Nova

A Xunta impulsa a comunidade de mulleres emprendedoras galegas a través dos encontros Emega

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Paula Uría, participou na primeira destas sesións, na que animou as beneficiarias das axudas Emega a tecer unha rede de colaboración


Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2026

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Paula Uría, participou esta mañá no primeiro Encontro Emega, Mulleres que emprenden, que definiu como un espazo para que as beneficiarias das axudas Emega fagan comunidade.

Paula Uría resaltou a importancia de que estas mulleres que lideras iniciativas empresariais compartan experiencias, busquen colaboracións e tezan unha rede de emprendemento feminino en Galicia.

Unha trama multidisciplinaria formada por profesionais de diferentes sectores, como os que representan as participantes neste Encontro Emega: a restauración, a creación artística, a cultura dixital e a rehabilitación neurolóxica. Graciela Castro, de Chichalovers; Raquel Montero, de Espazo Boh; Ángela Redondo, de Fomo Axenda Cultural; e Tania Romero, de Ingenia Neurología, conversaron acerca de como se consolida unha empresa, como medra, que emprego pode manter, que obstáculos encontra e que novos apoios necesita.

Experiencias comúns desde a diversidade. Que amosa, apuntou a directora xeral, que o emprendemento feminino non responde a un único perfil nin a unha única maneira de facer empresa. Por este motivo incidiu na relevancia de construír unha rede de mulleres emprendedoras que potencie as súas fortalezas.