Nova

Belén do Campo chama á participación na gran recollida de alimentos dos días 13 e 14 de novembro e destaca o compromiso da Xunta co Banco de Alimentos

A delegada da Xunta subliñou que a campaña, considerada a mobilización solidaria máis importante do ano para os bancos de alimentos, ten como obxectivo superar os máis de 200.000 quilos de produtos recollidos na edición anterior na provincia da Coruña


A Coruña, 12 de novembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto a Manuel Mora, presidente do Banco de Alimentos da provincia da Coruña, visitou hoxe as instalacións da entidade, onde fixo un chamamento á participación da cidadanía na Gran Recollida de Alimentos 2026, que se celebrará mañá venres 13 e o sábado 14 de novembro nos principais supermercados da provincia e do resto de España.

Belén do Campo animou os coruñeses a implicarse nesta iniciativa solidaria, tanto colaborando como voluntarios durante algunhas horas nos establecementos participantes como realizando doazóns económicas ou achegando alimentos. “Cada xesto conta e, entre todos, podemos axudar a que miles de persoas e familias que atravesan dificultades teñan garantido o acceso a unha alimentación digna”, sinalou.

A campaña, considerada a mobilización solidaria máis importante do ano para os bancos de alimentos, ten como obxectivo superar os máis de 200.000 quilos de produtos recollidos na edición anterior na provincia da Coruña. Para iso, contará coa participación de máis de 500 supermercados e busca mobilizar arredor de 2.000 persoas voluntarias que informen os clientes e animen a colaborar. O padriño desta edición é o recoñecido cirurxián coruñés Diego González Rivas.

A delegada subliñou que 26.000 son os posibles beneficiarios da provincia da Coruña que actualmente necesitan a axuda do Banco de Alimentos. Ademais, puxo de relevo que aínda que descendeu o número de persoas en situacións de exclusión social máis severa ou de gran dependencia, aumentou o de quen se atopa cerca desa situación e teñen dificultades para chegar a final de mes. Entre os produtos máis necesarios atópase o leite, ademais de alimentos envasados e produtos que requiran pouca preparación.

Voluntarios

As persoas interesadas en participar como voluntarias poden inscribirse a través do correo electrónico voluntarios@balrial.org ou no teléfono 604 001 206. Quen non poida colaborar presencialmente tamén poderá realizar unha achega económica nas caixas dos establecementos participantes.

Durante a visita, a delegada puxo en valor “o traballo incansable e decidido” que desenvolve o Banco de Alimentos da provincia da Coruña, especialmente a través de todos os seus voluntarios, a para combater unha carencia tan básica como a alimentaria e atender as necesidades das persoas e familias máis vulnerables. Así mesmo, destacou a súa capacidade para crear alianzas locais e mobilizar entidades de iniciativa social, empresas e voluntariado arredor dunha estratexia baseada na solidariedade e na colaboración.

Neste sentido, lembrou que o Banco de Alimentos da Coruña conta cunha ampla rede de colaboración que lle permite chegar cada vez a máis persoas. En 2025 ampliou a súa cobertura ata chegar a todos os municipios da provincia e traballa en colaboración con máis de 144 entidades sociais.

A delegada agradeceu especialmente o labor das persoas voluntarias que participan nas grandes recollidas, así como o compromiso das empresas, organizacións e particulares que colaboran durante todo o ano para garantir que as persoas con menos recursos poidan cubrir as súas necesidades alimentarias básicas. “A solidariedade non pode limitarse a unhas datas concretas. É fundamental manter este compromiso durante todo o ano para que ninguén quede sen un prato na mesa e para que todas as persoas poidan vivir con dignidade”, subliñou.

O compromiso da Xunta co Banco de Alimentos

Belén do Campo destacou tamén a colaboración continuada da Xunta de Galicia coa Federación Galega de Bancos de Alimentos e co Banco de Alimentos da provincia da Coruña a través da Consellería de Política Social e do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) da Consellería de Medio Rural.

A delegada sinalou que esta cooperación entre administracións, entidades sociais e sector privado contribúe a reforzar a rede de protección das persoas máis vulnerables.

Finalmente, Belén do Campo reiterou o agradecemento ao Banco de Alimentos da provincia da Coruña polo seu labor e animou a toda a cidadanía a sumarse á Gran Recollida desta fin de semana, lembrando que “detrás de cada doazón hai unha oportunidade para mellorar a vida dunha persoa e que, coa colaboración de todos, podemos construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e solidaria”.