Nova

Ángeles Vázquez destaca os valores compartidos coa Fundación Dignidade na protección e acompañamento da infancia e adolescencia vulnerable

Durante o encontro, coñeceu as iniciativas da entidade para a atención dos menores e tamén para fomentar a súa autonomía no futuro


Lugo, 13 de novembro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá as instalacións da Fundación Dignidade, localizadas no centro de intervención educativa de medio aberto (Ciema) na cidade da Muralla. Durante o percorrido,  destacou os valores compartidos entre a entidade e o Goberno galego na protección e acompañamento da infancia vulnerable, desde as idades temperás ata a súa autonomía.

Na visita, na que tamén participou o delegado territorial, Alfonso VIllares, a conselleira coñeceu o traballo desta entidade “con raíces en Lugo, pero con presenza nas catro provincias”, que xestionan desde puntos de encontro familiar, vivendas de protección e tamén centros como o Ciema.

Ángeles Vázquez puxo en valor iniciativas da Fundación Dignidade como o grupo DILL, creado para ofrecer alternativas de integración laboral a mozos e mozas que medraron en recursos da entidade. Porque, segundo lembrou “non se trata só de velar polo benestar da infancia, senón tamén en ofrecer alternativas para a súa autonomía”.

Ademais, a conselleira tendeu a man do Goberno galego a esta entidade para seguir traballando polo benestar da infancia e adolescencia galega, xa que, recordou, o papel do tecido asociativo é fundamental para chegar a quen máis o precisa.