Inicio > Áreas > Familia e infancia > Familias numerosas

Familias numerosas

As familias numerosas de Galicia poden solicitar o Título de Familia Numerosa, expedido pola Xunta de Galicia e con validez en toda España. Desde 2024, as familias numerosas que soliciten ou renoven o seu título verán ampliada a súa vixencia con carácter xeral ata que o fillo menor cumpra os 26 anos de idade, o que evitará milleiros de renovacións e trámites cada ano.

O Título de Familia Numerosa pode solicitarse de forma áxil a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, os 365 días do ano as 24 horas do día. Esta ligazón derivarao directamente ao procedemento da sede electrónica. Tamén pode tramitarse de xeito presencial nos seguintes centros da Consellería de Política Social e Xuventude

NOVIDADE: Todas as familias numerosas de Galicia xa poden acceder ao novo Título en formato dixital nos seus dispositivos móbiles a través da app 'Xunta.eu', coa mesma validez que o título en formato tarxeta. Ademais, as familias numerosas que soliciten ou renoven o seu título accederán ao novo título en formato tarxeta, que substitúe ao título en formato papel. 

Que tipos de Familia Numerosa hai?

Para o recoñecemento da condición de familia numerosa deben cumprirse algún dos seguintes supostos:

  • Unidade familiar formada por unha ou dúas persoas ascendentes e tres ou máis fillas ou fillos, sexan ou non comúns aos dous ascendentes.

  • Unidade familiar con dous fillos, cando un deles teña unha discapacidade ou se atope incapacitado para traballar.

  • Unidade familiar con dous fillos, cando ambos os ascendentes teñan unha discapacidade ou se atopen incapacitados para traballar ou, como mínimo, unha delas teña un grao de discapacidade igual o superior ao 65 %.

  • 3 ou máis irmáns orfos de nai e pai ou dous maiores de 18 anos, se un deles ten unha discapacidade, conviven e teñen unha dependencia económica entre eles.

  • 2 irmáns orfos de nai e pai sometidos a tutela, acollemento ou garda, que convivan coa persoa titora, acolledora ou gardadora pero non ás súas expensas.

  • Nai ou pai separado ou divorciado con tres ou máis fillas e/ou fillos sexan ou non comúns, aínda que pertenzan a distintas unidades familiares, sempre que se atopen baixo a súa dependencia económica aínda que non convivan no domicilio conxugal. (No caso de que non existira o acordo das persoas proxenitoras sobre as fillas e/ou fillos que se deban considerar na unidade familiar terase en conta o criterio da convivencia).

  • Nai ou pai con dous fillos ou fillas cando falecese a outra persoa proxenitora.

Que documentación preciso para solicitar o título?

Hai unha documentación común a toda familia que solicita o título de familia numerosa:

  • Impreso cuberto e asinado.
  • Fotocopia do DNI, NIE ou do permiso de residencia e/ou traballo de ambos cónxuxes, agás supostos de viuvez, se non se autoriza a consulta para obter do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a verificación dos datos do seu documento.
  • Fotocopia do libro de familia.
  • Certificado de empadroamento conxunto da unidade familiar.

Diferentes supostos

  • No suposto de viuvez: certificado de defunción ou fotocopia do libro de familia onde estea rexistrado o falecemento.
  • No caso de separación ou divorcio: fotocopia da sentenza de separación ou divorcio e, de ser o caso, do convenio regulador. Se solicita o título de familia numerosa a persoa proxenitora que non convive coas fillas ou fillos, a persoa que ten a custodia deberá asinar o seu consentimento na solicitude e haberá que achegar ademais copia do seu DNI.
  • No caso de discapacidade ou incapacidade para o traballo dalgún membro: certificación expedida polo Equipo de Valoración de Incapacidades (EVI) do Instituto Nacional de Seguridade Social. No caso de certificacións emitidas polos Equipos de Valoración e Orientación (EVO) da Consellería de Política Social non é necesario a achega.
  • No caso de que a discapacidade corresponda a unha filla ou fillo maior de 26 anos, certificado de ingresos ou autorización para solicitar da Axencia Estatal da Administración Tributaria as certificacións relativas ao seu nivel de renda, salvo que percibisen pensión non contributiva por invalidez.
  • No caso de adopción ou acollemento familiar permanente: copia da resolución xudicial ou administrativa que a constitúa, salvo que fose expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.
  • No caso de tutela: copia da resolución xudicial.
  • No caso de cidadáns españois que traballen en institucións españolas no estranxeiro, documentación acreditativa de estar inscritos no censo electoral de calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Que documentación preciso para renovar o título?

