Nova
Política Social e Igualdade blinda cos seus orzamentos unha Galicia que garante a liberdade de todas e todos, que coida e que protexe
A Consellería sitúase como o departamento da Xunta que máis medra, con 1.535M€ e unha suba do 10,4%, o que permitirá reforzar as políticas de maiores, discapacidade, familia, inclusión e loita contra a violencia de xénero
Increméntase nun 55% o orzamento do Bono Coidado no Fogar, que sumará 277,6M€ para chegar aos 50.000 beneficiarios nesta lexislatura
Blíndase con 73M€ a gratuidade na etapa 0-3 en todas as escolas infantís para seguir facilitando a conciliación das familias
Destínanse 187M€ á atención das persoas con discapacidade, coa aposta de impulsar 10 unidades de atención postemperá, a primeira delas estará en Vigo, e para crear máis de 100 novas prazas públicas en residencias e centros de día
Investiranse 56M€ na loita contra a violencia de xénero e a promoción da igualdade e porase en marcha unha vivenda especializada para vítimas con problemas de adicións
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2026
Ángeles Vázquez presentou no Parlamento as contas da Consellería de Política Social e igualdade para o ano 2027 e que acadarán os 1.535M€, un 10% máis que o exercicio anterior. Un orzamento que blinda a Galicia que garante a liberdade de todos e todas, que coida e que protexe.
Política Social e Igualdade convértese no departamento que máis medra en termos orzamentarios na Xunta de Galicia, o que permitirá reforzar as políticas públicas de coidados, protección social, apoio ás familias e promoción da igualdade de xénero.
Deste xeito, Galicia seguirá avanzando na atención ás persoas en situación de dependencia cun orzamento próximo aos 1.000M€ para o vindeiro ano, case 130M€ máis que no exercicio actual, unhas contas que permitirán consolidar os servizos, recursos e a atención dos maiores galegos.
Entre as medidas previstas no eido da dependencia, destaca o incremento dun 55% do orzamento para o Bono Coidado no Fogar, que acadará os 277,6M€, co obxectivo de seguir ampliando o número de beneficiarios, para chegar ao reto dos 50.000 fixados polo presidente Rueda para a actual lexislatura. Ademais, resérvanse case 162M€ para continuar axudando aos concellos na prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e cumprir co acordo asinado coa Fegamp.
O Goberno galego tamén seguirá avanzando na ampliación da rede pública de atención residencial, coa entrada en funcionamento e remate no vindeiro ano das residencias de maiores impulsadas pola Fundación Amancio Ortega en Ourense e Vigo, e coa posta en marcha do novo proxecto de residencias, que permitirá impulsar 25 centros en Galicia e 1.800 prazas sostidas con fondos públicos.
Máis apoios ás familias é á infancia
Outro dos eixos destacados para o vindeiro ano será o incremento sostido do apoio ás familias e á infancia. Nesta área, os orzamentos blindan un exercicio máis a gratuidade da etapa infantil de 0 a 3 anos, cun investimento de 73M€.
No marco deste apoio ás familias, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que as contas reservan 140M€ para medidas relacionadas coa conciliación e a corresponsabilidade. No relativo a políticas destinadas ao rural, explicou que a Xunta seguirá reforzando a rede de Casas Niño con 3,5M€ e consolidará a posta en marcha de cinco novos recursos (en Triacastela, Baltar, Vilasantar, Vilarmaior e A Bola). Ademais, destinaránse 75M€ á protección da infancia máis vulnerable.
Máis autonomía e inclusión social
En canto á atención ás persoas con discapacidade, esta área contará en 2027 cun total de 187M€. Neste eido, consolídase o apoio ás entidades sociais e impúlsase a creación de máis de 100 novas prazas públicas en residencias e centros de día. No vindeiro ano, destinaranse 9,6M€ para a atención temperá e será o exercicio no que se estenderá a rede de atención postemperá coa posta en marcha da primeira en Vigo e a promoción de outras dez unidades mediante unha orde de axudas.
Pola súa banda, a inclusión social disporá de 134M€, un investimento entre os que destacou os 46M€ reservados para a Risga. No 2027, seguiranse reforzando os servizos sociais municipais con 23,5M€, así como o apoio ás entidades de iniciativa social, que recibirán 26M€ para programas de inclusión social e laboral.
Máis recursos contra a violencia de xénero e para a igualdade
No 2027 a Xunta mobilizará máis de 26M€ para reforzar a atención ás vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas, mediante as prestacións económicas, a atención psicolóxica e xurídica, os recursos habitacionais e os servizos especializados.
Refórzase tamén a Rede Galega de Acollemento, coa apertura en Santiago dunha vivenda especializada para vítimas con problemas de adiccións. Ademais, prestarase especial atención ao eido dixital, para avanzar nas primeiras medidas da Lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital, actualmente en trámite parlamentario. Para continuar coa sensibilización, seguirase blindando a rede de Centros de Información á Muller (CIMS) e os CIMS móbiles.
Por último, a promoción da igualdade de xénero contará con preto de 30M€ para potenciar o talento feminino que hai en Galicia e ofrecer referentes ás novas xeracións. Nesta área, destacan os 8,6M€ para o Plan Corresponsables e 5,1M€ para axudas ao emprendemento feminino.