Inicio > Áreas > Familia e infancia > Adopcions > A adopción internacional

A adopción internacional

A adopción internacional é unha forma de protexer a aqueles nenos que non poden crecer no seo da súa familia nin teñen a posibilidade de integrarse noutra familia do seu país.

En España, como na maioría dos países desenvolvidos, estase a producir unha diminución progresiva do número de nenos que poden ser adoptados, debido, entre outros factores, ao desenvolvemento do sistema de protección á infancia, da evolución favorable das condicións socio-económicas e do descenso xeralizado da taxa de natalidade. Estes mesmos factores fan que, ao mesmo tempo, aumenten as solicitudes de adopción e, en consecuencia, se incrementen os tempos de espera.

Paralelamente outros países, por razóns socioeconómicas, non poden asegurar o benestar de amplos sectores de poboación e contan cun gran número de menores en condicións de seren adoptados. Para garantir que o proceso de adopción internacional se leve a cabo respectando os dereitos dos nenos e previr a súa substracción, venda ou tráfico, no ano 1993 aprobouse na Haia un Convenio que regula o sistema de cooperación internacional nesta materia, que foi ratificado por España o 1 de agosto de 1995.

Na adopción dun menor de orixe estranxeira intervén, ademais da lexislación española, a do país de orixe do neno; entre elas hai toda unha serie de diferenzas, que van desde os requirimentos esixidos ata os efectos que se outorgan á adopción, pasando polo procedemento de constitución da adopción ou as autoridades que nel interveñen. En canto aos efectos, existen adopcións plenas, que supoñen unha ruptura total dos vínculos xurídicos do menor coa súa familia biolóxica, e non plenas ou simples, o que supón que a pesar da creación dun novo vínculo de filiación entre o adoptado e os pais adoptivos, non se produce unha ruptura total cos vínculos xurídicos preexistentes entre o menor adoptado e a súa familia de orixe.

Que o menor pertenza a un país distinto implica diferencias culturais, étnicas e de idioma que imprimen a estas adopcións características propias, e que poden dificultar a adaptación á unidade familiar que ten que acomodarse á nova situación.

¿Que nenos poden ser adoptados?

Son as autoridades competentes de cada país, con arreglo á súa propia normativa, as que determinan que nenos son susceptibles de ser adoptados. Tamén son estas autoridades as que asignan un neno ou nena concreto a unha determinada familia solicitante de adopción.

¿Quen pode adoptar?

Na adopción dun menor de orixe estranxeira interveñen dúas lexislacións, a do país de orixe do neno e a das persoas que van a adoptar. Hai que ter en conta, polo tanto, os requirimentos que esixen ambas as dúas lexislacións. En calquera caso, cando se trate de cónxuxes ou parellas de feito a vontade de adoptar debe ser compartida por parte de ambos os dous.

Conforme á lexislación española, os posibles solicitantes deberán cumprir, entre outros, os seguintes requisitos:

  • Ter como mínimo 25 anos cumpridos; no caso de solicitude conxunta por parellas, bastará con que un deles teña esta idade. En todo caso, o adoptante deberá ter, polo menos, 14 anos máis que o adoptado.
  • Ter residencia habitual na Comunidade Autónoma galega ou ser emigrante galego con previsión de retorno; neste caso deberase xustificar a residencia efectiva na comunidade autónoma no prazo máximo dun ano desde a data de presentación da solicitude.
  • Ter plena capacidade xurídica e de obrar.
  • Estar declarado persoa idónea para a adopción tras o correspondente procedemento de valoración.

Para iniciar un proceso de adopción internacional débese tramitar un expediente administrativo previo ante a entidade pública de protección de menores (Consellería de Política Social).

A tramitación no país ao que vaia destinada a solicitude pódese facer por varias vías, dependendo do que estableza o propio país: o mais frecuente é facelo por “protocolo público” (é dicir, a través do Ministerio de Sanidad y Política Social) ou a través dunha Entidade Colaboradora de Adopción Internacional (ECAI) debidamente habilitada. Mais excepcional, xa que case ningún país o admite, é a tramitación directa polos propios interesados.

Entidades Colaboradoras de Adopción Internacional (ECAIs)

As entidades colaboradoras de adopción internacional (ECAI) son entidades sen ánimo de lucro cuxa función é mediar, é dicir, tramitar o expediente de adopción de acordo coa lexislación do país ao que vai dirixida a solicitude, unha vez emitido o certificado de idoneidade pola Xunta de Galicia. Tamén teñen unha función de información, asesoramento e apoio ás familias de cara ás condicións e trámites da adopción no país de que se trate.

Para mediar nas adopcións dun determinado país, as ECAIS deben ser habilitadas pola Xunta de Galicia e polo país do que se trate. Cando en Galicia non exista ningunha ECAI habilitada para tramitar adopcións nun país concreto, os solicitantes que o desexen poden solicitar a mediación de entidades habilitadas noutras comunidades autónomas.

As ECAIs poden percibir unha compensación económica dos solicitantes para facer fronte aos gastos derivados da súa xestión, incluídos os honorarios profesionais. Os custos dos servizos serán expostos publicamente nas oficinas das ECAIs, previamente autorizados pola Secretaria Xeral de Familia e Benestar.

Entidades colaboradoras en adopción internacional en Galicia: