Nova
Ángeles Vázquez destaca o papel do Centro de Recuperación Integral na atención, asesoramento e acompañamento ás vítimas da violencia de xénero
Este recurso público conta cun equipo profesional técnico do ámbito social, xurídico ou psicolóxico que atende a unha media de 120 mulleres ao ano
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, acompañada do director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, coñeceu a actividade que desenvolve o Centro de Recuperación Integral de vítimas de violencia de xénero (CRI) para favorecer a recuperación, atención e acompañamento das mulleres que o precisan.
Ángeles Vázquez destacou que o CRI, situado en Santiago de Compostela, actúa como un centro coordinador dos recursos de atención ás vítimas de toda Galicia. Este recurso conta cun equipo multidisciplinar de profesionais de diferentes ámbitos como o social, xurídico ou psicolóxico que atenden a unha media de 120 mulleres ao ano.
Durante a visita, a conselleira puxo en valor o traballo que desenvolve este centro e agradeceu a todo o seu persoal “o cariño, esforzo e dedicación” que prestan ás vítimas nos momentos máis vulnerables. Deste xeito, salientou a importancia de “que cada muller que o precise conte sempre cunha man tendida” para combater, entre todas e todos, calquera manifestación da violencia machista.
Por iso mesmo, aproveitou para animar a todas as persoas a denunciar calquera acto de violencia machista. “Familiares, amigos, seres queridos”, recordou, poden denunciar ante as Forzas e Corpos de Seguridade ou ante calquera recurso público “unha situación que poña en risco a vida dunha muller”.