Inicio > Áreas > Familia e infancia > Familias numerosas > Carné Familiar Galego

Carné Familiar Galego

O Carné Familiar é unha tarxeta persoal e intransferible á disposición dos membros das familias numerosas de Galicia que lles permite obter vantaxes ou descontos nos establecementos colaboradores.

 

Requisitos:

Ter o título oficial de familia numerosa e enviar o impreso de solicitude indicado abaixo.

 

Dereitos e obrigas dos titulares:

  • Beneficiarse das vantaxes e descontos das entidades colaboradoras
  • Un exemplar gratuíto da Guía de Recursos e Servizos por unidade familiar

O titular do Carné Familiar deberá identificarse co DNI se a entidade colaboradora así o solicita e, no caso dos menores, co título de familia numerosa ou copia compulsada deste.

 

Entidades colaboradoras:

Estas entidades deben ter un adhesivo identificador nun lugar visible para indicar que son colaboradoras e ofrecen descontos. As vantaxes son determinadas por cada establecemento e non acumulables a outras ofertas, rebaixas, promocións, etc.

 

Como solicito o Carné Familiar?

A través deste formulario de solicitude ou formulario de renovación, enviándoo escaneado por correo electrónico a carnefamiliargalego@xunta.gal 

Se ten algunha dúbida ou suxestión pode chamar ao teléfono 981 957 027

 

Validez:

O Carné Familiar ten a mesma vixencia que o título de familia numerosa.

 

Información básica sobre protección de datos persoais:

Os datos persoais recadados para a expedición e envío do Carné Familiar galego serán tratados pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de facilitar ás persoas interesadas a posibilidade de beneficiarse dos descontos e outras vantaxes ofertados polas entidades adheridas a este programa. A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público derivada dunha competencia legalmente atribuída ao responsable do tratamento (Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas; Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia).

Os datos poderán ser comunicados á entidade financeira colaboradora na expedición e envío do carné familiar galego na súa condición de encargado do tratamento. Así mesmo, cando as vantaxes ofertadas polas entidades adheridas ao Programa Carné Familiar consistan no envío de cheques de desconto a domicilio, no caso de que as persoas interesadas fagan uso voluntariamente do carné no momento de realizar as súas compras, a Consellería de Política Social e Xuventude remitirá ás devanditas entidades adheridas os seguintes datos: número do título de familia numerosa, enderezo familiar e nome e apelidos do titular do carné, aos efectos de posibilitar o envío dos cheques así obtidos.

As persoas interesadas poderán solicitar ante o responsable do tratamento o acceso, rectificación,  limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto co delegado/a de protección de datos e máis información en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos