Inicio > Áreas > Familia e infancia > Protección da infancia > Campaña un de cada cinco

Campaña un de cada cinco

Nacida no seo do Consello de Europa, ao abeiro do Convenio para a protección dos nenos contra a explotación e o abuso sexual (coñecido como Convenio de Lanzarote), a campaña “Un de cada cinco” xurde como instrumento para frear a violencia sexual contra os nenos, nenas e adolescentes. Entre os seus obxectivos principais atópase o de proporcionarlles aos nenos, ás familias e á sociedade en xeral coñecementos e ferramentas para previr a violencia sexual contra aqueles; deste modo procúrase crear conciencia acerca de todo o que constitúe violencia sexual contra os menores de idade.

A Consellería de Política Social, en colaboración co Consello de Europa, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e a FAPMI (Federación de Asociacións para a Prevención do Maltrato Infantil) desenvolve a campaña “Un de cada cinco” en Galicia, e ofrécelles aos distintos axentes implicados na protección á infancia (profesionais dos ámbitos educativo, social, sanitario, xudiciais, etc,) a posibilidade de participar nestas actividades, poñendo á súa disposición toda a información necesaria para promover a prevención da violencia sexual e do abuso sexual infantil.

Entre as accións que poden desenvolver estes axentes, as máis significativas teñen que ver coa difusión da Campaña e os seus materiais, así como o deseño de accións formativas e de sensibilización dirixidas aos integrantes da rede de actuación e aos beneficiarios das súas actuacións.

Igualmente a Campaña Un de cada cinco ocúpase da formación de mediadores que poidan diseminar esta formación e a capacitación a outros contextos e perfís. Ao longo do desenvolvemento da campaña, lévanse a cabo unha serie de actuacións, debemos destacar as seguintes:

  • Prevención e sensibilización.
  • Difusión de información.
  • Accións formativas
  • Promocións de boas prácticas, estudos, investigación.
Cómo adherirse?

Unha boa oportunidade para sumar esforzos: ADHESIÓN á CAMPAÑA UN DE CADA CINCO

A Campaña Un de cada cinco pretende crear conciencia acerca de todo o que constitúe violencia sexual contra as persoas menores de idade.

Esta campaña está orientada aos pais, coidadores e nenos, nenas e adolescentes e a todos os axentes implicados na protección á Infancia: entidades de Asuntos Sociais, Xustiza, Sanidade, Educación, e Tecnoloxías da Información e das Comunicacións; parlamentarios, autoridades locais e rexionais, mediadores para os nenos, organizacións da sociedade civil, asociacións de pais e nais e redes de docentes, nos sectores do ensino, do benestar, da saúde, da xustiza e a cidadanía.

A este respecto, os mediadores que traballan directamente cos nenos e as súas familias a nivel preventivo son socios crave na Campaña, e poden contribuír a difundir os materiais aos nenos e pais mediante un programa de traballo a medio e longo prazo. Por elo, un dos obxectivos da Campaña é conseguir que todos os sectores, ámbitos e axentes directa e indirectamente relacionados coa atención a nenos, nenas e adolescentes involúcrense na prevención do abuso sexual contra persoas menores de idade, creando unha rede de prevención, que pretende sumar esforzos para fomentar a eficacia e a eficiencia creando un contexto de prevención do abuso sexual infantil.

Quen pode participar?

Particulares, profesionais, pais, nais, AMPAS, familias, administracións locais, estatais, autonómicas, asociacións, Fundacións, ONG(s), institucións, colectivos profesionais, veciñais, xuvenís, de adultos, colectivos profesionais, veciñais, xuvenís, centros educativos, ludotecas, empresas, espazos de educación informal, lecer, tempo libre, medios de comunicación, universidades, grupos de investigación, TODOS

Que implica?

Difundir os materiais e recursos en todos os contextos e ámbitos Organización de accións formativas para a capacitación de mediadores Organización de seminarios, conferencias, talleres sobre aspectos relacionados coa violencia sexual contra os nenos Accións orientadas aos axentes directamente relacionados coa infancia e adolescencia, incluíndo ás familias.

 

Todas aquelas persoas, colectivos ou entidades que desexen adherirse á campaña poden facelo a través da Federación de Asociacións para a Prevención dos Malos tratos Infantís (FAPMI), coordinadora da Campaña en España, remitindo o formulario de adhesión seguinte:

Formulario de Adhesión a Campaña

A través deste Formulario recóllense algúns datos básicos das Organizacións e medios de contacto para favorecer a coordinación das actuacións

No Formulario de Adhesión especifícanse os compromisos dos axentes colaboradores.

