Que é o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar?
O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está integrado pola Xunta de Galicia e 272 concellos galegos. Ten como obxectivo o desenvolvemento dunha rede de servizos sociais homoxénea e de calidade a través da participación na dirección e xestión destes servizos no ámbito local. Os equipamentos xestionados polo Consorcio son escolas infantís, centros de día e fogares residenciais para persoas maiores con dependencia ou risco de tela.
Ademais, desenvolve o programa Xantar na Casa, o programa "Quérote" de asesoramento afectivo-sexual a través de centros e equipos multidisciplinares das Oficinas de Igualdade e Benestar (Oficinas I+B), leva a cabo actuacións para a promoción da igualdade, a inclusión de persoas e colectivos en risco de exclusión e de apoio á educación familiar.
Que é a Axencia Galega de Servizos Sociais?
A Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS) foi constituída o 27 de xuño de 2014 pola Xunta de Galicia para a xestión de escolas infantís de 0 a 3 anos de titularidade autonómica.

Que é a FUNGA?
A FUNGA é a Fundación Pública Galega para o Apoio ao Exercicio da Capacidade Xurídica. Naceu en 1996 ante a necesidade de prestar unha atención persoal e xurídica especializada ás persoas maiores de idade coa capacidade de obrar modificada xudicialmente ou incursas nun procedemento de modificación da capacidade de obrar, e das que os xuíces atribúen á Xunta de Galicia a súa protección mediante as figuras xurídicas de tutela, curatela, defensa xudicial ou administración de bens.

