Nova
Fabiola García insta os grupos parlamentarios a buscar o consenso en torno á primeira lei contra o acoso e a violencia dixital de España e Europa
A conselleira explica que a futura norma, que inicia a súa tramitación parlamentaria, contempla apoio xurídico ás vítimas e un servizo gratuíto para eliminar a pegada dixital empregada no acoso
Detalla que a futura lei incorpora formación obrigatoria en competencia dixital nos centros educativos e crea novos recursos de atención ás vítimas
Pon en valor que “será unha norma pioneira para reforzar a prevención, a protección e o apoio ás vítimas de acoso e violencia dixital”
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou esta mañá a futura Lei de Medidas Integrais contra o Acoso e a Violencia Dixital de Galicia, un texto que comeza a súa tramitación parlamentaria. Antes do inicio do debate instou aos grupos parlamentarios “a buscar o consenso e traballar para facer desta lei, a primeira deste tipo en España e Europa, un espazo de encontro”.
Na súa intervención, a conselleira explicou que o obxectivo desta norma é adoptar medidas integrais para a sensibilización, a prevención e a detección do acoso e da violencia dixital, así como para a protección e apoio ás persoas que a sofren, “especialmente aos colectivos máis vulnerables: como menores, mulleres ou persoas LGBTI”, detallou. Ademais, tamén se busca promover a formación de persoal da Xunta, do sector público e forzas e corpos de seguridade do Estado, así como establecer medidas de protección e apoio ás vítimas.
Fabiola García, que estivo acompañada polo director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, detallou o proceso levado a cabo pola Xunta durante a tramitación do texto, onde destacou as alegacións recollidas e “as reunións mantidas con vítimas e familiares, para escoitalas e coñecer por boca delas as súas necesidades e demandas”.
Entre as medidas, destacou a inclusión obrigatoria de contidos formativos en competencia dixital nos currículos de todas as etapas educativas non universitarias e a aprobación dun Plan integral contra o acoso escolar e o ciberacoso. Ademais, explicou que se buscará promover acordos ou convenios con persoas e empresas dentro das competencias da Xunta, así como a posta en funcionamento dun servizo gratuíto de borrado da pegada dixital para suprimir material que continúe accesible en rede e que se empregou como instrumento de acoso ou violencia.
A conselleira detallou, ademais, que se creará un servizo gratuíto de asesoramento no que as vítimas recibirán apoio técnico e información para previr novos ataques ou supostos de violencia dixital e garantirase o acceso das vítimas a información, orientación e apoio xurídico, uns servizos que serán accesibles desde o primeiro momento, sen necesidade de denuncia previa. Por último, avanzou a elaboración dunha guía informativa sobre os dereitos das vítimas de acoso e violencia dixital.
Plan de formación pioneiro
Fabiola García explicou que o obxectivo é “garantir a asistencia xurídica gratuíta para todas as vítimas de acoso e violencia dixital, con independencia da idade ou do xénero". Ademais, puxo en valor que a Xunta “xa puxo en marcha un plan de formación pioneiro en España”, que ten como obxectivo formar á totalidade do persoal técnico da Xunta en violencia de xénero dixital. Unha formación que, segundo explicou, xa realizaron ata o momento máis de 200 profesionais (dos CIMS, da rede de acollemento, dos centros Quérote+, do colectivo LGTBI...).