A Xunta incorpora os concellos de Monfero e Taboada ao programa Xantar na casa

A través desta iniciativa garántese unha dieta equilibrada e saudable a unha vintena de veciños da localidade coruñesa e a outros dez da lucense

Xa hai 190 municipios adheridos a esta proposta, coa que se atende diariamente a 1745 persoas

A Xunta incorpora os concellos de Monfero e Taboada ao programa Xantar na casa

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou hoxe cos alcaldes de Monfero e Taboada, Andrés Feal e Ramiro Moure, respectivamente, a incorporación destes dous concellos ao programa de atención alimentaria a domicilio Xantar na casa. Unha vintena de veciños do municipio coruñés e outros dez do lucense beneficiaranse deste servizo que a Xunta desenvolve en colaboración coas entidades locais.
O obxectivo de Xantar na casa é garantir unha dieta saudable, equilibrada e adaptada ás necesidades de cada usuario, que son, principalmente, maiores que viven sos. Esta iniciativa tamén se dirixe ás persoas dependentes e a aquelas con poucos recursos que están en risco de exclusión.
A comida repártese nas vivendas nunha única entrega para todos os días da semana, incluídos sábados, domingos e festivos; polo que soamente hai que quentala antes de consumila. Aos destinatarios tamén se lles facilitan os electrodomésticos que precisen no caso de que carezan deles, como neveira e microondas.

Seguimento individualizado

Ademais de ofrecer uns menús sans, a través desta iniciativa é posible facer un seguimento individualizado, previr posibles incidencias e actuar con celeridade ante calquera incidencia.
Son os servizos sociais municipais os que se encargan de seleccionar as persoas beneficiarias. Pola súa banda, a Xunta financia o 50% do custe da comida e o resto o asumen, a partes iguais, os concellos e os beneficiarios.
Coa incorporación de Monfero e Taboada, son xa 190 as localidades de toda Galicia adheridas ao Xantar na casa, co que se atende diariamente a 1745 persoas.