Nova
A Xunta concede axudas por valor de 323.000 euros a 23 proxectos liderados por mulleres nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, coñeceu dúas das iniciativas beneficiarias das axudas do programa Emega 2026 para o fomento do emprendemento feminino da Consellería de Política Social e Igualdade
Ferrol, 25 de novembro de 2026
A Xunta concedeu este ano axudas por valor de 323.000 euros a 23 proxectos liderados por mulleres nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución desta convocatoria durante unha visita a dúas das iniciativas beneficiarias das axudas do programa Emega 2026 para o fomento do emprendemento feminino da Consellería de Política Social e Igualdade.
Unha delas é o centro de boxeo Box Lady Fight Club, un espazo de recente creación pensado exclusivamente para mulleres onde poder descubrir e practicar esta disciplina deportiva na cidade naval. Posteriormente, Aneiros desprazouse a Fene onde visitou o Safari Park Fene, un espazo de alugueiro para eventos, tamén liderado por unha emprendedora.
A convocatoria do programa Emega deste ano contou con orzamento de 5 M€. Posúe catro liñas de axudas (Emerxe, Impulsa, Innova e Concilia) e comprende apoios dirixidos a apoiar á posta en marcha, á mellora e á activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.