Notificación de risco e maltrato

- REXISTRO UNIFICADO DE MALTRATO INFANITL (RUMI)

NOTIFICACIÓN DE RISCO E VIOLENCIA CONTRA A INFANCIA

Son moitos os casos de violencia contra a infancia que quedan no anonimato. É imprescindible que a situación detectada chegue a ser coñecida por aquelas persoas que teñen o deber de velar polo benestar dos nenos, nenas e adolescentes (en diante, NNA).

Para que un NNA que sofre ou sufriu violencia poida ser protexido, e para que tanto o NNA como a súa familia, de ser o caso, reciban os apoios precisos para cambiar esta situación, é necesario que a dita situación se comunique ás autoridades ou organismos competentes.

En xeral, o NNA que sofre violencia adoita atoparse ante dous posibles escenarios: ou ben non se atreve a contalo, ou ben non está en condicións de solicitar axuda ou protección. Ademais, os pais ou titores de cando en cando non adoitan informar da situación por estar implicados nela, directa ou indirectamente.

Por esa razón cobra especial importancia o papel das persoas que pola súa profesión, tales como médicos, psicólogos e educadores, ou pola súa proximidade ao NNA, están en condicións de detectar un posible caso de violencia contra a infancia.

Desgraciadamente, e a pesar dos avances na concienciación desta problemática, seguen sendo moitos máis os casos ocultos de malos tratos contra a infancia que aqueles que se detectan. En moitas ocasións, equivocámonos ao considerar que só existen malos tratos cando hai evidencia de agresións físicas e/ou sexuais, restándolles importancia a moitas outras condutas e situacións que poden implicar unha privación dos dereitos ou do benestar do NNA, e que poñen en perigo o seu desenvolvemento como persoa a nivel físico, psíquico e/ou social. Ademais, non debemos esperar a ter confirmación da violencia contra un NNA para notificalo. Unha simple sospeita ou a existencia dunha situación de risco para o NNA deben ser suficientes para poñelo en coñecemento dos servizos de protección de menores.

Debemos comprender a necesidade e urxencia de axuntar esforzos á hora de detectar e notificar toda situación de violencia contra a infancia. É a única forma de evitar que esta se cronifique e que as secuelas da violencia pasen a ser permanentes.

Notificar é transmitir ou trasladar información sobre a posible situación de desprotección. Trátase dunha condición necesaria co fin de posibilitar a interacción protectora, ademais de ser unha obrigación legal e profesional.

A notificación dun caso de violencia contra a infancia chega a través de distintas vías: pode chegar a través dos Servizos Sociais Comunitarios, de Fiscalía, dos hospitais, dos centros educativos ou da policía (en xeral, dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado).

________________________________________

  1. Desde a entrada en vigor da Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, o concepto maltrato infantil foi substituído por violencia contra a infancia.
  2. En proceso de implantarse unha nova ferramenta que substituirá ao RUMI, o Rexistro Unificado de Servizos Sociais sobre Violencia contra a infancia (RUSSVI), en virtude da Disposición adicional quinta da Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño.

________________________________________

Estas dúas últimas fontes de comunicación canalizan a información a través do Rexistro Unificado de Malos tratos(1) Infantís (en diante RUMI(2).

A finalidade do RUMI é dispoñer dunha ferramenta que facilite o seguimento da situación de violencia contra o NNA, así como a integración da información obtida por parte dos distintos actores implicados.

Pódese acceder a esta ferramenta a través da seguinte ligazón:

https://rumi.benestar.xunta.es/

Para acceder será necesario dispoñer de clave de usuario e contrasinal, que son previamente asignados pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. As solicitudes de clave de usuario e contrasinal deberán dirixirse ao seguinte correo electrónico:

proteccionmenores [at] xunta.gal (proteccionmenores[at]xunta[dot]gal)

Este correo electrónico tamén estará a disposición para resolver calquera dúbida en relación ao acceso e utilización desta ferramenta.

A continuación proporciónanse tanto o manual educativo como o policial. En ambos explicase como proceder para notificar unha posible situación de violencia contra a infancia.

_________________________________________

  1. Desde a entrada en vigor da Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, o concepto maltrato infantil foi substituído por violencia contra a infancia.
  2. En proceso de implantarse unha nova ferramenta que substituirá ao RUMI, o Rexistro Unificado de Servizos Sociais sobre Violencia contra a infancia (RUSSVI), en virtude da Disposición adicional quinta da Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño.

_________________________________________
 
- LIÑA DE AXUDA Á INFANCIA 
En calquera caso, pódese acudir a liña de axuda á infancia, que é un servizo permanente (24 h) e gratuíto, e onde hai profesionais que prestan o asesoramento axeitado e notifican inmediatamente a situación aos servizos que corresponda.
116 111