Inicio > Áreas > Familia e infancia > Orientacion E Mediacion Familiar > Puntos de encontro familiar

Puntos de encontro familiar

Os Puntos de Encontro Familiar (PEF) son instalacións que preservan a relación entre os menores e as persoas das súas familias en situación de crise. Procuran a seguridade e o benestar dos menores, favorecen os vínculos coas súas familias e facilitan o cumprimento do réxime de visitas.

Os PEF son un equipamento social, de carácter neutral e especializado para o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente.

Teñen por obxecto favorecer a relación entre os menores e as súas familias cando hai unha situación de separación, divorcio, nulidade, tutela ou calquera outro suposto de interrupción da convivencia familiar, así como cando o exercicio do dereito de visitas se vexa interrompido ou o seu cumprimento resulte difícil ou conflitivo.

Que intervencións se realizan nos PEF?

Con respecto a execución do réxime de visitas:

  • Entregas e recollidas das e dos menores: Intervención dos profesionais nos momentos en que os familiares acoden ao servizo para entregar ou recoller ao menor no desenvolvemento do réxime de visitas. Nestes casos, o PEF actúa como intermediario e supervisor desas entregas e recollidas.
  • Visitas tuteladas: aquelas que se desenvolven de forma controlada baixo a supervisión e presenza continuada dun profesional do servizo por un tempo máximo de dúas horas.
  • Visitas supervisadas: aquelas que se desenvolven por un tempo máximo de dúas horas, sen a presenza continuada do equipo técnico, especialmente en casos nos que a persoa proxenitora que ten o dereito de visita careza de vivenda na localidade.

Ademais do cumprimento do réxime de visitas tamén leva a cabo outras intervencións:

  • Deseño e desenvolvemento dun programa psicosocioeducativo individualizado de intervención coas familias e os menores, coa finalidade de acadar a normalización das relacións familiares.
  • Orientación e apoio familiar proporcionando información, atención e asesoramento ás persoas proxenitoras e aos menores, propiciando o desenvolvemento de relacións materno/paterno-filiais axeitadas.
  • Intervención en negociación e aplicación de técnicas mediadoras. O equipo técnico poderá, se o considera axeitado e conta coa vontade das partes, intervir aplicando técnicas mediadoras para conseguir acordos que permitan adecuar o réxime de visitas á realidade familiar, así como para favorecer o exercicio da coparentalidade.
  • Intervencións encamiñadas a reducir o impacto da nova situación familiar e preparar as persoas proxenitoras e aos seus fillos para que as relacións entre eles se cheguen a normalizar e a realizar coas maiores garantías posibles.
  • Rexistro e documentación das actividades realizadas.

PUNTOS DE ENCONTRO FAMILIAR

Localizacións dos Puntos de Enconro Familiar en Galicia:

LOCALIDAD ENTIDAD TELÉFONO

A CORUÑA

EULEN SERVICIOS SOCIOSANITARIOS S.A.

981297534

FERROL

ALVALOP SERVICIOS XXI S.L

981369217

RIBEIRA

FUNDACIÓN MENIÑOS

881867425

SANTIAGO DE COMPOSTELA

ASOCIACIÓN ENCONTRO

981577595

LUGO

ASOCIACIÓN CENTRO TRAMA

982229861

OURENSE

EULEN SERVICIOS SOCIOSANITARIOS S.A.

988211031

PONTEVEDRA

FUNDACIÓN MENIÑOS

986861999

VIGO

ALVALOP SERVICIOS XXI S.L

986376181

 

INFORMACIÓN E ASESORAMENTO

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e adolescencia: 981 957 165