Nova

Fabiola García destaca que a Xunta consolida nos orzamentos a atención aos maiores do Barbanza co impulso de 300 novas prazas residenciais

A conselleira coñeceu os avances dados polos dous concellos para a selección das parcelas nas que se poderán instalar as residencias previstas no novo proxecto


O Porto do Son (A Coruña), 17 de outubro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta mañá dúas reunións cos alcaldes de Outes, Francisco Calo, e do Porto do Son, Luís Oujo, no marco do novo proxecto de residencias impulsado pola Xunta de Galicia.

En primeiro lugar, a conselleira visitou a Casa do Concello de Outes, onde se reuniu co rexedor, que lle trasladou os avances que o municipio acadou desde a posta en marcha do proxecto en canto á selección dos terreos. Posteriormente, trasladouse ao Porto do Son, onde o alcalde lle mostrou a parcela elixida para a localización da nova residencia. Este terreo está moi próximo ao centro de día, na parroquia de Nebra.

Tras as dúas visitas, Fabiola García destacou que grazas a este proxecto “a Xunta consolida a atención ás persoas maiores, co impulso de 300 novas prazas residenciais”, en referencia aos futuros centros previstos en Outes, O Porto do Son e Ribeira.

Un cento de prazas en Ribeira

Respecto á residencia de maiores prevista en Ribeira, a conselleira lembrou que a súa construción responde ao compromiso do Executivo autonómico de dotar ao municipio deste recurso. O futuro centro contará con 100 prazas e o Concello e a Xunta xa están ultimando os trámites para facer efectiva a cesión da parcela onde estará situado.