A adopción internacional

A adopción internacional é unha forma de protexer a aqueles nenos, nenas e adolescentes que non poden crecer no seo da súa familia nin teñen a posibilidade de integrarse noutra familia do seu país.

En España, como na maioría dos países desenvolvidos, estase a producir unha diminución progresiva do número de nenos, nenas e adolescentes (en adiante NNA) que poden ser adoptados, debido, entre outros factores, ao desenvolvemento do sistema de protección á infancia, da evolución favorable das condicións socioeconómicas e do descenso xeneralizado da taxa de natalidade. Estes mesmos factores fan que, ao mesmo tempo, aumenten os ofrecementos de adopción e, en consecuencia, se incrementen os tempos de espera.

Paralelamente outros países, por razóns socioeconómicas, non poden garantir o benestar de amplos sectores da poboación e contan cun gran número de NNA en condicións de ser adoptados. Para garantir que o proceso de adopción internacional se leve a cabo respectando os dereitos dos NNA e previr a súa subtracción, venda ou tráfico, no ano 1993 aprobouse na Haia un Convenio que regula o sistema de cooperación internacional nesta materia, que foi ratificado por España o 1 de agosto de 1995.

Na adopción dun NNA de orixe estranxeira intervén, ademais da lexislación española, a do país de orixe do NNA; entre elas hai toda unha serie de diferenzas, que van desde os requirimentos esixidos ata os efectos que se outorgan á adopción, pasando polo procedemento de constitución da adopción ou as autoridades que nel interveñen. En canto aos efectos, existen adopcións plenas, que supoñen unha ruptura total dos vínculos xurídicos do NNA coa súa familia biolóxica, e non plenas ou simples, o que supón que a pesar da creación dun novo vínculo de filiación entre o adoptado e os pais adoptivos, non se produce unha ruptura total cos vínculos xurídicos preexistentes entre o NNA adoptado e a súa familia de orixe.

Que o NNA pertenza a un país distinto implica diferencias culturais, étnicas e de idioma que imprimen a estas adopcións características propias, e que poden dificultar a adaptación á unidade familiar que ten que acomodarse á nova situación.

¿Que NNA poden ser adoptados?

Son as autoridades competentes de cada país, de acordo coa súa propia normativa, as que determinan que NNA son susceptibles de ser adoptados. Tamén son estas autoridades as que asignan un NNA concreto a unha determinada familia solicitante de adopción.

¿Quen pode adoptar?

Na adopción dun NNA de orixe estranxeira interveñen dúas lexislacións, a do país de orixe do NNA e a das persoas que van a adoptar. Hai que ter en conta, polo tanto, os requirimentos que esixen ambas as dúas lexislacións. En calquera caso, cando se trate de cónxuxes ou parellas de feito a vontade de adoptar debe ser compartida por parte de ambos os dous.

Conforme á lexislación española, as persoas que presenten o seu ofrecemento deberán cumprir, entre outros, os seguintes requisitos:

  • O/a adoptante debe ser maior de vinte e cinco anos. Se son dous os adoptantes abondará con que un deles acadara dita idade.
  • A diferencia de idade entre adoptante e adoptando será de polo menos, 16 anos, e non poderá ser superior a 45 anos, agás nos supostos previstos no art. 176.2 do C.C. Cando foran dous os adoptantes, será suficiente con que un deles non teña esa diferencia máxima de idade co adoptando.
  • Ter residencia habitual na Comunidade Autónoma galega ou ser emigrante galego con previsión de retorno; neste caso deberase xustificar a residencia efectiva na comunidade autónoma no prazo máximo dun ano desde a data de presentación o ofrecemento.
  • Ter plena capacidade xurídica e de obrar.
  • Ser considerada persoa idónea para a adopción tralo correspondente procedemento de valoración.

Para iniciar un proceso de adopción internacional débese tramitar un expediente administrativo previo ante a entidade pública de protección de menores (Consellería de Política Social e Igualdade).

A tramitación no país ao que vaia destinada a solicitude pódese facer por varias vías, dependendo do que estableza o propio país: podendo ser ou por “protocolo público” (é dicir, a través da Entidade Pública ou a través dun Organismo Acreditado para a Adopción Internacional (en adiante OAAI) debidamente acreditados.

ORGANISMOS ACREDITADOS PARA A ADOPCIÓN INTERNACIONAL (OAAI)

Os OAAI son entidades sen ánimo de lucro inscritas no rexistro correspondente, que teñen como finalidade nos seus estatutos a protección á infancia. As funcións que, entre outras, desempeñan son:

  • Información ás persoas interesadas en materia de adopción internacional.
  • Asesoramento, formación e apoio ás persoas que se ofrecen para a adopción no significado e implicacións da adopción, nos aspectos culturais relevantes e nos trámites que necesariamente deben realizar en España e nos países de orixe dos nenos e nenas.
  • Intermediación na tramitación de ofrecementos de adopción entre as autoridades competentes españolas e estranxeiras.
  • Realización das xestións correspondentes para o cumprimento das obrigacións postadoptivas establecidas para as familias adoptivas na lexislación do país de orixe da persoa menor adoptada, que lles serán encomendadas nos termos fixados pola Entidade Pública española onde esta resida.

Para mediar nas adopcións dun determinado país, os OAAI deben ser habilitados pola Xunta de Galicia e polo país do que se trate. Cando en Galicia non exista ningún OAAI habilitado para tramitar adopcións nun país concreto, as persoas oferentes que o desexen poden solicitar a mediación de OAAI noutras comunidades autónomas.

Os OAAI poden percibir unha compensación económica das persoas que presentan o ofrecemento para a adopción internacional para facer fronte aos gastos derivados da súa xestión, incluídos os honorarios profesionais. Os custos dos servizos serán expostos publicamente nas oficinas dos OAAI, previamente autorizados pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Organismos Acreditados de Adopción Internacional con sede local/oficina en Galicia: