Nova
Ángeles Vázquez reafirma o compromiso da Xunta coa Cruz Vermella para seguir atendendo as persoas vulnerables
A conselleira de Política Social e Igualdade puxo en valor o traballo da entidade nos distintos eidos como a infancia, os maiores ou as vítimas de violencia de xénero
A Coruña, 4 de novembro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, acompañada da delegada territorial na Coruña, Belén do Campo, reuniuse este mediodía coa presidenta de Cruz Vermella en Galicia, Mercedes Casanova, e outros membros da directiva para reafirmar o compromiso da Xunta coa entidade de cara a seguir ofrecendo unha atención coordinada ás persoas vulnerables.
Nesta primeira toma de contacto coa entidade, a conselleira puxo en valor o traballo que realizan en diferentes eidos como a protección da infancia, as persoas en risco de exclusión, as vítimas de violencia de xénero ou os maiores. A isto súmase, dixo, o labor que realizan xestionando a central telefónica de atención á soidade non desexada.
Neste sentido, explicou que é moi alentador saber que cada galego que o precise e marque o 900 830 831 vai atopar ao outro lado, dixo, “unha persoa disposta a escoitalo, asesoralo e, sobre todo, acompañalo”, un profesional de Cruz Vermella que traballa “por e para as persoas”. E isto, recalcou, é o que fai desta central telefónica da Xunta un elemento indispensable para axudar a calquera que se sinta só.
Ángeles Vázquez aproveitou a ocasión para agradecer o labor que desenvolve esta entidade en Galicia e trasladou a vontade do Goberno galego para seguir traballando para quen máis o precisa ao longo de todo o territorio.