A pesar dos avances en protección e benestar da infancia e a adolescencia nos últimos anos, aínda existen nenos, nenas e adolescentes que non ven atendidos os seus dereitos e necesidades nas súas familias de orixe. Pero grazas á colaboración de moitas familias acolledoras poden medrar co apoio e seguridade necesarios.
A Xunta de Galicia establece a prioridade do acollemento familiar sobre o acollemento residencial, especialmente para os menores de 6 anos. Isto faise a través de varios programas complementarios:
- Programa Familias Acolledoras, en colaboración con Cruz Vermella.
- Programa Acolles+, xestionado por Aldeas Infantiles SOS Galicia.
- Programa En Familia, das entidades Fundación Aldaba, Faiben, Manaia, Inspectoría María Auxiliadora e Casa de Familia Vedruna; dedicado á desinstitucionalización de menores con longas estancias en centros.
- Programa Un curso en familia, da Asociación Acougo.
- Programa Xerando cultura do acollemento, da Asociación Acougo.
Máis preguntas sobre o acollemento familiar:
- Que é o acollemento familiar?
-
O acollemento familiar é un acto solidario realizado a favor dun neno, nena ou adolescente e da súa familia, que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade.
- É un recurso de protección para nenos, nenas e adolescentes que non poden ou non é conveniente que vivan cos seus pais.
Mediante o acollemento, pasan a convivir cunha familia distinta á súa, integrándose plenamente na vida familiar. A familia acolledora debe coidar ao neno, nena ou adolescente, telo na súa compañía, educalo, e velar para que as súas necesidades estean atendidas.
- Que nenos poden ser acollidos?
-
Nenas, nenos e adolescentes menores de 18 anos que temporalmente non poden ser atendidos pola súa propia familia e que, polo tanto, quedan baixo a garda da Administración.
Legalmente, a súa situación pode ser:- Neno, nena ou adolescente declarado en desamparo e tutelado pola Xunta de Galicia, cando se comproba que non está a recibir os necesarios coidados por parte das persoas legalmente obrigadas a facelo.
- Neno, nena ou adolescente baixo a garda da Administración por solicitude dos pais, que temporalmente non poden facerse cargo del (por exemplo, durante un período de hospitalización, ingreso en prisión etc.), ou por decisión xudicial.
- Neno, nena ou adolescente en situación de risco, que continúa vivindo coa súa familia habitualmente pero, por ser conveniente ao seu interese, é acollido por outra familia durante estancias temporais, saídas de fins de semanas ou vacacións.
As características destes nenos, nenas e adolescentes poden ser moi variadas: poden ser nenos ou nenas que acaban de nacer e que moi pronto terán unha familia en adopción, outros que se reintegrarán ao seu núcleo familiar pasado un tempo, así como algúns que estarán en acollemento ata a súa maioría de idade. Entre todas as nenas, nenos e adolescentes hai diferentes situacións persoais: poden ser grupos de irmáns ou un neno, nena ou adolescente só, algúns poden ter problemas de saúde, discapacidade, etc.
- Quen pode ser familia acolledora?
-
En moitos casos estes nenos e nenas son acollidos por persoas da súa propia contorna familiar (avós, tíos…). Nestes casos, falamos de acollementos en familia extensa.
Outras veces, cando os nenos e nenas non teñen ningún parente que poida facerse cargo deles cunhas mínimas garantías de cubrir as súas necesidades, acódese a familias que voluntariamente se ofrecen a acollelos no seu fogar. Falamos entón de acollementos en familia allea.
Calquera persoa, independentemente da súa idade, sexo, estado civil ou posición socioeconómica, que queira acoller a un neno, nena ou adolescente pode solicitar ser acolledora dun ou varios nenos ou nenas.
A única esixencia é poder ofrecerlles temporalmente un fogar adecuado. Para garantir que as familias que o desexan poden prestarlle aos nenos e nenas os coidados que precisan, os técnicos da Consellería de Política Social e Igualdade, en colaboración cos equipos da Cruz Vermella, Aldeas Infantís e outras entidades sen ánimo de lucro que participan xunto co departamento autonómico na execución destes programas, entrevistan as familias interesadas e valoran se son adecuadas para afrontar as distintas implicacións do acollemento.
