Nova
A Xunta apoia con 300.000 euros a posta en marcha de cinco novas casas niño no rural
Estarán emprazadas nos concellos de Vilarmaior e Vilasantar (A Coruña), A Bola e Baltar (Ourense), e en Triacastela (Lugo)
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2026
A Xunta segue a apoiar a creación de casas niño en concellos rurais que non teñen escolas infantís ou outros servizos de conciliación. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a resolución de axudas para a posta en marcha de cinco novos recursos deste tipo, que suman 25 prazas gratuítas para a atención de nenas e nenos entre os 0 e os 3 anos de idade.
Estas novas casas niño estarán situadas nos concellos coruñeses de Vilarmaior e Vilasantar; nos ourensáns de Baltar e A Bola, e en Triacastela, na provincia de Lugo. A Xunta destina 300.000 euros a apoiar a entrada en servizo destes recursos e seguir ampliando a rede galega de casas niño, que xa supera o centenar e as 530 prazas de 0 a 3 anos totalmente de balde para as familias.
As casas niño son recursos esenciais no rural, xa que ofrecen atención gratuíta oito horas ao día durante once meses sen que os nenos e nenas teñan que abandonar a súa contorna. Cada un destes servizos pode atender ata cinco nenos e están localizados en concellos con menos de 5.000 habitantes.