Como podemos formalizar a nosa participación?

Non é necesario desenvolver un gran número de actividades. Cada Organización poderá programalas en función das súas necesidades e recursos.

Por outra banda, ao finalizar o ano as entidades membro da Rede han de remitir un breve informe sobre as actividades desenvolvidas para a elaboración da Memoria da Campaña.

A que nos comprometemos, coa adhesión?

A participación na Campaña esixe dous compromisos:

Por unha banda, o compromiso de difundir e/ou desenvolver actividades relacionadas coa Campaña, como poden ser seminarios formativos, talleres, charlas, presentación dos materiais, envío aos membros da Organización e redes de colaboradores...
Saber máis

Guía de recursos para a prevención e atención do abuso e a explotación sexual infantil, realizada por Save the Children España co apoio e financiamento do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Trátase dunha guía de recursos especializados en abuso sexual infantil, cuxo obxectivo consiste na sensibilización e formación dos profesionais, o intercambio de experiencias interinstitucionales, e a concienciación social sobre os riscos de abuso sexual.

Nela pódense atopar os recursos existentes nas diferentes comunidades autónomas para a prevención e a atención do abuso sexual infantil, co fin de brindar aos profesionais encargados da protección dos nenos e nenas e a calquera persoa interesada, información crave para a súa actuación fronte a estas formas de violencia. Inclúese tamén bibliografía especializada de referencia, con publicacións e materiais de interese.

Descargar GUÍA 

INFORME INFANCIA E XUSTIZA: UNHA CUESTIÓN DE DEREITOS: OS NENOS E AS NENAS ANTE A ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA EN ESPAÑA: Save The Children e Colexio de Avogados de Madrid. Madrid 2013.

Neste informe Save the Children alerta de que non sempre os nenos e as nenas son tratados de acordo á súa idade ou estado de madurez, o que pode xerar neles confusión, temor ou mesmo culpabilidade. O dereito dos nenos a ser debidamente escoitados durante os procedementos, tanto xudiciais como administrativos, e nos procesos nos que participan non se garante suficientemente e en moitos casos non se respecta.

Descargar INFORME

III PLAN DE ACCIÓN CONTRA A EXPLOTACIÓN SEXUAL DA INFANCIA E A ADOLESCENCIA 2010-2013

O III Plan contra a Explotación sexual da Infancia (PESI 2010-2013), elaborouse coas propostas das institucións, departamentos ministeriais e entidades relacionadas coa infancia, coa colaboración de Save the Children e no seo do Grupo de Malos tratos do Observatorio da Infancia, do que a Dirección Xeral de Familia e Inclusión da Xunta de Galicia forma parte.

Ten como obxectivo fomentar a prevención e a atención das diferentes formas de Explotación Sexual Infantil (ESI) e o restablecemento dos dereitos dos nenos e nenas vítimas destes delitos.

Insiste na necesidade de fortalecer a coordinación interinstitucional coa colaboración de Comunidades Autónomas e dos Ministerios correspondentes para procurar unha atención integral, así como loitar contra calquera forma de Explotación Sexual Infantil a través da prevención e a protección dos dereitos da infancia.

Igualmente diríxese a potenciar a colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade na loita contra a pornografía infantil, así como a sensibilizar á sociedade sobre o uso seguro das TIC(s) e analizar o impacto da piratería de descargas, especialmente nos colectivos da infancia e a adolescencia.

Descargar III PLAN  

 

ACTIVIDADES REALIZADAS​

Santiago de Compostela, 10. XI .2014. Seminario de formación de mediadores en prevención do abuso sexual infantil: Campaña “Un de cada Cinco”

As Consellerías de Traballo e Benestar e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e FAPMI-ECPAT España, levaron a cabo a celebración dun Seminario de formación de mediadores en prevención do abuso sexual infantil, dentro das actividades da Campaña do Consello de Europa para a prevención da violencia sexual contra nenos, nenas e adolescentes “Un de Cada Cinco”.  No acto, que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela o 10 de novembro de 2014, reuníronse 80 profesionais da orientación educativa e da inspección escolar e 20 do ámbito da intervención con menores, como axentes chave na prevención do abuso sexual infantil e adolescente.

