Nova

A Xunta e o Concello de Ribeira certifican a cesión da parcela na que se construirá a futura residencia de maiores da localidade


Ribeira (A Coruña), 12 de novembro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, asinaron esta tarde o convenio a través do cal o Concello cede á Xunta a parcela na que se construirá a futura residencia de maiores da localidade. Unha infraestrutura, lembrou Ángeles Vázquez, que está chamada a ser un referente para toda a comarca.

O centro, que estará situado en Curuxeiras, xunto ao parque de San Roque, contará con 120 prazas para persoas maiores dependentes. A conselleira agradeceu a implicación da alcaldesa no impulso desta actuación e o seu afán por atopar un emprazamento axeitado para un recurso tan demandado.