Actualidade

 

23-06-2026 - VI Pleno do Consello Autonómico de Infancia e adolescencia de Galicia, nesta ocasión coa temática da sanidade pública

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia traslada á Xunta un amplo paquete de propostas para mellorar a saúde da mocidade.

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) celebrou este 23 de xuño o seu pleno ordinario na EGAP, nunha sesión presidida polo director xeral de Familia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre, na que as persoas vogais presentaron un conxunto de propostas para reforzar as políticas de saúde dirixidas á infancia e á adolescencia.

Durante a reunión, representantes da Consellería de Sanidade explicaron o contido da Lei 6/2025 de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, abrindo posteriormente un espazo de diálogo no que os membros do CAIA puideron formular dúbidas e achegas.

Entre as principais propostas presentadas destacan a redución das listas de espera en psicoloxía infantil e xuvenil, a incorporación de profesionais da psicoloxía nos centros educativos, a creación de consultas específicas de saúde mental para adolescentes, o reforzo da prevención das adiccións, a mellora da educación afectivo-sexual, a promoción de hábitos saudables e da actividade física, así como medidas para garantir unha atención sanitaria máis accesible, inclusiva e adaptada ás necesidades da infancia e da adolescencia, especialmente no rural e para colectivos vulnerables.

O pleno concluíu cun coloquio entre os representantes institucionais e os membros do CAIA, no que se puxo en valor a participación activa da mocidade na elaboración de propostas para mellorar os servizos públicos e as políticas de saúde en Galicia.

12-06-2026 - I Congreso Dereitos da infancia

O día 12 de xuño, unha representante do CAIA participou no I Congreso “Os Dereitos da Infancia en Galicia”, organizado pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), formando parte da mesa sobre educación e participación. Durante o encontro abordáronse cuestións relacionadas co coñecemento dos dereitos da infancia e adolescencia, o dereito a participar e ser escoitados, a presenza da voz da mocidade nos espazos de decisión e a necesidade de mellorar os mecanismos de participación do alumnado. A representante do CAIA achegou unha perspectiva centrada no papel dos órganos de participación infantil, destacando a importancia de que as administracións non só escoiten as opinións da infancia e adolescencia, senón que tamén lles dean continuidade e resposta, favorecendo unha participación real e efectiva.

03-06-2026 - Evento Red Interautonómica de Participación ciudadana

O día 3 de xuño, catro representantes do CAIA participaron na xornada da Rede Interautonómica de Participación Cidadá (RIPA Galicia 2026), celebrada en Santiago de Compostela. Dous deles interviñeron en representación do Consello, trasladando a visión da infancia e adolescencia sobre a participación cidadá e reivindicando a necesidade de seguir creando espazos reais de escoita e diálogo. Durante as súas intervencións destacaron a importancia de garantir a participación infantil nas decisións públicas, promover mecanismos adaptados á infancia e avanzar cara a modelos de participación máis inclusivos, estables e efectivos. A actividade permitiu visibilizar o traballo desenvolvido polo CAIA e compartir experiencias con representantes doutras comunidades autónomas.

12-05-26 - O CAIA reúne as súas propostas coa Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero

Dúas persoas vogais do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), Bea e Iván, mantiveron unha reunión co director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e coa directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, para trasladar e analizar as propostas formuladas polo Consello no último pleno.

Durante o encontro revisáronse as principais iniciativas presentadas polo CAIA en materia de igualdade e prevención da violencia, abordando cuestións como a creación de espazos seguros para a infancia e a adolescencia, o reforzo da educación afectivo-sexual e emocional desde idades temperás e a necesidade de impulsar campañas de sensibilización adaptadas á realidade da mocidade, especialmente nos centros educativos e nas redes sociais.

A reunión tamén serviu para poñer en común a importancia de continuar formando ao profesorado, ás familias e ás persoas que traballan coa infancia e adolescencia para detectar de maneira temperá situacións de violencia ou control, así como para reflexionar sobre o impacto das redes sociais, os estereotipos e as relacións tóxicas, promovendo modelos de convivencia baseados na igualdade, o respecto e o bo trato.

01-02-2026 - O CAIA prepara un estudo sobre as relacións de parella na adolescencia

Ao longo do mes, o Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) traballou na preparación dun estudo dirixido á poboación adolescente co obxectivo de coñecer a súa percepción sobre as relacións de parella e identificar posibles necesidades de sensibilización e prevención.

