Nova
Ángeles Vázquez reúnese con EAPN para avaliar novas vías de colaboración
A conselleira de Política Social e Igualdade destacou como fundamental a colaboración co tecido asociativo para mellorar a calidade de vida das persoas vulnerables
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, mantivo esta tarde un encontro de traballo coa directiva da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social en Galicia (EAPN). Esta foi a primeira toma de contacto co principal interlocutor das entidades que traballan pola erradicación da pobreza e para mellorar a vida das persoas vulnerables.
No encontro, ao que asistiron, entre outros cargos, a presidente da entidade en Galicia, Ana Pardo, a conselleira puxo en valor a importante rede de colaboración do tecido asociativo galego para mellorar a vida das persoas vulnerables ou de calquera que estea atravesando un momento complicado.
Deste xeito, Ángeles Vázquez reafirmou o compromiso da Xunta para seguir colaborando e tendendo pontes entre o Goberno galego e o terceiro sector co obxectivo de chegar a quen máis o precisa.