Nova
A Xunta resalta o potencial do deporte adaptado para acadar a integración e a autonomía das persoas con discapacidade
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, trasladou o compromiso do Goberno galego coa inclusión na inauguración das Marchas Ciclistas Unificadas, Special Olympics
O Executivo autonómico colabora con esta entidade a través de diferentes convenios e achegas para programas
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2026
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu esta mañá ao acto de inauguración das XIV Marchas Ciclistas Unificadas, Special Olympics Galicia na praza do Obradoiro, onde destacou o potencial do deporte adaptado para acadar a integración e a autonomía das persoas con discapacidade.
Confirmou o compromiso da Xunta para garantir plena inclusión deste colectivo e lembrou que o Goberno galego leva anos promovendo iniciativas e programas que a fomentan. Neste marco, apuntou que o Executivo autonómico colabora con Special Olympics, a que felicitou polos seus máis de 25 anos de labor, a través de varios convenios de máis de 300.000 euros, así como de diferentes achegas para programas con cargo ao 0,7% do IRPF.
Begoña Abeijón destacou o papel das entidades sociais deste ámbito para chegar a todas as persoas con discapacidade que o precisan e valorou o seu traballo para que o deporte adaptado sexa un elemento que faga de Galicia unha comunidade máis inclusiva.
A directora xeral trasladou por último os parabéns aos participantes na marcha ciclista, dos que dixo que son un exemplo de superación e personifican a capacidade do deporte para acadar a integración de todos na sociedade.