Durante este proceso deseñouse e revisouse unha enquisa adaptada á idade das persoas participantes, estruturada arredor de cuestións como o concepto de amor, os celos, o control, a igualdade, o uso das redes sociais, os límites e o bo trato. Esta iniciativa permitirá recoller información de interese para orientar futuras accións de promoción de relacións afectivas saudables entre a mocidade.

Unha vez obtidos os primeiros resultados, desde a Secretaría Técnica do Consello Autonómico de Infancia elaborouse un resumo cos principais datos da enquisa, co obxectivo de facilitar a súa comprensión por parte das persoas vogais do CAIA, especialmente das máis novas. Ademais de facerlles chegar esta información, realizouse un seguimento individualizado para asegurar que os resultados foran correctamente entendidos, favorecendo así que na seguinte reunión do Consello se puidese levar a cabo unha análise conxunta, participativa e máis profunda das conclusións do estudo.

30-01-2026 - O CAIA visita o Congreso dos Deputados en xaneiro de 2026

Un grupo de vogais do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) participou o 30 de xaneiro de 2026 nunha visita ao Congreso dos Deputados, en Madrid, nunha xornada organizada para achegar a infancia e a adolescencia ás institucións democráticas e promover a súa participación.

Ao longo da visita, os e as participantes asistiron ao acto celebrado no Congreso e tiveron a oportunidade de coñecer de preto o funcionamento desta institución e escoitar as achegas feitas polas demais persoas menores de idade que interviñeron e as respectivas respostas realizadas polas persoas adultas que tamén participaron. A xornada completouse cun percorrido por algúns dos lugares máis emblemáticos de Madrid, converténdose nunha experiencia formativa e enriquecedora que reforzou o compromiso do CAIA coa participación activa da infancia e da adolescencia.

22- 12- 2025 - O Pleno de decembro de 2025 do CAIA impulsa medidas a favor da igualdade e da protección da infancia

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) celebrou o seu pleno ordinario na EGAP, nunha sesión na que as vogais e os vogais presentaron un amplo conxunto de propostas centradas na igualdade, a prevención da violencia de xénero e a protección da infancia.

Durante a xornada abordáronse iniciativas como a creación de obradoiros sobre relacións saudables, consentimento e educación afectivo-sexual, campañas de sensibilización sobre o uso seguro das redes sociais, medidas para fomentar a igualdade no deporte e accións para mellorar a formación do profesorado en perspectiva de xénero. Tamén se puxo en valor a participación do CAIA en distintos proxectos desenvolvidos nos últimos meses e a importancia de seguir incorporando a voz da infancia e da adolescencia nas políticas públicas.

O pleno contou coa participación do director xeral de Familia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre, e do director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, quen destacou a necesidade de detectar e previr desde idades temperás as distintas formas de violencia de xénero.

21- 11- 2025 - O CAIA asiste como convidado ao XIII Foro de Participación Infantil no Parlamento de Galicia

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) participou como convidado no XIII Foro de Participación Infantil celebrado no Parlamento de Galicia con motivo do Día Mundial da Infancia. O encontro reuniu representantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente de toda Galicia para reflexionar sobre os dereitos da infancia na contorna dixital.

18-10-2025 - IV Encontro Galego de Participación Infantil e Adolescente

 

 

Descargar nota de prensa

18-06-2025 - Observatorio galego de familia e infancia

O pasado 18 de xuño, tres vogais do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia —Sabela, Alfredo e Beatriz— participaron nunha nova reunión do Pleno do Observatorio Galego da Familia e da Infancia. Durante o encontro, tiveron a oportunidade de intervir para presentar a traxectoria do Consello, compartir as principais iniciativas desenvolvidas no último ano e amosar o seu compromiso coa defensa dos dereitos da infancia e adolescencia en Galicia.

07-06-2025 - Reunión coa Fundación PERE TARRÉS

O pasado sábado 7 de xuño, O CAIA celebrou unha reunión en liña con investigadores da Fundación Pere Tarrés. O encontro centrouse na cooperación para levar a cabo estudos relacionados coa infancia e a Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e a Adolescencia fronte á Violencia (LOPIVI). Durante a sesión, os participantes intercambiaron ideas, expuxeron proxectos en curso e exploraron novas vías de investigación conxunta. Este diálogo permitirá fortalecer o traballo en favor dos dereitos da infancia e contribuír á xeración de coñecemento na área.

