Nova

Rueda anuncia que a Xunta entregará gratuitamente ás familias un dispositivo antiesquecemento de bebés nos vehículos

Salienta que “Galicia vai ser pioneira” á hora de distribuír este sistema de seguridade entre os pais e nais de fillos menores de 2 anos

O dispositivo detectará automaticamente se o menor permanece no vehículo unha vez rematado o traxecto e activará unha alerta, sen depender dun teléfono móbil nin de conexión a internet

A Xunta facilitará este sistema ás familias como parte da Cesta Benvida que se entrega no hospital cando se produce un nacemento e nos centros de saúde cando o rapaz non supera os 2 anos

Galicia anticípase á decisión da UE de incorporar estes sistemas de seguridade nos novos vehículos, ao ofrecer unha solución que se poderá utilizar tamén nos que xa están en circulación


Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá que “Galicia vai ser pioneira ao entregar ás familias, de balde, un dispositivo de seguridade que alerta se detecta que un bebé quedou esquecido no vehículo”.

O Consello tomou conta da tramitación dun contrato por parte da Consellería de Política Social e Igualdade co fin de adquirir avisadores antiesquecemento de bebés para os vehículos. “É un apoio fundamental para as familias que se destinará a rapaces de 0 a 2 anos”, indicou a conselleira de Política Social e Igualdade, que lembrou que Galicia será “a primeira rexión de Europa” en entregar de balde este tipo de dispositivos.

O futuro dispositivo detectará automaticamente se o bebé continúa no vehículo unha vez rematado o traxecto e activará unha alerta para avisar desta situación. Para iso, baséase en sensores de presión ou peso “que emiten unha alarma cando se apaga” se o cativo permanece na cadeira, segundo aclarou a conselleira, que explicou que, ademais, este dispositivo funciona de maneira autónoma, “sen necesidade de utilizar aplicacións móbiles nin de contar con conexión á internet” e podendo así ser utilizado en calquera punto da xeografía.

Rueda explicou que o contrato prevé inicialmente a adquisición “de 40.000 dispositivos”, cun orzamento base de licitación de 1,35 millóns de euros.

Tal e como indicou o presidente, “todos os pais e nais que teñan un fillo, a partir do ano que vén, recibirán o dispositivo nos hospitais, como parte da Cesta Benvida”, un agasallo que inclúe tamén produtos de hixiene e coidado, complementos e a cartilla de vacinación, entre outros elementos. E ao resto de familias con nenos ata 2 anos entregaráselles nos seus centros de saúde “a través do servizo de Pediatría”, salientou. “Simplificamos o proceso porque as familias non terán que solicitalo senón que xa llo entregamos”, engadiu a conselleira.

Mentres Europa avanza cara á incorporación destes sistemas nos automóbiles novos -será obrigatorio no 2031-, a Xunta facilitará gratuitamente o dispositivo ás familias para que poidan contar con esta protección tamén nos que xa teñen na actualidade.