Renda de inclusión social de Galicia (RISGA)

A renda de inclusión social, tamén coñecida como Risga, é unha prestación pública da Xunta de Galicia destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a aquelas persoas que carezan deles. Esta prestación ten como obxectivo conseguir progresivamente a súa autonomía e integración social e laboral. Consta da percepción dunha axuda económica e da realización de procesos personalizados de inserción, que contan co apoio do Sistema galego de servizos sociais e do Sistema público de emprego de Galicia.

A Risga leva asociado a execución dun proxecto de integración social orientado á mellora persoal e social das persoas integrantes da unidade de convivencia, así como a súa autonomía, participación e integración no seu medio social (contempla as áreas de condicións básicas de vida, coidado persoal, hixiene do fogar e da vivenda, coidado e atención a conviventes con discapacidade e seguimento de aspectos básicos da saúde). O devandito proxecto será deseñado polos servizos sociais comunitarios municipais de referencia contando coa participación activa da persoa, deberá elaborarse un por cada persoa maior de idade da unidade de convivencia que mostrará a súa conformidade co mesmo a través da súa firma xunto coa do profesional de traballo social.

No caso de existencia de menores que poidan estar en situación de risco de exclusión social, deberase realizar como anexo a este proxecto, un acordo para a integración socioeducativa das e dos menores no que se recollan compromisos relativos á escolarización, saúde, hixiene e socialización dos mesmos buscando mellorar a cohesión social e o seu adecuado coidado e protección.

En función de se se participa nun itinerario formativo laboral ou se accede a un emprego, poderán percibirse unha serie de complementos a maiores (explícase no apartado de estrutura e tramos de Risga).

Tanto o proxecto de integración social como o acordo para a integración socioeducativa dos e das menores recollen unha serie de actuacións coas que se comprometen as persoas que os asinan e que o seu cumprimento condicionará o mantemento ou modificación da prestación.

 

A prestación económica da Risga ten carácter alimenticio, persoal e non transmisible, non pode ser embargada ou retida, nin darse en garantía de obrigas.

 

Aínda que se pode solicitar de maneira particular dende a sede electrónica da Xunta de Galicia, tamén se pode acudir aos servizos sociais para que lle axuden cos trámites.

Os servizos sociais comunitarios básicos do concello de residencia deberán emitir un informe de valoración para determinar se se ten dereito a esta prestación e tamén realizarán o seguimento e avaliación dos compromisos adquiridos, o que condicionará o mantemento ou a modificación da prestación conforme ao cumprimento ou non dos mesmos.

Con carácter xeral, realizarase unha revisión anual da Risga, que se poderá prorrogar se subsisten as circunstancias para a súa concesión.

A normativa actual regula que a contía da prestación económica da Risga calcularase tomando como base o Indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), que para o ano 2026 é de 600 € mensuais e de 7.200 € anuais.

 

Estrutura e tramos da Risga

A Risga, en tanto prestación económica, consta de tres tramos:

  • Tramo persoal e familiar

O tramo persoal refírese ao ingreso mínimo destinado a garantir as necesidades básicas e axuste persoal. Será o equivalente ao 78,20% do importe mensual do IPREM (que serían 469,20 € para o ano 2026) e é o que lle correspondería a unha soa persoa (titular). 
O tramo familiar súmase ao tramo persoal e refírese a uns complementos acumulativos en función dos membros que compoñen a unidade de convivencia, conforme á seguinte táboa (valores ano 2026):

Primeiro convivente 14,60% IPREM mensual (87,60 €)
Segundo convivente 12,50% IPREM mensual (75,00 €)
Terceiro convivente e sucesivos 10,40% IPREM mensual (62,40€)

Establécese un límite máximo deste tramo en función da existencia de menores ou non na unidade de convivencia e tamén un límite mínimo no caso de desconto por ingresos. 
Dentro deste tramo contémplase a posibilidade de acceder a un complemento de alugueiro cando se cumpran os requisitos para iso (entre outros residir nunha vivenda independente alugada e con contrato de arrendamento de duración mínima dun ano convenientemente acreditado). O devandito complemento variará en función da existencia ou non de menores na unidade de convivencia.

