Nova

A Xunta destaca o traballo de Proxecto Home para eliminar os prexuízos e favorecer a recuperación de persoas con adiccións

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou na 32º edición da Festa da Solidariedade celebrada pola entidade


Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2026

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na 32ª edición da Festa da Solidariedade de Proxecto Home en Galicia. Neste evento deuse cita o equipo de profesionais da entidade, usuarios dos seus programas e familiares, así como voluntariado e institucións colaboradoras con Proxecto Home.

Arturo Parrado destacou a importancia deste encontro como oportunidade para compartir experiencias, recoñecer o traballo dos profesionais e os esforzos das persoas usuarias e das familias nos procesos de recuperación. Ademais, garantiu o apoio da Xunta a Proxecto Home na súa tarefa de abordar e tratar as adicións, eliminar os estigmas sociais e favorecer a inclusión social.

Neste sentido, o director xeral puxo en valor a colaboración que o Executivo autonómico mantén desde hai anos coa entidade, que no ámbito da inclusión social se materializa no financiamento de cursos e programas para o fomento da inserción laboral ou en investimentos para a mellora de centros, entre outras axudas.