Casas do maior

As casas do maior son un servizo gratuíto de atención diúrna a persoas maiores de 60 anos, similar aos centros de día, pero con 5 prazas cada unha para asegurar un coidado personalizado.

O servizo é prestado por un profesional autónomo ou por cooperativas de traballo, e localízanse en concellos que non contan con centros de día.

Quen pode asistir a unha casa do maior?

Están destinadas a persoas maiores de 60 anos sen dependencia, ou con dependencia grao I, empadroadas no concello onde se sitúa a casa do maior (ou nos concellos limítrofes se non contan con recursos de atención diúrna a maiores).

Canto tempo pode pasar o usuario na casa do maior?

A persoa usuaria pode acudir 8 horas ao día, de luns a venres, con horario flexible pactado coa casa do maior.

As casas do maior abren 11 meses ao ano. Só permanecen pechadas as fins de semana, os festivos e un mes de vacacións. 

Que servizos prestan?

As casas do maior ofrecen unha atención integral durante o día, centrada no benestar e no acompañamento personalizado de cada persoa usuaria.

Nestes recursos desenvólvense actividades de envellecemento activo, estimulación cognitiva, apoio na hixiene persoal e outras accións adaptadas ás necesidades individuais.

Ademais, poden incluír:

  • Servizo de manutención, para as persoas que o precisen, cun custo de entre 7 e 10 euros ao día.
  • Servizo de transporte, nas casas nas que a promotora solicitase esta modalidade.
Canto custa?

O servizo de atención nas casas do maior é gratuíto para as persoas usuarias, ao estar financiado pola Xunta de Galicia.

  • No caso de optar polo servizo de manutención, aplicarase un custo adicional de entre 7 e 10 euros ao día.
  • Nas casas que dispoñan de servizo de transporte, este será gratuíto.
Que debo facer para solicitar unha praza para un familiar?

Deberá dirixirse aos servizos sociais do seu Concello, onde recibirá o asesoramento preciso para realizar os trámites necesarios e iniciar o procedemento.

Información para as promotoras de casas do maior

A Xunta de Galicia concede unha axuda a aquelas persoas que queiran poñer en marcha unha casa do maior no seu municipio, sempre e cando o Concello non conte con centro de día e reúna as condicións mencionadas na normativa. 

O Goberno galego concede unha subvención de máis de 24.000 euros anuais por prestar o servizo, ao que se lle engaden 12.100 euros anuais se prestan servizo de transporte, e 15.000 euros adicionais ao inicio da actividade pola adecuación do espazo. Durante as baixas por maternidade aboarase un complemento de 150 euros semanais.

As subvencións solicítanse a través do procedemento BS212A da sede electrónica da Xunta de Galicia