  • Tramo de inserción

Poderá ser beneficiaria do tramo de inserción da Risga a persoa que reúna os requisitos xerais de acceso á mesma así como as condicións para incorporarse a un itinerario de formación-emprego conforme ao informe dos servizos sociais e ao diagnóstico de empregabilidade. É obrigatorio asinar un convenio de inclusión sociolaboral onde recolla os compromisos para a integración laboral (implica a participación activa na realización das accións recollidas no mesmo). Este tramo leva consigo un apoio e seguimento profesional orientado á formación adaptada, mellora da empregabilidade e á inserción real e efectiva na contorna social e no mercado de traballo. 
A duración do tramo de inserción será como máximo de 12 meses (prorrogable por 6 meses máis en función do cumprimento dos obxectivos). Poderá volverse a solicitar unha única nova incorporación a este tramo cando transcorran 12 meses desde a súa percepción e será necesario un novo diagnóstico de empregabilidade. 
A contía do complemento de inserción sumarase ao ingreso mínimo do tramo persoal e ten como finalidade incentivar o cumprimento do itinerario de inserción sociolaboral. 
Poderá ser de dous tipos:

Complemento como incentivo
(sen participar en accións formativas)
15% do IPREM mensual (90 €)
Complemento por participar en accións formativas
(inclúe ademais do incentivo a cobertura de gastos para cumprir o convenio de inclusión)
35% do IPREM mensual, en función dos gastos e tipo de programa (210 €)

O pago deste complemento estará supeditado ao cumprimento do convenio de inclusión.

  • Tramo de transición ao emprego

É un complemento que ten como obxectivo estimular e favorecer a incorporación a un posto de traballo. 
Poderá ser beneficiaria do tramo de transición ao emprego, unha soa vez, aquela persoa que sexa titular da Risga e acceda a unha actividade laboral remunerada, sempre que o contrato de traballo teña unha duración mínima de 6 meses continuados. 
Abonarase por un máximo de 6 meses e o dereito a súa percepción cesará no momento en que finalice a actividade laboral. 
Este tramo consistirá nun complemento de ingresos gradualmente descendente que suplementa o soldo que se percibe e, para o cálculo da súa contía, terase en conta se as rendas de traballo son superiores ou inferiores á Risga.

Requisitos para solicitar unha Risga

Poderán ser beneficiarias da Risga as persoas que, tecnicamente valoradas, se atopen en situación ou risco de exclusión social. Para iso verificarase a ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión seguintes, cando esa condición supoña especial dificultade de integración social ou laboral:

  • Estar nunha situación de cargas familiares non compartidas.
  • Estar en proceso de rehabilitación social, como resultado dun programa de deshabituación de substancias aditivas ou de calquera outra adicción que produza efectos persoais e sociais de natureza semellante.
  • Ter a condición de muller vítima de violencia de xénero.
  • Ser unha persoa vítima de violencia doméstica
  • Ter unha discapacidade valorada superior ao 33%.
  • Ser inmigrante ou emigrante retornado.
  • Proceder de institucións de protección ou reeducación de menores.
  • Proceder de cumprimento de pena nunha institución penal.
  • Ser unha persoa sen fogar ou habitar nunha infravivenda.
  • Pertencer a unha minoría étnica.
  • Estar en proceso de abandono do exercicio da prostitución ou ser vítima de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.
  • Ter a condición de persoa transexual ou estar en proceso de reasignación sexual.
  • Calquera outro factor non previsto expresamente que, ponderado polos servizos sociais comunitarios no contexto persoal, familiar e social da persoa, condicione negativa e gravemente a súa inclusión social e laboral.

Poderanse valorar como persoas en situación de risco de exclusión social (e polo tanto acceder ás prestacións e medidas desta lei) aquelas persoas nas que concorran factores de exclusión sinalados que obteñan ingresos derivados da súa actividade laboral que sexan inferiores ao límite de recursos para ter acceso á Risga segundo a súa situación sociofamiliar e reúnan o resto dos requisitos establecidos para ter dereito á prestación económica. 
Ademais, con carácter xeral, a persoa solicitante debe reunir os seguintes requisitos (recollidos nos artigos 13 a 16 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, onde tamén regula unha serie de excepcións aos mesmos):

  • Ter residencia efectiva e constatada polos servizos sociais comunitarios do concello e estar empadroada en calquera dos concellos da Comunidade autónoma galega, polo menos durante os 6 meses anteriores á presentación da solicitude de valoración.
  • Ter residencia legal.
  • Ter máis de 25 anos.
  • Que non existan persoas legalmente obrigadas e con posibilidade real de prestar alimentos de acordo coa lexislación civil (cónxuxes, ascendentes e descendentes, e en menor medida irmáns e irmás), salvo os eximentes contemplados na normativa.
  • Dispoñer na unidade de convivencia de ingresos inferiores ao importe do tramo persoal e familiar que lle correspondería e, ademais, non dispoñer de bens patrimoniais dos cales se deduza a existencia de medios suficientes para a subsistencia.

