Nova

Belén do Campo anuncia que Vilasantar contará cunha nova casa niño para reforzar a conciliación no rural

A delegada da Xunta destacou que a Xunta apoiará a posta en marcha de cinco novos recursos en Galicia, dous deles na provincia da Coruña, concretamente na comarca de Betanzos, Vilasantar e Vilarmaior, cun investimento conxunto de case 121.000 euros en axudas ao funcionamento e investimentos


Vilasantar (A Coruña), 13 de novembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe, xunto ao alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, a casa niño O Pícaros, onde anunciou que este concello contará cun novo recurso tras a última convocatoria de axudas da Xunta para a posta en marcha deste tipo de servizos. Na visita tamén estiveron presentes a directora da actual casa niño, Ana María Iglesias e Laura Bermúdez, a persoa que se encargará de poñer en marcha o novo servizo “A Casiña dos Esquíos”.

Belén do Campo destacou que esta nova incorporación permitirá seguir ampliando a oferta de atención á primeira infancia e facilitar a conciliación da vida laboral e familiar nun concello rural. A nova convocatoria permitirá poñer en marcha cinco novas casas niño en Galicia, que sumarán 25 prazas gratuítas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Destas cinco novas instalacións, dúas estarán situadas na provincia da Coruña, concretamente na comarca de Betanzos, nos concellos de Vilasantar e Vilarmaior. A Xunta destinará en total a estes dous novos recursps case 121.000 euros, preto de 91.000 euros en axudas para o funcionamento dos dous centros e outros 30.000 euros para investimentos necesarios para a súa posta en marcha.

A delegada territorial puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa extensión destes servizos, aos que destina un total de 300.000 euros nesta convocatoria, co obxectivo de seguir ampliando a rede galega de casas niño, que xa supera en Galicia o centenar de recursos e as 530 prazas gratuítas para menores de tres anos.

Como novidade, a convocatoria deste ano incorpora tamén unha axuda complementaria de 150 euros semanais para todas as casas niño durante o tempo que dure a baixa por maternidade ou paternidade da persoa responsable do servizo, co fin de contribuír a garantir a continuidade da atención.

Do Campo lembrou que as casas niño son recursos esenciais para os concellos de menor tamaño, xa que ofrecen atención gratuíta durante oito horas ao día, ao longo de once meses ao ano, e permiten que os nenos e nenas reciban coidados na súa propia contorna, sen necesidade de desprazarse a outros municipios. Cada casa pode atender ata cinco menores e está destinada a concellos de menos de 5.000 habitantes.

A representante autonómica valorou o balance deste servizo pioneiro, que Galicia comezou a implantar hai oito anos e que, polo seu modelo de atención á infancia no rural, está a ser tomado como referencia por outras comunidades autónomas.

No caso da provincia da Coruña, a rede contará, tras esta última convocatoria, cun total de 19 casas niño, das que 17 xa están en funcionamento. A Xunta apoia o mantemento destes 17 recursos cun investimento superior aos 1,6 millóns de euros para o período 2025-2028.

Pola súa banda, a comarca de Betanzos disporá de sete casas niño coa incorporación dos dous novos recursos: dúas en Vilasantar, dúas en Vilarmaior e unha en cada un dos concellos de Irixoa, Aranga e Paderne. As cinco casas que xa están operativas nestes municipios contan cun apoio da Xunta de case 409.000 euros para o seu funcionamento entre 2025 e 2028.

Belén do Campo incidiu nos beneficios que estas instalacións achegan ao territorio, tanto pola súa contribución á conciliación como pola súa capacidade para xerar oportunidades laborais e favorecer que as familias poidan desenvolver o seu proxecto de vida nos municipios rurais.

“Queremos que a xente quede a vivir nos concellos do rural e, para iso, é fundamental ofrecer servizos de primeira categoría en todo o territorio”, sinalou a delegada, quen subliñou que iniciativas como as casas niño contribúen a facer máis atractivos os municipios pequenos para as familias con fillos e fillas, ao tempo que crean emprego para as persoas encargadas de xestionar estes recursos.