Inicio > Recursos > Plans e programas > Programa de teleasistencia da Comunidade Autónoma Galega

Programa de teleasistencia da Comunidade Autónoma Galega

SERVIZO DE TELEASISTENCIA DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA

Acceso ao servizo

Para solicitar o servizo é necesario iniciar expediente de valoración de dependencia. Segundo establece a normativa vixente garantirase o dereito subxectivo para a atención das persoas en situación de dependencia.

Pese a elo, logo de ter garantida a atención as persoas que se atopan na situación anterior e sempre que haxa dispositivos de teleasistencia dispoñibles, tamén poderán acceder a este servizo aquelas persoas que na solicitude de recoñecemento de dependencia sinalen como expectativa o servizo de teleasistencia e que non lles fora recoñecido grao de dependencia.

No contrato asinado coa Cruz Vermella para a prestación do servizo de teleasistencia e co fin de facilitar o acceso ao servizo ás persoas que carezan de telefonía fixa ou que teñan un sistema incompatible coa teleasistencia convencional , proporcionase o acceso mediante un terminal dotado de tarxeta GSM que non terá custo engadido para o usuario.

Normativa reguladora do servizo:

  • Orde do 2 de xaneiro de 2012, pola que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía persoal e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes (DOG nº 9, do 13 /01/2012).

Concretamente os artigos e disposición que se sinalan a continuación:

  • Artigo 23 (sobre a intensidade do servizo de teleasistencia)
  • Artigo 27 (suspensión temporal do servizo)
  • Artigo 32 (libranza vinculada ao servizo)
  • Artigo 34 (determinación da contía)
  • Artigo 47 (intensidade da libranza)
  • Artigo 60 (compatibilidade con outros servizos ou libranzas)
  • Disposición adicional 6ª (solicitude do servizo de teleasistencia a través do SADD)
  • Orde do 19 de abril de 2013 pola que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro (DOG nº 86, do 6/5/2013). Modifica os artigos 27 e 47 indicados anteriormente.
  • Decreto 149/ 2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do custo (DOG nº 182, do 24/09/2013).
  • Resolución do 15 de xaneiro de 2018 da Secretaria de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, pola que se publica o Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, sobre determinación do contido do servizo de teleasistencia básica e avanzada (BOE nº 41 do 15/2/2018)

Teleasistencia Avanzada:

O servizo de teleasistencia avanzada poderá asignarse como prestación complementaria para persoas en situación de dependencia recoñecida en grao I, II ou III, e soamente como prestación única a persoas que teñan recoñecido un grao I de dependencia moderada.

Polo tanto, no caso de revisión de grao das persoas con dependencia recoñecida en grao I que teñen o servizo asignado como prestación única, cando se lles recoñeza o grao II ou III, poderase dar continuidade ao servizo, como un servizo complementario das prestacións destes graos, en función da avaliación do equipo de valoración técnica que será quen determine a adecuación do devandito servizo, en función de requirimentos físicos e psíquicos necesarios para o seu uso.

Características establecidas para a asignación do servizo de teleasistencia avanzada.

Este servizo considérase axeitado, para as persoas que teñan, entre outras, algunha das características que a continuación se relacionan:

  • Persoas que requiren apoios con seguridade e independencia no seu fogar como complemento a outros servizos.
  • Persoas en risco de soidade, illamento ou perigo.
  • Persoas en risco de accidente ou perda de conciencia.
  • Persoas con dificultades na mobilidade.
  • Persoas con diabetes, hipertensión, bronquites ou asma.
  • Persoas con limitacións temporais.
  • Persoas en situación de demencias leves ou con inicios e sinais de esquecementos.
  • Persoas con incontinencia.
  • Persoas con necesidades de mellora ou rehabilitación física, cognitiva e/ou funcional.
  • Persoas que poden incorrer en riscos para a súa saúde fora da contorna domiciliaria.

Compatibilidade con outros servizos e libranzas :

O servizo de teleasistencia será compatible con todos os servizos ou libranzas a excepción do servizo de atención residencial ou da libranza vinculada á adquisición dun servizo de atención residencial.

Participación da persoa usuaria no financiamento do custo do servizo:

A determinación da participación no custo do servizo de teleasistencia ata nova instrución, será dun copago de 5€ para os usuarios cunha capacidade económica igual ou superior o 100% do IPREM e non terá copago cando sexa inferior o 100% do IPREM.

A solicitude pode tramitarse nos servizos sociais do concello de residencia ou centro de saúde.

Máis información no Teléfono Social ( gratuito as 24 horas do dia): 900 333 666