O servizo de atención temperá é un conxunto de intervencións dirixidas á infancia de 0 a 6 anos, ás súas familias e á súa contorna, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes dos nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou con risco de presentalos.
- 1. Que é a atención temperá?
-
Enténdese a atención temperá como un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
- 2. Cal é a clave da atención temperá?
-
Podemos dicir que a clave está na palabra temperá; canto máis axiña se detecten as posibles dificultades, mellores resultados se poden obter da atención profesional. Así é que as familias deben estar ben informadas sobre o proceso evolutivo normalizado dos seus fillos e fillas, para poder detectar calquera dificultade coa maior prontitude.
- 3. Que ofrece a Rede galega de atención temperá?
-
Nos servizos de atención temperá ofrecerase unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social.
- 4. Que son os trastornos do desenvolvemento?
-
Son situacións nas que, como consecuencia dunha alteración das estruturas ou funcións corporais, de restricións na participación social ou a causa de factores do contorno, se produce unha desviación ou atraso significativo no desenvolvemento das capacidades, adquisicións e recursos persoais típicos nos nenos e nenas.
- 5. Que se denomina risco de trastorno do desenvolvemento?
-
Enténdense por situacións de risco de padecer un trastorno no desenvolvemento
aquelas circunstancias de vulnerabilidade evolutiva que requiren intervención pola descompensación negativa entre factores de risco e protección. - 6. A quen se dirixe a atención temperá?
-
Aos nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en situacións de risco de padecelos, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ás súas familias e ao seu contorno.
- 7. Quen desenvolve a atención temperá en Galicia?
-
A atención temperá é unha competencia da Xunta de Galicia, compartida polas consellerías de Política Social, Sanidade e Educación, que contan cunha rede de equipos de intervención integrada na Rede galega de atención temperá.
Estes equipos están formados por profesionais de distintos ámbitos que traballan de maneira coordinada e interdisciplinar. En función da valoración e das necesidades detectadas en cada caso, a intervención realízase desde as diferentes áreas especializadas, co obxectivo de garantir unha atención integral e adaptada a cada neno ou nena e á súa familia.
- 8. Cal é o procedemento para recibir atención temperá?
-
A familia deberá acudir ao servizo de pediatría do centro de saúde que lle corresponda e informará o pediatra da sospeita de trastorno do desenvolvemento.
Será este profesional quen fará o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á unidade de atención temperá máis axeitada para o caso. - 9. Quen pode informar dunha sospeita de trastorno do desenvolvemento nun neno?
-
Na maioría dos casos son as propias familias as que detectan ou expresan a sospeita dun posible trastorno no desenvolvemento. Non obstante, estas situacións tamén poden ser identificadas nas escolas infantís, nos servizos sociais comunitarios ou por outros profesionais e recursos que atenden ao neno ou nena e á súa contorna familiar.
Cando a sospeita se detecta fóra do ámbito familiar, deberase informar á familia ou ás persoas responsables do menor para que acudan ao servizo de pediatría, desde onde se iniciará o procedemento de valoración e derivación que corresponda.
- 10. A onde debo dirixirme para obter máis información?
-
As familias poden dirixirse a diferentes servizos para recibir información, orientación e iniciar o procedemento de acceso á atención temperá:
- Servizo de pediatría do Hospital máis próximo: ademais de ofrecer información e orientación, realizarase unha primeira valoración da situación do neno ou da nena e, de ser necesario, efectuarase a derivación á Unidade de Atención Temperá correspondente.
- Servizos sociais comunitarios do concello de residencia: o persoal de traballo social informará sobre o procedemento de acceso e os recursos sociais dispoñibles para as familias.
- Servizo de orientación do centro educativo: o equipo de orientación do centro poderá ofrecer asesoramento e apoio no proceso de derivación e seguimento.
Normativa
- DECRETO 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.
- DECRETO 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá.
- DECRETO 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
- Resolución de 25 de xullo de 2013, da Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, pola que se publica o Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia sobre criterios comúns, recomendacións e condicións mínimas dos plans de atención integral a menores de tres anos en situación de dependencia ou en risco de desenvolvela e avaliación anual correspondente ao exercicio 2012 dos resultados de aplicación da Lei 39/2006, de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
VÍDEOS PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE AUDITIVA.
- Atención temperá
- Qué é a atención temperá?
- Clave da atención temperá
- Rede galega de atención temperá
- Trastornos de desenvolvemento
- Risco de trastorno de desenvolvemento
- A quén se dirixe a atención temperá?
- Quén desenvolve a atención temperá de Galicia?
- Informar de sospeita de trastorno de desenvolvemento
- Onde máis información?
Adxuntos:
- Folleto do proceso da Atención Temperá
- Libro blanco de la Atención Temprana (Ministerio)
- Guía sobre o desenvolvemento dos bebés "Así, así"
- Formulario de derivacion aos servizos de pediatría
- Formulario de derivación de pediatría a atención temperá
- Formulario de evolución do plan personalizado de intervención
- Formulario de revisión da intervención en atención temperá
- Formulario de solicitude de atención temperá
- Formulario para o plan personalizado de intervención en atención temperá
- Cartel informativo (ODT)
- Cartel informativo (PDF)