Nova
Belén do Campo destaca o apoio da Xunta ao emprendemento feminino, con axudas de 279.000€ a 21 iniciativas na cidade e comarca de Santiago do programa EMEGA
A delegada da Xunta visitou dous negocios en Boqueixón promovidos por mulleres que recibiron 10.000 euros cada un para impulsar a súa actividade e favorecer o emprego feminino
Boqueixón (Coruña), 26 de novembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, achegouse hoxe a dous negocios deste municipio que contaron co respaldo económico do programa EMEGA do Goberno galego.
Durante o percorrido, a representante autonómica deu conta dos resultados da convocatoria de 2026, que dispón dunha dotación de 5 millóns de euros, e subliñou o papel destas axudas á hora de facer realidade novas ideas empresariais, contribuír á continuidade dos negocios e impulsar a incorporación de mulleres ao mercado laboral.
Os dous establecementos visitados accederon ás achegas da modalidade Emerxe. Así, Cesta e Sabor recibiu 10.000 euros para a contratación dunha traballadora por conta propia, a mesma contía que lle foi concedida ao centro de reflexoloxía podal Pés en calma, tamén para a contratación dunha traballadora por conta propia.
Belén do Campo incidiu en que o programa EMEGA é unha ferramenta para acompañar as mulleres que deciden emprender, facilitándolles recursos para desenvolver os seus proxectos e contribuír á actividade económica dos seus municipios. Neste sentido, destacou que iniciativas como as coñecidas hoxe en Boqueixón axudan a crear emprego, diversificar os servizos e fortalecer o comercio e o tecido empresarial de proximidade.
Provincia Coruña
No ámbito da provincia da Coruña a convocatoria deste ano permitiu apoiar 135 iniciativas na Coruña, cun financiamento conxunto superior aos 1,7 millóns de euros.
Pola súa banda, na comarca de Santiago, incluída a capital, resultaron beneficiarios 21 proxectos de seis concellos, que recibiron un total de 279.000 euros. A distribución foi a seguinte: Santiago de Compostela concentrou nove iniciativas, cunha achega de 133.000 euros; Ames, catro proxectos e 62.000 euros; Brión, un e 16.000 euros; Teo, dous e 20.000 euros; Val do Dubra, dous e 18.000 euros; e Boqueixón, tres iniciativas que sumaron 30.000 euros.
A delegada lembrou que EMEGA busca reforzar a autonomía económica e social das mulleres, promover a súa presenza en todos os ámbitos da sociedade e avanzar na eliminación das desigualdades de xénero. “Cando apoiamos unha muller que decide poñer en marcha un negocio, estamos contribuíndo tamén a crear riqueza, emprego e novas posibilidades de futuro, especialmente nos concellos, onde cada iniciativa empresarial ten un impacto directo na dinamización da economía local”, afirmou.
Catro modalidades
A convocatoria de 2026 articúlase arredor de catro liñas de financiamento, deseñadas para responder ás distintas necesidades das emprendedoras.
A modalidade Emerxe apoia a posta en marcha de novas empresas e a creación de emprego feminino estable, con achegas que poden chegar aos 22.000 euros. Impulsa, pola súa banda, está orientada á reactivación e consolidación de negocios promovidos por mulleres e contempla axudas de ata 17.000 euros.
No caso de Innova, o obxectivo é favorecer proxectos empresariais con compoñente científico ou tecnolóxico, cunha contía máxima de 42.000 euros. Completa o programa Concilia, unha liña complementaria das anteriores que ofrece ata 5.000 euros para facilitar a compatibilidade da vida persoal, familiar e profesional das emprendedoras e das súas traballadoras.
Belén do Campo remarcou finalmente que a Xunta continúa apostando por medidas que permitan ás mulleres desenvolver os seus propios proxectos, acadar independencia económica e acceder a oportunidades de emprego, contribuíndo así ao crecemento empresarial e á dinamización dos concellos galegos.