Nova
A Xunta ampliará a rede de atención temperá con cinco novas unidades
Concédense achegas para a posta en marca destes recursos aos concellos de Lugo, Ribadeo e Brión; así como á agrupación de concellos formada por Viveiro, O Vicedo e Ourol, e á constituída por Celanova, Ramirás e Verea
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a resolución da orde de axudas para o mantemento e creación de novas unidades de atención temperá, un servizo público gratuíto dirixido ás familias con nenas e nenos ata os seis anos de idade que é fundamental para previr, detectar e actuar ante problemas de desenvolvemento. A Xunta destina máis de 17 millóns de euros entre o que resta deste ano e as anualidades de 2027 e 2028 a estas achegas, coas que se consolida e se segue a estender a Rede galega de atención temperá.
Así, a través desta convocatoria finánciase a posta en marcha de cinco novos recursos solicitados polos concellos de Ribadeo, Brión e Lugo; así como pola agrupación de concellos formada por Viveiro, O Vicedo e Ourol, e pola constituída polos municipios de Celanova, Ramirás e Verea. Ademais, renóvanse as axudas para dar continuidade ás unidades de atención temperá xa existentes.
Na actualidade, Galicia conta con máis de 50 recursos deste tipo, que dan cobertura a arredor de 200 concellos e atenden a máis de 6.000 menores. Esta liña de axudas está confinanciada pola Unión Europea (UE) no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.