As persoas interesadas poden dirixirse aos Departamentos Territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade, aos servizos sociais do seu concello, ou, se se trata de familias alleas, directamente a Cruz Vermella, Aldeas Infantís (ACOGES e ACOLLES), ao Programa En Familia ou ao Programa Xerando cultura de acollemento onde lles informarán de as condicións e documentación que deben presentar.
Hai que sinalar que todos os membros da unidade familiar deberán aceptar voluntariamente o acollemento e a relación coa familia do/a neno, nena ou adolescente.
- Aspectos clave no acollemento familiar
-
O acollemento familiar dun neno, nena ou adolescente ten diferentes aspectos clave que toda familia acolledora debe ter en conta á hora de formar parte do programa:
TEMPORALIDADE
O acollemento familiar é un recurso temporal, aínda que a súa duración pode ser moi diversa: pode durar dende uns días ou semanas (acollementos de urxencia mentres se valora a situación do/a neno, nena ou adolescente), meses ou ata varios anos, prolongándose ata a maioría de idade (cando non é posible que a nena, neno ou adolescente volva coa súa familia de orixe, pero non quere, ou non pode, ser adoptado).
Todos os acollementos familiares teñen unha duración determinada, en función das necesidades e do problema que motivou a súa formalización. O acollemento durará o tempo que sexa necesario, de acordo coa decisión do equipo técnico do menor.
DIFERENZA COA ADOPCIÓN
Non deben confundirse acollemento e adopción.
No acollemento familiar mantéñense os vínculos de parentesco do neno, nena ou adolescente cos seus pais biolóxicos, considerándose unha medida de protección temporal.
Na adopción, pola contra, si se extinguen os vínculos de parentesco do neno, nena ou adolescente cos seus pais biolóxicos, e pasa a formar parte definitivamente dunha nova familia, creándose unha nova relación de filiación legal.
Por tanto, non deberán orientarse ao acollemento a aqueles que desexen satisfacer o desexo de ser pai ou nai. O acollemento é unha acción solidaria, para axudar a un neno, nena ou adolescente a crecer e educarse nunha familia.
RELACIÓNS DO MENOR COA SÚA FAMILIA DE ORIXEComo regra xeral, que loxicamente hai que valorar para cada caso concreto e pode ter excepcións, a separación da familia de orixe é temporal e, polo tanto, debe traballarse para que o neno ou nena volva canto antes con ela.
Para iso establécense visitas, contactos, ou mesmo períodos de convivencia cos pais biolóxicos, para preservar as relacións familiares e valorar as posibilidades de retorno, cando se considera que as circunstancias que deron lugar á separación xa foron superadas. Do plan de visitas establecido informarase convenientemente á familia acolledora, que ten o deber de facilitar os contactos e visitas entre o neno, nena ou adolescente e a familia de orixe.
É moi importante que a familia acolledora asuma e colabore con este plan de visitas, o que contribuirá a que o neno ou nena entenda e asuma a súa situación con maior normalidade.
- Como se constitúe un acollemento?
-
O primeiro paso é contar coa familia adecuada para dar resposta ás necesidades do neno, nena ou adolescente concreto que necesita unha familia.
Como primeira medida, acódese á familia extensa: avós, tíos, ou mesmo outras persoas que, sen ser parentes, teñen co neno, nena ou adolescente unha relación de proximidade. Se ningunha destas persoas pode, ou non está en condicións de facerse cargo do neno/s ou nena/s, acódese ao banco de familias alleas, previamente seleccionadas polos programas colaboradores coa administración e elíxese entre elas aquela que mellor se axusta ao perfil e necesidades do neno, nena ou adolescente.
O acollemento tanto en familia extensa como allea formalízase por escrito, mediante un documento no que se reflicten as responsabilidades de cada unha das partes, isto é, da familia acolledora e da Consellería.
O acollemento require do consentimento da familia acolledora e da nena, neno ou adolescente acollida se ten suficiente madurez e, en todo caso, se fose maior de 12 anos.