 

04-06-2025 - Xornadas CAI de UNICEF

O 4 de xuño, Aurelio e Carla representaron ao CAIA nas xornadas CAI organizadas por UNICEF, centradas nas prácticas de boa gobernanza. Durante o evento, tiveron a oportunidade de intervir, compartindo reflexións e propostas sobre a importancia da transparencia, a participación infantil e adolescente na toma de decisións, así como sobre as mellores prácticas para garantir unha xestión eficaz e inclusiva. A súa intervención contribuíu ao diálogo sobre como fortalecer a gobernanza local para mellorar as condicións de vida da infancia e adolescencia.

21-05-2025 - Pleno do CAIA

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia celebrou un pleno o 21 de maio centrado na temática do deporte, abordando a súa importancia no desenvolvemento persoal, a inclusión social e o benestar xuvenil. Durante a sesión, tamén se procedeu á renovación dos seus vogais, formalizando a cesamento dos anteriores e a designación das novas candidaturas, garantindo así a continuidade do traballo do consello e a representación activa da infancia e adolescencia na toma de decisións.

10-01-2025 - Encontro Estatal de cidades amigas da infancia

Juan, Danae e Rosalía participaron no Encontro Estatal de Cidades Amigas da Infancia, representando ao CAIA, que tivo lugar en Bilbao durante a fin de semana do 10 de xaneiro. Durante o evento, debatéronse temas clave sobre o benestar infantil, políticas locais para a infancia e iniciativas para fomentar unha contorna máis inclusiva e segura para os nenos e nenas. A súa participación permitiu intercambiar ideas e boas prácticas con representantes doutras cidades comprometidas coa protección e promoción dos dereitos da infancia.         

02-04-2025 - Proceso selección candidatos/as para a RENOVACIÓN DOS/AS VOGAIS DO CAIA
10-01-2025 / VIII Encontro Estatal de participación infantil y adolescente

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) participa no VIII Encontro Estatal de participación infantil y adolescente que se celebrará del 10 al 12 de xaneiro, en Bilbao, organizado por Unicef.
Tres vogais do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) viaxan este venres a Bilbao, para participar no Encontro Estatal de Participación Infantil e Adolescente, que se celebrará esta fin de semana.
Este evento, reunirá no Azkuna Zentroa de Bilbao a 180 mozas e mozos de diferentes espazos de participación infantil e adolescente de todo o pais, sendo a delegación galega é unha das mais numerosas con 21 nenos e nenas, xa que ademais do consello autonómico estarán tamén representados os grupos de participación infantil dos concellos de O Rosal, Tomiño, Moaña, Teo, Laracha e Moeche.
Este encontro é un espazo no que os nenos, nenas e adolescentes debaterán cuestións vinculadas cos dereitos da infancia, concretamente nesta ocasión sobre o dereito a protección, para elaborar propostas que se canalizan na redacción dun manifesto que posteriormente presentaran as autoridades presentes e trasladarán posteriormente ao congreso dos deputados.
Os representantes do CAIA terán a oportunidade de compartir as súas experiencias e propostas con outros mozos neste encontro, ademais de participar nas diversas actividades e obradoiros deseñados para promover o diálogo e a colaboración entre os/as participantes.
Dende a Dirección Xeral de Familia da Xunta de Galicia se reafirma así o seu compromiso coa promoción da participación infantil e xuvenil, e celebramos a oportunidade de que estes mozos galegos poidan contribuír coas súas voces e perspectivas nun foro nacional tan importante.

23-12-2024 / Novo pleno do consello autonómico da infancia

A sede da EGAP en Santiago foi unha vez mais o lugar de celebración do 3º Pleno do CAIA, Presidido polo Director Xeral de Familia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, que desta volta estaba acompañado por Teresa Gutiérrez técnica do servizo de protección de menores e por Judith Fernández, Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que foi quen introduciu a temática desta sesión “Educación”.

Durante a sesión os/as representantes dos nenos, nenas e adolescentes galegos a tiveron oportunidade de trasladarlle as súas inquedanzas sobre a situación actual da educación en Galicia, tratando temas como a necesidade de formación e sensibilización do profesorado en materia de atención á diversidade funcional, a mellora da ratio de alumnado por clase, a figura do/a coordinador/a de benestar nos centros de ensino e a introdución da figura do educador social como mecanismo de protección para o alumnado, os puntos laranxas e os problemas no seu funcionamento ou cousas se poderían facer dende o ámbito escolar para romper co teito de cristal.


20-11-2024 / Acto coa Valedora do Pobo

O mércores 20 de novembro tivo lugar un acto en conmemoración do día dos dereitos da infancia, na sede da Valedora do Pobo, máis neste caso o traballo realizado polo CAIA foi sobre a prevención da violencia e a LOPIVI como ferramenta de protección cara a infancia e a adolescencia da man de Bea e Cayetana.


