 
Galicia foi a primeira Comunidade Autónoma en contar cunha estratexia de inclusión específica para a poboación xitana, no ano 2014. Continuando con este compromiso, en 2025 renovouse esta estratexia co horizonte 2030:
| Estratexia de inclusión social da poboación xitana en Galicia 2025-2030 | 
Esta Estratexia constitúe o marco integrado para a orientación, programación e desenvolvemento de medidas dirixidas á integración social e laboral da poboación xitana en Galicia.
A nova estratexia, aliñada co marco europeo e nacional, está integrada na máis ampla Estratexia de Inclusión social de Galicia 2023-2030, na que se integran obxectivos e prioridades, non só no eido dos servizos sociais, senón tamén nas áreas clave doutros departamentos da Xunta de Galicia como a educación, a sanidade, a vivenda ou o emprego.
- Subvencións a corporacións locais
- 
A través da convocatoria de subvencións dáse apoio económico ás corporación locais para o desenvolvemento de programas de emerxencia social e inclusión social, incluíndose, entre outros, programas de carácter específico dirixidos á comunidade xitana. 
- Subvencións a entidades de iniciativa social
- 
A través desta convocatoria de subvencións se da apoio económico ás entidades de iniciativa social que desenvolven programas na área de actuación dos servizos sociais comunitarios e inclusión social, incluídos os programas de inclusión sociolaboral dirixidos á poboación xitana. 
- Programa Acceder
- 
A través deste programa a Fundación Secretariado Xitano, coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade, está a desenvolver accións dirixidas ás minorías étnicas para promover a inclusión social a través de políticas activas centradas na loita contra a discriminación (Programa Operativo Estatal de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 do Fondo Social Europeo). As ditas accións abordan materias de formación profesional ocupacional, orientación laboral, acompañamento no acceso ao emprego, accións de sensibilización dirixidas a empresarios e entes públicos, e estudos e metodoloxías para aplicar aos programas. O Programa Acceder dispón de cinco dispositivos de intervención, coa finalidade de realizar accións de acollida, orientación, acompañamento e acceso de minorías étnicas, preferentemente á formación e ao emprego. Estes dispositivos -situados nos concellos da Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela- atenden á poboación destes concellos e da súa área de influencia. Tamén se desenvolven accións de asesoramento e apoio para o impulso de políticas sociais máis activas con estas comunidades, dirixidas aos concellos e ás entidades sociais que traballan directamente con estes colectivos. Obxectivos O obxectivo xeral do programa é a mellora da capacidade de inserción e incorporación das minorías étnicas no mercado de traballo e o impulso de políticas sociais máis activas coa mesma, constituíndo obxectivos específicos: - A inserción de persoas novas despedidas e en situación de exclusión social, con relevancia dos mozos entre dezaseis e vinte cinco anos
- O fomento dos servizos de proximidade e os empregos e ocupacións vinculadas a estas actividades que poidan repercutir na mellora das condicións de vida destes colectivos
- a capacitación dos beneficiarios nunha profesión ou oficio
- A inserción laboral dos beneficiarios a través do adestramento en habilidades e técnicas de busca de emprego
 
- Consejo de Eliminación de la Discriminación Racial o Étnica (CEDRE)
- 
Se cres que fuches vítima dunha discriminación e tes dúbidas sobre que deberías facer, ponte en contacto con calquera dos 23 centros de asistencia a vítimas de discriminación: - Teléfono de asistencia gratuíto: 021
- Whatsapp: 628 860 507
- Email: asistenciavictimasracismo [at] igualdad.gob.es (asistenciavictimasracismo[at]igualdad[dot]gob[dot]es)
 