Computaranse tanto os ingresos relativos á actividade laboral ou económica, rendas, pensións, prestacións, axudas, subsidios, indemnizacións, ingresos por calquera outro concepto, etc., así como as cantidades procedentes do capital mobiliario e inmobiliario e os relativos ao rendemento do patrimonio (ingresos procedentes de calquera forma de explotación do patrimonio tanto de bens rústicos como urbanos e todo tipo de ingresos financeiros). 
Computaranse o total de ingresos percibidos por todos os membros da unidade de convivencia conforme aos criterios establecidos na normativa. 
Considéranse bens patrimoniais os depósitos bancarios e contas correntes ou de aforro, os bens mobles ou inmobles exceptuando a vivenda habitual destinada ao seu uso. Deducirase que existen medios suficientes para a subsistencia en relación aos bens patrimoniais cando se dispoña de cantidades líquidas superiores a 4 veces o IPREM ou cando o resto de bens teña unha valoración superior ao importe anual do IPREM,  conforme aos criterios establecidos na normativa.

Establécese un límite de recursos para ter acceso á Risga que se calcula en función da composición da unidade de convivencia, entendendo por tal o conxunto de persoas que convivan no mesmo domicilio e manteñan con respecto á persoa solicitante un vínculo por matrimonio ou análoga relación estable, por adopción ou acollemento ou por parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao (pai/nai, fillos/as, irmáns/irmás, avós/avoas, etc.) ou de afinidade ata o segundo grao (sogro/a, xenro/nora, etc).

O devandito límite de recursos recóllese na táboa seguinte (valores ano 2026):

 

Límite de recursos

Núm. conviventes
(Unidade de convivencia)

sen 
menores*

con menores**

1 (Ingreso mínimo 78,20% IPREM)

469,20

2 (Ing. mínimo + 14,60% IPREM)

556,80

3 (Ing. mínimo + 27,1% IPREM)

631,80

4 (Ing. mínimo + 37,5% IPREM)

694,20

5 (Ing. mínimo + 47,9% IPREM)

750,00

756,60

6 (Ing. mínimo + 58,3% IPREM)

750,00

819,00

A partir de 7 membros

750,00

840,00

* Límite máximo do tramo persoal e familiar en unidades de convivencia SEN menores (125% IPREM) =750,00 
** Límite máximo do tramo persoal e familiar en unidades de convivencia CON menores (140% IPREM) =840,00

Sinalar que a normativa contempla que os requisitos se deben cumprir no momento da solicitude e no momento da resolución da Risga.

Contía da RISGA para o 2026

A normativa actual regula que a contía da prestación económica da Risga calcularase tomando como base o Indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), que para o ano 2026 é de 600€ mensuais e de 7.200 € anuais. 
A contía da renda de inclusión social de Galicia variará en función dos membros que compoñen a unidade de convivencia, dos tramos que se perciban (complemento de inserción, complemento de transición ao emprego, complemento de alugueiro) e dos ingresos de todos os membros da unidade de convivencia. 
Contías do tramo persoal e familiar en función dos membros que compoñen a unidade de convivencia (valores ano 2026):

 

Tramo persoal e familiar (TPF)

Núm. conviventes
(Unidade de convivencia)

sen 
menores*

con 
menores**

1 (Ingreso mínimo 78,20% IPREM)

469,20

2 (Ing. mínimo + 14,60% IPREM)

556,80

3 (Ing. mínimo + 27,1% IPREM)

631,80

4 (Ing. mínimo + 37,5% IPREM)

694,20

5 (Ing. mínimo + 47,9% IPREM)

750,00

756,60

6 (Ing. mínimo + 58,3% IPREM)

