Inicio > Áreas > Familia e infancia > Adopcions > A adopción nacional

A adopción nacional

No transcurso das fases iniciais do proceso de adopción a familia xa decide se opta por realizar unha adopción nacional, unha internacional ou ambas á vez.

 

¿Que nenos poden ser adoptados?

Na adopción nacional, con carácter xeral só poden ser adoptados as nenas, nenos e adolescentes:

  • Que fosen abandonados.
  • Que os seus pais fosen privados da patria potestade.
  • Que os pais desen a súa conformidade para a adopción. No caso dos bebés que acaban de nacer, o asentimento da nai non poderá prestarse ata que teña transcorrido 30 días dende o parto.

É preciso saber que se o neno é maior de doce anos, deberá prestar o seu consentimento para ser adoptado.

 

¿Quen pode adoptar? 

De acordo coa lexislación española e galega, con independencia do seu estado civil, calquera individuo, matrimonio ou parella de feito pode solicitar una adopción nacional. No caso de ser cónxuxes ou parellas de feito a vontade de adoptar debe ser compartida por parte de ambos.


É necesario cumprir os seguintes requisitos:

  • Ter como mínimo 25 anos cumpridos; no caso de solicitude conxunta por unha parella, bastará con que un deles teña esta idade. En todo caso, o adoptante deberá ter, polo menos, 14 anos máis que o adoptado.
  • Ter residencia habitual na Comunidade Autónoma galega ou ser emigrante galego con previsión de retorno; neste caso deberase xustificar a residencia efectiva en Galicia no prazo máximo dun ano desde a data de presentación da solicitude.
  • Ter plena capacidade xurídica e de obrar.
  •  Estar declarado persoa idónea para a adopción tras o correspondente procedemento de valoración.