19-11-2024 / Acto conmemorativo do 20N

O martes 19 de novembro celebrouse na Coruña un acto central conmemorativo do Día dos Dereitos da Infancia, no que Emily e Juan participaron como presentadores, e no que Rosalia e Carla fixeron unha intervención sobre a participación infantil e adolescente.


10-10-2024 / Xornadas sobre saúde mental

O 10 de outubro tivo lugar en Santiago de Compostela unha xornada sobre a importancia da saúde mental. A elas acudiron Martín e Cayetana como convidados, en representación do CAIA, e recolleron información que logo compartiron cos seus compañeiros/as.

10-10-2024 / Traballo no "Anteproyecto de Ley de prevención del consumno de alcohol y de sus efectos en las personas menores de edad"

Nestes meses o Consello traballou nas aportacións a diferentes proxectos lexislativos, entre eles ó “Anteproxecto de lei de prevención do consumo de alcol e dos seus efectos nas persoas menores de idade”. Traballáronse estes proxectos en distintas reunións online onde cada vogal defendeu as súas aportacións que foron devoltas ao Observatorio Galego da Familia e Infancia.

04-10-2024 / 1º Encontro interno do CAIA

A fin de semana do 4 ao 6 de outubro tivo lugar na Residencia de Tempo libre de Panxón (Nigrán) un encontro interno do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, no que se levaron a cabo actividades propostas dende a comisión organizadora, entre elas unha actividade deportiva (surf) e unha ruta medioambiental.

Tamén contou cunha mesa redonda sobre participación infantil e adolescente, a que acudiron como convidadas: Irene Iglesias, en representación do CEPIA (Consejo Estatal de Participación Infantil y Adolescente), Cayetana Guede do Grupo asesor de UNICEF España, Uxía Fernández, de IOCYP International Organization of Children and Youth Participation e Marta González do Consello Climático Xuvenil de A Guarda

27-09-2024 / Reunión coa Consellería de Sanidade

O 27 de setembro tivo lugar na Consellería de Sanidade unha reunión con representantes do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, a que acudiron: Beatriz, Elizabeth, Martín, Cayetana e Juan, na que se abordaron cuestións fundamentais para a mocidade galega coma: o aumento das ITS, os trastornos da conducta alimentaria, o sedentarismo e a saúde mental. Ademais, pactouse continuar con reunións trimestrais para avanzar nos temas tratados.

24-06-2024 / Segundo Pleno do CAIA

A EGAP foi de novo sede para o segundo Pleno do CAIA, celebrado o día 24 de xuño do 2024. Presidía o acto Jacobo Rey, Director Xeral de Familia e Dinamización Demográfica, acompañábano Cristina, Subdirectora Xeral de Familia e Dinamización Demográfica, Teresa técnica do servizo de protección de menores e María Quintana nova Directora Xeral de Promoción da Igualdade.
Antes de dar comezo as intervencións das vogalías proxectouse un vídeo de Alfonso Rueda, no que o presidente felicita á rapazada polo seu traballo e anímaos a seguir participando activamente, tanto no CAIA, como no resto de grupos de participación infantil e xuvenil dos seus municipios.

 

24-06-2024 / Nova reunión coa Valedora do Pobo

O mesmo día no que se celebrou o Pleno do CAIA, as persoas integrantes do órgano tamén se reuniron por segunda vez coa Valedora do Pobo para falar sobre acoso escolar. 
O encontro permitiulles a estes mozos/as dar conta dos casos máis próximos que coñecen e expoñer as súas reivindicacións na materia. Defenderon a importancia de que todas as persoas que integran a comunidade educativa (profesorado, alumnado e familias) conten con formación personalizada e de calidade sobre esta cuestión. En definitiva, trátase de proporcionar as ferramentas necesarias para atallar estas situacións desde un comezo, antes de que se agraven. Dolores Fernández defendeu a necesidade de darlles visibilidade aos casos de acoso escolar e de proporcionarlles solucións ás persoas acosadas, que adoitan verse obrigadas a cambiar de centro. Finalmente, a alta comisionada felicitou o Consello polo seu traballo e emprazouno para seguir colaborando.

