Nova

A Xunta realiza aos concellos o pago do incremento do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar

Este abono ten carácter retroactivo desde o pasado día 1 de xaneiro


Santiago de Compostela, 12 de setembro do 2026

A Xunta efectuou aos concellos o primeiro pago do incremento do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que ten carácter retroactivo desde o pasado día 1 de xaneiro . O Goberno galego achegará ata 2028 un total de 150 millóns de euros extra para sufragar esta prestación de competencia municipal e o investimento no conxunto da lexislatura destinado a esta finalidade chegará aos 500 millóns de euros.

Con este pago, a Xunta está a cumprir co acordo histórico acadado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para actualizar o financiamento do SAF, elevando progresivamente o prezo por hora dos 12 euros ata os 18 euros. Así, todos os concellos adheridos recibirán 16 euros por hora este exercicio, 17 euros no 2027 e 18 euros no ano 2028.

Arredor de 20.000 persoas son atendidas nas súas casas a través do SAF. A Xunta insiste en reclamar ao Goberno central que cumpra coa Lei de Dependencia e financie o 50 % do custo das prestacións do sistema de atención á dependencia, entre as que se inclúe a axuda no fogar. Esta achega foi o ano pasado do 32 %, dous puntos menos que no 2024. Esta redución supuxo que Galicia deixara de recibir 250 millóns de euros e eleva a débeda do Executivo central coas persoas dependentes da nosa comunidade en máis de 3.000 millóns de euros.