- Tipos de acollemento
-
Temporal:
Ten carácter transitorio, ben porque se prevé a reintegración do neno, nena ou adolescente na súa propia familia a curto prazo, ou ben porque se está estudando unha medida de protección de carácter máis estable. A súa duración máxima é de dous anos, agás que o interese superior do neno, nena ou adolescente aconselle a prórroga da medida.De urxencia:
Principalmente para nenos e nenas menores de seis anos, en tanto se decide a medida de protección que corresponda (a nena ou o neno tivo que ser separado de forma urxente da súa familia, pero aínda non existe unha valoración que permita establecer o plan de traballo).Permanente:
Ofrece ao neno ou nena unha vida familiar estable, durante o tempo que sexa preciso.Este acollemento realízase cando finaliza o prazo de dous anos de acollemento temporal sen ser posible a reintegración familiar, ou ben directamente nos casos de nenos, nenas e adolescentes con necesidades especiais ou cando a súa idade ou outras das súas circunstancias e as da súa familia así o recomenden.
É un acollemento, en xeral, de maior duración que, en moitos casos, prolóngase ata a maioría de idade do neno ou nena.
Por outra banda, en función do tipo de convivencia entre o neno ou nena e a familia acolledora, o acollemento pode ser:-
De convivencia plena: a familia acolledora ocúpase as 24 horas do día os 7 días da semana da nena, neno ou adolescente acollida.
-
De fin de semana e/ou vacacións: Desenvólvese durante as fins de semana e/ou os períodos vacacionais. O resto do ano, a nena, neno ou adolescente está coa súa propia familia ou nun centro residencial.
-
De día/noite: O acollemento ten lugar durante o día, regresando a nena, neno ou adolescente coa súa familia de orixe pola noite, ou viceversa.
-
- Que principios ou criterios sigue a administración para constituir un acollemento familiar?
-
- Dá prioridade á utilización do acollemento familiar sobre o residencial. Se ben en algúns casos ou circunstancias o acollemento residencial é mais axeitado, en xeral se considera que a familia é o medio natural para o crecemento e o benestar dos nenos.
- Evita, na medida do posible, a separación de irmáns procurando que sexan acollidos por unha mesma familia.
- Favorece a permanencia do neno ou adolescente no seu propio ambiente, procurando que o acollemento se produza en familia extensa sempre que sexa posible.
- Fomenta as relacións entre o neno e a súa familia natural para posibilitar a súa reintegración a esta.
- Mantén a medida polo tempo estritamente necesario.
- Fomenta a integración do neno ou nena na contorna social e a asistencia aos sistemas educativos, sanitarios e laborais da súa comunidade.
- Apoios cos que contan as familias acolledoras
-
COMPENSACIÓN ECONÓMICA
En función das características das nenas, nenos e adolescentes, os acollementos poden ser:
Acollementos ordinarios
As familias reciben unha compensación económica da Xunta de Galicia polo acollemento. As contías establécense en función da idade do nena, nena ou adolescente acollido.
Desde o mes de maio de 2025, estas compensacións aumentaron ata a seguinte contía:IDADE DO MENOR MES Menos dun ANO 600 € 1-3 ANOS 425 € 3-17 ANOS 425 € Especiais:
Se o neno, nena ou adolescente ten algunha enfermidade, discapacidade ou necesidade especial xustificada documentalmente que requira coidados ou atencións especiais, poderá acordarse unha compensación máis elevada, que se fixa en cada caso.Acollementos especializados con dedicación exclusiva:
Cando a nena, neno ou adolescente presenta algunha característica que orixina a necesidade duns coidados ou atencións especiais, que deberán xustificarse documentalmente e que requiren de tal dedicación que impide que polo menos un dos membros da parella desenvolva outra actividade económica. Requírese que a familia teña cualificación, formación ou experiencia adecuadas.
Neste último caso, a compensación económica ás familias depende do convenio colectivo da entidade colaboradora e por outra, a compensación polo mantemento do neno, nena ou adolescente ascende, con independencia da súa idade, a 450 euros/mes (15 euros día).APOIO TÉCNICO
As familias acolledoras contan co apoio técnico e acompañamento dos Equipos Técnicos do Menor dos Departamentos Territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade e dos equipos técnicos das entidades colaboradoras durante todo o tempo que dure o proceso de acollemento.
