Nova
A campaña Agresión OFF da Xunta contra a violencia sexual chegou xa este ano a preto de 3.000 persoas
No que vai de exercicio realizáronse 39 intervencións en concellos, espazos públicos, centros educativos, entidades sociais ou festas populares
Santiago de Compostela, 4 de outubro do 2026
A campaña Agresión off, eu digo non á violencia sexual que está a desenvolver a Xunta realizou este ano 39 intervencións en concellos, centros educativos, espazos comunitarios e a pé de rúa. A finalidade deste programa é sensibilizar á poboación, especialmente á mocidade, sobre as violencias sexuais e promover unha cultura baseada no respecto, no consentimento e a prevención das violencias de xénero en xeral e das violencias sexuais en particular.
O obxectivo da Xunta é que a campaña Agresión off chegue ao final deste 2026 con 50 intervencións feitas. No que vai de ano, estímase que que 2.970 persoas participaron na campaña. A execución deste programa corre a cargo de equipos especializados en intervención comunitaria, prevención da violencia de xénero e promoción da igualdade. Estes equipos combinan accións de sensibilización e de información.
A valoración dos profesionais e entidades que colaboran en Agresión off é positiva e fan fincapé na importancia que ten esta proposta para reflexionar sobre o consentimento, os vínculos afectivos e os límites persoais; así como para concienciar sobre o bo trato. Ademais, mediante esta iniciativa ofrécense ferramentas para identificar e rexeitar condutas agresivas, ao tempo que se xeran espazos seguros para o diálogo interxeracional e a expresión emocional.