Inicio > Áreas > Familia e infancia > Protección da infancia > Máis programas de protección

Máis programas de protección

Programa de integración familiar

Cada ano, ao redor de 140 familias galegas participan activamente nun proxecto de integración de deseño particular en cada caso que pretende, nun prazo aproximado de dous anos, conseguir o obxectivo dunha convivencia normalizada no contexto familiar.

Que é?

O Programa de integración familiar (PIF) comezou de maneira experimental en 1992, e xa desde 1994 se está a desenvolver nas catro provincias galegas.

Lévase a cabo en colaboración con Nenos, Fundación para a Infancia, e o Ministerio de Sanidade e Política Social.

Como os demais dispositivos da consellería, o PIF forma parte da rede de recursos dispoñibles para axudar a que as familias sexan unha contorna segura e protector para os mais pequenos.

Para quen?

Para os nenos, nenas ou adolescentes que, convivindo no seu fogar, atópanse nunha situación de risco, para corrixir esta situación e evitar que teñan que ser separados da familia.

Tamén para aqueles nenos, nenas e adolescentes que nalgún momento das súas vidas tiveron que ser internados en centros de acollida por ser maltratados ou sufrir calquera outra causa de desamparo, para conseguir que se reintegren nas súas familias biolóxicas.

Como funciona?

Os equipos técnicos de menores dos departamentos territoriais da consellería, xunto cos técnicos do programa, seleccionan ás familias e aos menores que participan neste.

Despois os equipos citados deseñan e propóñenlle ás familias un proxecto de integración familiar que adoita ter unha duración aproximada de dous anos e no que se traballan distintas áreas como a intervención psicosocial, atención infantil, educación familiar, terapia familiar e actividades de reforzo impartidas por persoal voluntario.

Programa de Inserción Sociolaboral Mentor

O programa Mentor nace no ano 1998 como un programa de inserción laboral e na actualidade ten un obxectivo máis amplo, xa que trata de preparar para a vida autónoma e independente a aqueles nenos e nenas que se atopan baixo o sistema de protección da Xunta de Galicia e próximos a cumprir a maioría de idade.

Que é?

O Programa Mentor pretende a inserción sociolaboral de mozos maiores de 16 anos, tutelados pola Xunta de Galicia. O seu obxectivo é mellorar a calidade de vida destes mozos por medio dun proxecto individualizado que lles garanta unha inserción laboral e unha capacitación para a vida independente, de maneira que ao conseguir a maioría de idade poidan ser plenamente autónomos. Na actualidade está a ser desenvolvido polo Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (IGAXES3) e financiado polo Fondo Social Europeo e a Consellería de Traballo e Benestar.

Para quen?

Está dirixido a mozos e mozos maiores de 16 anos tutelados ou ex tutelados, en garda ou conflito social que queiran voluntariamente incorporarse ao mundo laboral. Tamén poden beneficiarse do programa os mozos e mozas que xa conseguiran a maioría de idade, ata os 21 anos.

Como funciona?

Traballamos mediante a realización consensuada co mozo ou moza dun proxecto individualizado de inserción laboral, que os dote de estratexias e ferramentas de capacitación para a inserción laboral: formación en habilidades básicas, formación, itinerarios de inserción…

Ademais da inserción laboral en si, o programa enmarca o traballo dentro dunha formulación básica de axuda á promoción humana e desenvolvemento integral de todas as persoas que se atopan en situación de precariedade.

Programa de Atención Ambulatoria

Que é?

É un programa de intervención con adolescentes que se atopen en en  situación de desprotección ou conflito social, que se desenvolve en Vigo a través da entidade ACLAD Alborada.  É un programa de intervención con adolescentes que se atopen en en

Para quen?

Para adolescentes, mozos e mozas de entre 12 e 18 anos que teñan expediente de protección de menores ou se atopen en situación de conflito social, que estean a desenvolver condutas de risco relacionadas co consumo de drogas, que mostren unha grave conflitividade ou problemas comportamentais, ou que cometan delitos e non proceda unha medida de responsabilidade penal por mor da súa idade.

Como funciona?

Os equipos técnicos de menores, despois de valorar o caso, derivan ao adolescente ao programa, onde se lle presta unha atención especializada e individualizada desde o punto de vista psicolóxico e socioeducativo, sen que implique a separación do neno do seu núcleo familiar.