MÁS BENEFICIOS
As familias acolledoras poden ser perceptoras doutros beneficios:-
Recoñecemento de familia de especial consideración: Co obxecto de dotar ás familias acolledoras dunha protección especial, na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, dáselles carácter de “familias de especial consideración”, que outorga ás familias acolledoras un trato preferente en determinados ámbitos (vivenda, educación, transporte, etc) en función da normativa específica de cada un destes sectores.
-
Familia numerosa: Os nenos, nenas ou adolescentes en acollemento con duración prevista superior ao ano teñen a consideración de fillos, para os efectos da obtención da condición de familia numerosa.
-
Prioridade no acceso a unha escola infantil: Teñen prioridade no acceso ás prazas cando se trata de matrícula ordinaria e tamén cando o acollemento realízase con posterioridade ao peche do prazo de solicitude.
-
Residencias de Tempo Libre: Ao ser familias de especial consideración, teñen prioridade para a adxudicación de prazas nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia (en Panxón e O Carballiño) e gozan dun desconto do 30% sobre o prezo final da estancia.
-
Gastos extraordinarios: A Consellería de Política Social e Igualdade asume directamente aqueles servizos adicionais que necesiten as nenas e os nenos que se entende que exceden do seu coidado común, e que non estean cubertos polo sistema público xeral (atención profesional especializada, logopedia, psicoterapia, pedagoxía, enfermería, fisioterapia, atención óptica e odontolóxica, prótese etc.).
-
Axudas para libros de texto: Os nenos, nenas ou adolescentes que se atopen en acollemento familiar, entre outros grupos, reciben a axuda máxima para a adquisición de libros correspondente ao ensino obrigatorio e curso no que estean matriculados, con independencia do nivel de renda da familia acolledora.
-
Comedor escolar: Os nenos, nenas ou adolescentes en acollemento familiar son usuarios gratuítos dos comedores escolares dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, mentres cursen o ensino básico e o primeiro e segundo ciclo de educación infantil.
-
Prestación por maternidade/paternidade: O acollemento familiar de nenas e nenos cunha duración superior a un ano, dá dereito a percibir a prestación de maternidade/paternidade da Seguridade Social.
-
- Nenas, nenos e adolescentes migrantes non acompañados (NNAMNA)
-
Nosa Comunidade Autónoma acolle a chegada de nenas, nenos e adolescentes migrantes non acompañados (NNAMNA). Aínda que Galicia non sofre de forma directa os fluxos migratorios máis intensos, nos últimos anos, como indican os principios de colaboración entre administracións e de solidariedade territorial, a Xunta de Galicia está a acoller nenos e nenas chegados a territorios onde se viven crises migratorias, como Canarias e Ceuta. A chegada está a ser asumida de forma case exclusiva pola rede de centros de protección e polos técnicos de menores con total igualdade e implicación que o resto de situacións de desprotección.
A abordaxe dos casos de nenas, nenos e adolescentes migrantes non acompañados (NNAMNA) nos equipos técnicos de menores realízase tendo en conta en todos os casos a especial vulnerabilidade destas situacións.
Por iso, desde protección á infancia e adolescencia, o primeiro que procede é asumir a tutela urxente. Unha vez asumida a medida de protección inícianse os distintos trámites e intervencións co neno, nena ou adolescente que adoitan incluír:
-
Entrevista no servizo de protección asistido de tradutor que serve para que o Equipo Técnico do Menor se faga unha composición de lugar sobre a situación familiar no país de orixe ou as expectativas que ten sobre o futuro, entre outras cuestións.
-
Tramitación da documentación. Algunhas destas persoas chegan coa documentación en regra (as menos), en cambio outras, é necesario tramitarlle o permiso de residencia, que ten certa complicación e pasa por unha cédula temporal. Tamén se xestiona a tarxeta sanitaria.
-
Formación no idioma. Como paso previo a calquera formulación do caso, establécese un apoio formativo para o idioma.
A partir de aquí, o traballo con estes mozos é igual ao que leva a cabo con calquera outro do sistema de protección.
-