunta.es

Departamento Territorial da Coruña - Servizo de Familia e Menores 
r/ Enrique Mariñas, s/n “Edificio Proa” (Matogrande) 
15009 - A Coruña
Tfnos: 981 18 57 06 / 981 18 57 30
Fax: 981 18 57 37 / 981 18 57 01
 
Departamento Territorial de Lugo - Servizo de Familia e Menores 
Ronda da Muralla, 70.
27071 – Lugo
Tfnos: 982 29 48 79 / 982 29 43 67 / 982 29 44 42 
Fax: 982 29 43 86 

Departamento Territorial de Ourense - Servizo de Familia e Menores 
r/ Sáenz Díez, 39 baixo
32003 - Ourense
Tfnos: 988 38 65 84 / 988 38 61 22 
Fax: 988 38 61 31
 
Departamento Territorial de Pontevedra - Servizo de Familia e Menores 
r/ Concepción Arenal, 8
36201 – Vigo
Tfnos: 986 81 70 63 / 986 81 70 86 / 986 81 73 93
Fax: 986 81 70 40

- REXISTRO UNIFICADO DE MALTRATO INFANITL (RUMI)
Só para os profesionais do ámbito educativo e policial. Accédese a través da páxina web https://rumi.benestar.xunta.es/ mediante unha clave de usuario e contrasinal que son previamente asignados pola Dirección Xeral de Familia e Benestar.
 
- LIÑA DE AXUDA Á INFANCIA 
En calquera caso, pódese acudir a liña de axuda á infancia, que é un servizo permanente (24 h) e gratuíto, e onde hai profesionais que prestan o asesoramento axeitado e notifican inmediatamente a situación aos servizos que corresponda.
116 111