Nova

Ángeles Vázquez analiza con Agasede as perspectivas de futuro do sector da dependencia

A conselleira de Política Social e Igualdade trasladou o compromiso do Goberno galego para seguir traballando da man do tecido asociativo para seguir mellorando a vida dos maiores


Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, mantivo esta tarde un primeiro encontro coa directiva da Asociación Galega do Sector da Dependencia (Agasede) no que analizou as perspectivas de futuro do ámbito da dependencia.

Destacou que a atención ás persoas dependentes é un dos principais retos do Goberno galego e que se reflicte ano a ano nos orzamentos. Así, lembrou que o próximo ano a Xunta destina 972 millóns e euros a este eido, o que supón un investimento de 127 millóns de euros máis que no exercicio actual.

Na xuntanza, abordaron tamén a situación dos recursos de atención ás persoas dependentes, os servizos á súa disposición e as prestacións como o Bono Coidado no Fogar, que xa chega a máis de 43.000 persoas. Deste xeito, Ángeles Vázquez agradeceu a vontade de diálogo e trasladou o compromiso do Goberno galego en seguir traballando man a man co tecido asociativo co obxectivo de mellorar cada vez máis a vida dos maiores.