Documentación común a todas as renovacións

  • Título de familia numerosa caducado.
  • Impreso cuberto e asinado.
  • Certificado de empadroamento conxunto da unidade familiar.

Diferentes supuestos: 

Supostos de viuvez:

Se non se autoriza a consulta para obter do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a verificación dos datos do seu documento.

  • Fotocopia do NIE ou do permiso de residencia e/ou traballo de ambos cónxuxes, agás

Por cambio do número de persoas membros da unidade familiar:

  • Copia do libro de familia.

Por discapacidade suxeita a revisión das fillas ou fillos maiores de 26 anos:

  • Certificación expedida polo Equipo de Valoración de Incapacidades (EVI) do Instituto Nacional de Seguridade Social. No caso de certificacións emitidas polos Equipos de Valoración e Orientación (EVO) da Consellería de Política Social non é necesario a achega.
  • No caso de que a discapacidade corresponda a unha filla ou fillo maior de 26 anos, certificado de ingresos ou autorización para solicitar da Axencia Estatal da Administración Tributaria as certificacións relativas ao seu nivel de renda, salvo que percibisen pensión non contributiva por invalidez.
Requisitos para ser familia numerosa

As fillas e fillos deberán cumprir as seguintes condicións:

  • Ser solteiras ou solteiros e menores de 21 anos, a non ser que teñan unha discapacidade ou se atopen incapacitados para traballar. A idade poderase ampliar ata 25 anos se cursan estudos axeitados á súa idade e titulación ou encamiñados á obtención dun posto de traballo.
  • Convivir coa persoa ou persoas ascendentes.
  • Depender economicamente da persoa ou persoas ascendentes. Entenderase que teñen dependencia económica cando, no caso de ter ingresos, estes non sexan superiores no cómputo anual, ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, salvo que percibise pensión non contributiva por invalidez (en cuxo caso non operará tal límite), ou contribúa ao sustento da familia nos supostos establecidos na lei.

As persoas integrantes da unidade familiar deberán:

  • Ser españolas o nacionais dun estado membro da Unión Europea ou dalgún dos restantes estados que formen parte do acordo sobre o Espazo Económico Europeo.
  • Ter a súa residencia en territorio español ou, de tela noutro estado membro da Unión Europea ou que sexa parte do acordo sobre o Espazo Económico Europeo e que, como mínimo, unha das persoas ascendentes da unidade familiar exerza unha actividade por conta allea ou por conta propia en España.

As persoas nacionais doutros países terán dereito ao recoñecemento de familia numerosa sempre que os membros beneficiarios residan en España nos termos establecidos na Lei orgánica 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, reformada pola Lei orgánica 8/2000, de 22 de decembro e a súa normativa de desenvolvemento.

Que categorías de familias numerosas hai?
  • Categoría especial:
    • As de cinco ou máis fillas/os

    • As de catro nos seguintes supostos:

      • Se como mínimo tres das/os fillas/os proceden de parto múltiple, adopción múltiple ou acollemento permanente ou preadoptivo múltiple.

      • Se os seus ingresos anuais, divididos polo número de persoas membros que compoñen a unidade familiar non superan en cómputo anual o 75% do IPREM, incluídas as pagas extraordinarias.

  • Categoría xeral:
    • O resto das unidades familiares.

Para estes efectos, cada filla/o con discapacidade ou incapacidade para traballar computa como dous co fin de determinar a categoría na que se clasifica a unidade familiar da que forma parte.

Normativa