Nova

A Xunta apoia con 5 M€ preto de 400 proxectos de emprendemento feminino que crean ou mantén arredor de 670 empregos

A orde de axudas do programa Emega 2026 presta especial atención ás mulleres que emprenden no rural, ás maiores de 55 anos e ás que desenvolven a súa actividade empresarial en sectores tradicionalmente masculinizados

Mantéñense as modalidades de subvención de convocatorias anteriores: Emerxe, Impulsa e Innova, con achegas entre os 8.000 e os 42.000 euros, e Concilia, con 5.000 euros, dirixida a favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral


Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a resolución das axudas do programa Emega 2026 para o fomento do emprendemento feminino, cun orzamento de preto de 5 millóns de euros. A través desta convocatoria fináncianse preto de 400 proxectos emprendedores constituídos por mulleres e incentívase a creación ou o mantemento duns 670 empregos para mulleres.

Na concesión destas axudas prestouse especial atención ao apoio a mulleres que emprenden no rural, ás maiores de 55 anos e a aquelas que desenvolven a súa actividade empresarial en sectores tradicionalmente masculinizados. Ademais, o programa Emega inclúe medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. E contempla o acceso a servizos específicos de información e asesoramento empresarial para facilitar a implantación e consolidación dos seus proxectos empresariais.

Modalidades das axudas

Ao igual que en anteriores edicións, a convocatoria deste ano mantén catro modalidades de axuda. A primeira é Emega Emerxe, con contías de entre 10.000 e 22.000 euros, para apoiar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

A segunda modalidade é Emega Impulsa, cunha subvención de entre 8.000 e 17.000  euros, para favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres, así como a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade. A terceira modalidade de achega, Emega Innova, con contías de entre 18.000 e 42.000 euros, está destinada ao desenvolvemento de iniciativas empresariais con contido científico ou con base tecnolóxica.

Por último, Emega Concilia é unha axuda complementaria ás tres anteriores coa que se pretende promover a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral tanto das mulleres promotoras da iniciativa empresarial, cunha contía de 3.000 euros,  como das traballadoras por conta allea,  con 5.000 euros.

As empresas terán ata o 27 de novembro para presentar a documentación xustificativa destas axudas, que están cofinanciadas nun 60% pola Unión Europea.