14-05-2024 / Participación na xuntanza do Observatorio Galego de Familia e Infancia

O 14 de maio do 2024, tres representantes do CAIA participaron nunha reunión co Observatorio Galego de Infancia para falar sobre o Anteproxecto de lei de familias. Explicáronse os obxectivos que pretende acadarse coa lei, como son o recoñecemento dos diferentes tipos de familias que existen, mellorar a protección económica e social das mesmas, aumentar as axudas para a conciliación, reducir a brecha de xénero en canto aos coidados familiares etc. Os e as vogais participantes puideron así relatar o traballo realizado nesta temática.

22-12-2023 / Primeiro pleno do CAIA

O 22 de decembro celebrouse na EGAP o primeiro pleno do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia. A temática do mesmo foron “10 prioridades na protección da infancia e adolescencia”. 
Para elaborar as propostas o primeiro paso foi informarse e traballar na LOPIVI, para ter unha base sólida sobre a que elaborar as propostas. O seguinte paso foi delimitar esas 10 prioridades, debatendo sobre cales resultaban máis urxentes. E, por último, presentáronse esas propostas no pleno, o cal asistiron autoridades coma Cristina Blanco, Teresa Gutiérrez, Jacobo Rey e Cristina Pichel. 

28-11-2023 / Acto coa Valedora do Pobo

O 27 de Novembro levouse a cabo un acto na Valedora do Pobo, onde dous representantes do CAIA, Juan e Natalia, reivindicaron a necesidade de participar que ten a infancia e adolescencia. Lembrándolle ós e ás asistentes, entre os que estaba incluída a Valedora, que son cidadáns de pleno dereito e polo tanto merecen ser recoñecidos/as como suxeitos activos no exercicio dos seus dereitos e non como obxectos de aplicación dos mesmos. 

21-11-2023 / Conmemoración do día Internacional dos Dereitos da Infancia e Adolescencia

O 20 de Novembro, Día Internacional dos Dereitos da Infancia e Adolescencia, na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela celebrouse un acto conmemorativo. Nel colexios, institutos e entidades de Galicia prepararon diferentes temas relacionados ca protección e contornas seguras. 
Os representantes do CAIA que asistiron, Zeltia, Lucas, Elena e Mónica, tiveron a función de dinamizar e presentar o acto, constituíndose coma anfitrións do mesmo. 

13-11-2023 / Participación no I Foro de Foros

Os días 10, 11 e 12 de novembro 9 vogais representantes do CAIA, acudiron ao I Foro de Foros celebrado en Cuéllar (Segovia), xunto co Foro de Castela e León e o Consello de Extremadura (CREPIA) con motivo da celebración do Día Internacional dos Dereitos da Infancia e Adolescencia. A temática sobre a que traballaron foi a protección a infancia e a necesidade de crear contornas seguros para a mesma. 
Este encontro permitiu que os nove vogais representantes, Lucia, Martín, Juan, Bea, Irene, Emily Sofía, Emily, Adela e Elizabeth, puideran compartir as vivencias de cada Comunidade Autónoma que asistiu e adquirir unha visión global da situación para compartir co resto do grupo. 

28-06-2023 / Participación na xuntanza do Observatorio Galego da Familia e da Infancia

Bea, Esteban, Emily e Mónica, foron os/as vogais do CAIA encargados/as de de representar o CAIA o día 28 de xuño na reunión do Observatorio Galego de Familia e da Infancia.  Nesta xuntanza tiveron oportunidade de darse a coñecer e presentar o traballo realizado ata o momento.

23-06-2023 / Primeira xuntanza de traballo presencial

O día 22 de xuño levouse a cabo a primeira Xuntanza de Traballo Presencial, logo de varias sesións que se realizaron de xeito online, na que se puxo en común o traballo realizado de forma telemática. A reunión tiña como obxectivo traballar sobre a metodoloxía que se utilizaría para dar a coñecer o CAIA. Nela  fixéronse propostas sobre a comunicación, creación dunha páxina web propia, actividades nos centros educativos, ferramentas que as nenas, nenos e adolescentes consideran que podían ser de interese e coas que chegar ao maior número posible de persoas. Tamén se deron os primeiros pasos cara a elaboración dun documento de réxime de regulamento interno.

22-04-2023 / Constitución do CAIA

A constitución do CAIA “Órgano colexiado consultivo e de participación, para articular a intervención dos nenos, nenas e adolescentes, e que serve para facilitar un espazo onde expresarse, propor ideas e tomar decisións no ámbito autonómico sobre aquelas cuestións que lles afecten directa ou indirectamente” celebrouse o 21 de abril do 2023 na Cidade da Cultura. O acto presidiuno a Conselleira de Política Social e participaron as nenas, nenos e adolescentes que integran o grupo.