Nova
Rueda aposta pola continuidade no Goberno galego e reivindica un “equipo que funciona”
Destaca a experiencia e o traballo previo de Ángeles Vázquez nas carteiras de Medio Rural e Medio Ambiente e Cambio Climático
De Nicolás Vázquez subliña o seu rigor e o seu coñecemento do funcionamento interno
Agradece o traballo e os logros da anterior conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu esta mañá no Pazo de Raxoi á toma de posesión de Ángeles Vázquez como nova conselleira de Política Social e Igualdade e de Nicolás Vázquez como novo conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, nunha aposta pola continuidade no Executivo galego, ao que o seu titular se referiu como “un equipo que funciona”.
Neste senso, o presidente desexoulle sorte á nova conselleira de Política Social, Ángeles Vázquez, de quen sinalou ser “un todoterreo” cunha ampla experiencia na xestión de áreas complexas e de enorme valor sentimental para os galegos como Medio Rural e Medio Ambiente. Tamén sinalou o seu convencemento de que Ángeles Vázquez é “unha aposta segura” nunha materia fundamental para a Xunta de Galicia.
No caso do novo titular de Medio Ambiente, Nicolás Vázquez, destacou a súa profesionalidade, o seu rigor e o seu papel en “logros fundamentais da Xunta”. Referiuse ao novo conselleiro como un “exemplo de servizo público” e destacou o seu coñecemento do funcionamento interno da Administración xa que exerceu como vicesecretario xeral da Vicepresidencia Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, foi secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e, nos últimos tres anos, secretario xeral de Industria.
Ademais, desexoulle sorte a Fabiola García na súa nova andaina e puxo en valor o gran traballo realizado pola que foi “a conselleira de Política Social e Igualdade máis veterana de toda España”, destacando os numerosos fitos acadados durante os seus oito anos como titular desta consellería.