750,00

819,00

A partir de 7 membros

750,00

840,00

*  Límite máximo do tramo persoal e familiar en unidades de convivencia SEN menores (125% IPREM) =750,00
** Límite máximo do tramo persoal e familiar en unidades de convivencia CON menores (140% IPREM) =840,00

A contía será o resultado de restar do importe do tramo persoal e familiar que lle correspondería, os ingresos da unidade de convivencia. 
Existe unha limitación máxima do tramo persoal e familiar, no caso de non haber menores será do 125% do IPREM mensual e se houbese menores na unidade de convivencia sería do 140% do IPREM mensual. 
Así mesmo, cando se desconten os ingresos establécese un importe mínimo do tramo persoal e familiar a percibir, que será o 25% do IPREM (150 €). 
No caso de acceder ao tramo de inserción poderá incrementarse da seguinte forma:

15% do IPREM = 90 € 
35% do IPREM (con formación)= 210 €

Tamén no caso de acceder ao tramo de transición ao emprego poderase ver incrementada nunha cantidade variable descendente en función das rendas do traballo percibidas.

Poderá existir un complemento de alugueiro naquelas situacións que se valore que teñen dereito ao mesmo, variando a súa contía entre a 10,40% do IPREM (62,40€, se non existen menores na unidade de convivencia) e a 15,60% do IPREM (93,60 € no caso de que haxa menores).

Subsidariedade, incompatibilidades e supostos de minoración

A renda de inclusión social de Galicia será subsidiaria e incompatible coas pensións non contributivas ou con calquera outra prestación ou pensión de contía igual ou superior ás das devanditas pensións.

Tampouco poderán acceder á Risga aquelas persoas que teñan a idade mínima establecida para que poidan solicitar unha pensión non contributiva de xubilación (65 anos cumpridos ou máis). 
Calquera outro ingreso, así como as pensións e prestacións de importe inferior percibidas pola persoa solicitante da Risga, non impedirán o acceso a ela, pero descontaranse do seu importe, coas excepcións sinaladas na normativa. 
Os ingresos, pensións ou prestacións percibidas por outras persoas integrantes da unidade de convivencia (distintas da titular) serán compatibles e deducibles do importe da Risga nos termos sinalados na normativa. 
En relación ás prestacións económicas para a atención das persoas en situación de dependencia, as libranzas para adquisición de servizos ou para asistente persoal que se perciban na unidade de convivencia serán compatibles e non deducibles, non obstante as libranzas para coidados no ámbito familiar serán compatibles e deducibles.

Obrigas das persoas beneficiarias de Risga

As persoas beneficiarias da renda de inclusión social terán as seguintes obrigas:

  • Relativas á percepción regular da prestación económica: destinala aos fins para os que se concede, comunicar no prazo de 5 días o acceso a un emprego e solicitar a baixa na prestación no prazo de 10 días desde o momento en que se deixen de cumprir os requisitos para a súa percepción.
  • Relativas ao reintegro de cantidades indebidamente percibidas: deber de devolver as cantidades de Risga indebidamente recibidas, poderán ser obxecto de compensación a través da propia Risga en función de se se percibiron por causas non imputables á persoa beneficiaria ou se existiu ocultación ou falseamento de datos, de forma excepcional e no caso de existir menores poderase condonar unha parte das mesmas.
  • Relativas á información, comunicación e transparencia: comunicar no prazo de 10 días proporcionando información veraz á Administración sobre cambios na súa situación ou a da unidade de convivencia, colaborar na verificación da información, facilitar o seguimento da súa situación por parte do profesional de traballo social de referencia conforme ao acordado no proxecto de integración social, acordo de integración socioeducativa ou convenio de inclusión sociolaboral.
  • Relativas ao exercicio de dereitos: deber de solicitar as pensións e prestacións ás que teña dereito calquera persoa da unidade de convivencia, incluídas as accións legais derivadas da falta de pagamento do dereito de alimentos para o que contará coa información do profesional de traballo social de referencia e no caso de que prospere poderá dar lugar á modificación da prestación.
  • Relativas aos/as menores e ás medidas previstas no proxecto de integración social e no convenio de inclusión sociolaboral: escolarizar ás e ós menores en idade de escolarización obrigatoria garantindo a súa asistencia ao centro escolar, participar activamente na execución das medidas contidas no proxecto de integración social ou o acordo de integración socioeducativa ou no convenio de inclusión, incorporarse aos tramos de inserción e de transición ao emprego cando se cumpran os requisitos e cumprir cos obxectivos recollidos nos mesmos.
  • Cantos outros deberes deriven do obxecto e da finalidade da renda de inclusión social de Galicia: entre os que se atopan non exercer a mendicidade ou prostitución nin inducir a ningún membro da unidade de convivencia a iso, respectar as normas de convivencia nos edificios, non realizar actividade laboral ou económica sen regularizar.

