Nova

Belén do Campo pon en valor o intercambio de coñecementos e experiencias entre maiores e menores a través do programa interxeracional da Xunta ‘Anaquiños de Saber’

A delegada da Xunta na Coruña destacou que a iniciativa do centro sociocomunitario da Coruña, enmarcada no programa de envellecemento activo da Xunta, permite que as persoas maiores compartan os seus coñecementos e experiencias cos nenos e adolescentes do centro San Xosé de Calasanz


A Coruña, 6 de novembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto á directora territorial da Consellería de Política Social, María Blanco, visitou a primeira fase de preparación cos maiores do taller interxeracional Anaquiños de Saber, que se desenvolve no centro sociocomunitario da Coruña no marco do programa de envellecemento activo da Consellería de Política Social e Igualdade. A iniciativa reunirá as persoas usuarias deste centro cos menores residentes no centro de atención a menores San Xosé de Calasanz co obxectivo de favorecer a aprendizaxe mutua e transmitir ás novas xeracións os coñecementos, as experiencias e as tradicións das persoas maiores.

Durante a visita, Belén do Campo destacou a importancia de impulsar actividades que fomenten a participación social das persoas maiores e reforcen os vínculos coas novas xeracións. Neste sentido, salientou que proxectos como Anaquiños de Saber permiten recoñecer o valor da experiencia acumulada ao longo da vida e convertela nunha ferramenta de aprendizaxe para nenos, nenas e adolescentes.

O proxecto busca recuperar os pequenos saberes que forman parte da memoria individual e colectiva das persoas maiores para transformalos en talleres creativos dirixidos aos menores de San Xosé de Calasanz. A través destas actividades, preténdese transmitir coñecementos relacionados cos costumes, a lingua, os oficios e as tradicións, contribuíndo á conservación do patrimonio cultural e ao fortalecemento de valores como o respecto, a convivencia e a solidariedade.

A iniciativa estrutúrase en dúas fases. A primeira, que se está a desenvolver entre outubro e decembro deste ano, céntrase na identificación das capacidades, coñecementos e potencialidades de cada persoa maior participante, en temas variados como costura, xardinería, alfarería ou zapatería así como na preparación dos materiais e na planificación dos talleres. As actividades adaptaranse ás características e aos intereses dos dous grupos destinatarios: os nenos e nenas e os adolescentes do centro San Xosé de Calasanz.

A segunda fase comezará en febreiro de 2027 e consistirá na posta en práctica dos talleres preparados polas persoas maiores, que asumirán o papel de profesores e dinamizadores e compartirán os seus saberes cos menores. Cada proposta desenvolverase ao longo de once sesións: cinco dirixidas ao grupo de nenos e nenas e seis adaptadas ao grupo de adolescentes, co fin de facilitar unha experiencia axeitada ás distintas etapas de desenvolvemento.

Belén do Campo subliñou que este modelo de traballo favorece un intercambio no que todas as persoas participantes teñen algo que achegar e aprender. Ao tempo que os menores descobren coñecementos e tradicións que forman parte da súa contorna, as persoas maiores atopan novos espazos de participación, relación e recoñecemento social.

A delegada lembrou que a Xunta promove, a través do programa de envellecemento activo, iniciativas que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas maiores, favorecer a súa participación na sociedade e fortalecer as relacións entre xeracións. Neste caso, o proxecto Anaquiños de Saber dá continuidade a esta liña de traballo mediante unha proposta que sitúa a experiencia das persoas maiores como fonte de aprendizaxe e como parte esencial da transmisión da memoria colectiva.