Nova
O centro sociocomunitario da Xunta na Milagrosa, en Lugo, acolle unha charla da Policía Nacional sobre seguridade
Lugo, 6 de novembro de 2026
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, visitou o centro sociocomunitario da Milagrosa (Lugo), dependente da Consellería de Política Social e Igualdade, que hoxe acolleu unha charla sobre seguridade impartida por integrantes da Área de Participación Cidadá da Policía Nacional.
Villares agradeceu a colaboración para ofrecer un ano máis no centro esta actividade, que busca proporcionar á cidadanía, en especial ás persoas maiores, información e consellos prácticos para reforzar a súa protección en distintos ámbitos, como o domicilio, a vía pública e o uso das novas tecnoloxías e redes sociais. Os axentes explicaron ás persoas asistentes como actuar ante posibles situacións de risco e que medidas preventivas poden axudar a evitar fraudes, roubos ou estafas.
A iniciativa enmárcase na ampla programación que desenvolve este espazo durante todo o ano, con múltiples propostas que fomentan a socialización, a autonomía persoal e o envellecemento activo.
Entre as accións que se están a desenvolver neste período figuran clases de ximnasia e tai chi, talleres de cestería -como o que tamén se desenvolveu hoxe- e cursos sobre novas tecnoloxías, uso de aplicacións de mensaxería e realización de trámites en liña. Ademais, o centro acolle periodicamente accións formativas da Escola de Saúde do Sergas, orientadas a mellorar o benestar das persoas usuarias. A próxima será o 10 de novembro e estará centrada na hixiene dental.