O incumprimento destas obrigas poderá dar lugar á revogación e extinción da prestación, á modificación dalgún tramo ou da contía da Risga, apercibimento por escrito ou retirada dun terzo da prestación. Nos casos de retirada total da prestación poderá tamén condicionar que non se poida volver solicitar pasados 6 meses e, de existir ocultación ou falseamento da información ou calquera acción fraudulenta, procederase á retirada total da prestación non podendo volver solicitala ata que transcorran 12 meses.

Esta información relativa ás obrigas comunícase á persoa titular da Risga nas resolucións relativas á prestación.

Solicitude, procedemento, prazo e documentación

Solicitude e procedemento da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) – BS626F (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS626F&ano=2019&numpub=1&lang=es)
A solicitude debe ir cuberta e asinada. Xunto á mesma debe entregarse diversa documentación complementaria. 
Tanto o modelo de solicitude como a documentación complementaria necesaria pódense consultar na ligazón anterior. 
Prazo de presentación: aberto todo o ano. 
Documentación mínima que deberán entregar os servizos sociais comunitarios básicos do concello de residencia:

  • Informe social de inclusión (ISI), onde constará a valoración social así como unha proposta sobre a idoneidade e procedencia, ou non, de concesión da Risga.
  • Proposta do proxecto de integración social.
  • Acordo anexo para a integración socioeducativa dos e das menores (no caso que proceda, se hai menores na unidade de convivencia en situación de risco ou vulnerabilidade).
Onde solicitar unha Risga

Para acceder a Risga esíxese un informe de valoración social elaborado polos servizos sociais comunitarios básicos do seu concello de residencia; polo que, preferentemente, debe dirixirse aos devanditos servizos para que valoren as súas circunstancias persoais, sociais e familiares e, por tanto, a posibilidade de acceder á devandita axuda e solicitala. 
Pode cubrir a solicitude que atopará na ligazón (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS626F&ano=2019&numpub=1&lang=es) e presentala electronicamente ou presencialmente a través dun rexistro administrativo ou oficina de Correos. Neste caso, o órgano encargado de xestionar a axuda terá que requirir o informe de valoración social aos servizos sociais comunitarios básicos do seu concello de residencia.

Órgano encargado de xestionar a Risga

Departamento Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade da provincia de residencia.


A Coruña

Lugo

Departamento Territorial de Política Social e Igualdade
Servizo de Prestacións, Inclusión e Inmigración
Espazo Amizar
C/ Gregorio Hernández, 2
15011 A Coruña
prestacions.ctb.coruna [at] xunta.gal (prestacions[dot]ctb[dot]coruna[at]xunta[dot]gal)
Departamento Territorial de Política Social e Igualdade
Servizo de Prestacións, Inclusión e Inmigración
Rolda da Muralla, 70
27071 Lugo
prestacionseinclusionlugo [at] xunta.gal (prestacionseinclusionlugo[at]xunta[dot]gal)

Ourense

Pontevedra

Departamento Territorial de Política Social e Igualdade
Servizo de Prestacións, Inclusión e Inmigración
R/ Sáenz Díez, 33
32071 Ourense
prestacions.politicasocial.ourense [at] xunta.gal (prestacions[dot]politicasocial[dot]ourense[at]xunta[dot]gal)
Departamento Territorial de Política Social e Igualdade
Servizo de Prestacións, Inclusión e Inmigración
R/ Concepción Arenal, 8
36201 Vigo (Pontevedra)
prestacions.benestar.vigo [at] xunta.gal (prestacions[dot]benestar[dot]vigo[at]xunta[dot]gal)

*****************************************************************************************

Normativa

Ambas normas modificadas no relativo as contías das prestacións pola Lei 7/2022, de 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Diario Oficial de Galicia, 248, do 30 de decembro de 2022.https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221230/AnuncioC3B0-271222-3_gl.html