O Seminario contou coa presenza de D. Tomás Aller Floreancig, coordinador xeral de FAPMI-ECPAT España, quen presentou o marco lexislativo da Campaña “Un de Cada Cinco”;  Dª Naiara Navarro Olasagasti, psicóloga forense da asociación CAVAS – Cantabria, quen desenvolveu unha aproximación ao abuso sexual infantil, presentando indicadores de detección, mitos e propostas de actuación.  Así mesmo, estiveron con nós a Dra. Dolores Seijo  Martínez, profesora titular de Psicoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela, coa ponencia: Violencia, maltrato e abuso sexual; Dª Inmaculada Araújo López, terapeuta do Programa intervención con menores Alborada, quen  falou dos indicadores de detección do abuso sexual infantil e a súa avaliación; D. Jesús Spínola Conde, quen expuxo o Rexistro Unificado de Maltrato Infantil como ferramenta de detección e notificación de casos de maltrato infantil no ámbito educativo, dispoñible nos centros escolares de Galicia; e a Dra. Mercedes Oliveira Malvar, especialista en educación emocional  e profesora no IES Alexandre Bóveda de Vigo, coa presentación dunha proposta de educación afectiva para  adolescentes.

A celebración deste Seminario considérase unha acción preventiva e indicada no eido educativo,  no que a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión,  pon ao alcance dos orientadores, equipos de orientación específicos e inspectores escolares formación, experiencias, boas prácticas e solucións para previr e detectar os abusos sexuais aos nenos e nenas, e tratar de crear un contexto social intransixente co abuso sexual infantil en Galicia.

Neste senso, a Xunta de Galicia, o pasado 6 de novembro adheriuse a Campaña Un de cada Cinco e asinou unha declaración institucional pola que vén a consolidarse coma a única comunidade autónoma na adopción dun compromiso común de todo o executivo galego para loitar contra a violencia sexual dirixida a infancia e a adolescencia,  e que persigue a concienciación do conxunto da sociedade para a súa erradicación.

Debemos subliñar a boa participación e acollida de todos os colectivos referidos, xerándose un clima de colaboración e cooperación propicio para o desenvolvemento de novas actividades e accións encamiñadas á prevención da violencia sobre os nenos, nenas e adolescentes.

Pontevedra. 25. III. 2014. Universidade de Vigo. Seminario "Formación de Mediadores en Prevención do Abuso Sexual Infantil"

A Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e a Federación de Asociacións para a Prevención dos Maltrato Infantil FAPMI-ECPAT España, en colaboración coa Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela, convocaron un Seminario dirixido a profesionais e futuros profesionais de todos os ámbitos interesados en promover a prevención do abuso sexual infantil e adolescente.

Esta actividade enmárcase dentro da Campaña para a Prevención da Violencia Sexual contra Nenos, Nenas e Adolescentes “Un de Cada Cinco”, que promove o Consello de Europa en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e cuxo punto de partida en Galicia produciuse o 25 de novembro de 2013 en Santiago de Compostela, mediante a presentación da campaña promovida pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

O acto, que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, contou coa participación de 110 asistentes, provenientes tanto do alumnado de Ciencias da Educación como dos ámbitos profesionais da orientación educativa, da sanidade, os servizos sociais, así como de diversas entidades e asociacións de atención á infancia e a adolescencia.

A boa acollida e interese dos participantes traduciuse nun incremento de solicitudes de adhesión á Campaña Un de Cada Cinco, por parte de profesionais, colectivos e entidades que traballan en favor da infancia, o que sen dúbida redundará nunha mellor atención aos nosos nenos, nenas e adolescentes.

Dossier de  prensa

Madrid, 10 e 11 de decembro de 2013: Conferencia Internacional co-organizada polo Consello de Europa e o Goberno de España sobre a prevención do abuso sexual infantil. Boas prácticas na prevención e intervención en abuso sexual infantil.

Esta acción céntrase na identificación e catalogación de boas prácticas e experiencias para a prevención e atención da violencia sexual contra a infancia. Este traballo pretendía ofrecer unha visión de conxunto das accións que se están a facer en España neste ámbito cos obxectivos de identificar e sistematizar as experiencias e boas prácticas desenvolvidas ou en desenvolvemento para a súa difusión tanto no contexto español como en espazos internacionais, servindo como referente ás Administracións e Organismos tanto estatais como europeos e internacionais para o seguimento das iniciativas en España.

Nesta ocasión cinco boas prácticas galegas foron seleccionadas para ter a oportunidade de presentar o seu contido:

  1. KTORCE18. Programa para a Prevención de condutas infractoras. Asociación Arela.
  2. Programa de sensibilización e servizo de información e orientación. Asociación Galega contra ou Malos tratos a Menores (AGAMME).
  3. Tratamento do trauma a persoas menores de idade e adultos, incluíndo o abuso sexual infantil. Clínica Assistens.
  4. Programa de colaboración Aldaba-ASPACIA para o desenvolvemento de boas prácticas para a detección e tratamento da violencia sexual contra a infancia. Fundación Aldaba e Fundación Aspacia.