Nova
A Xunta destaca o éxito da nova edición dos campamentos de verán para persoas con discapacidade
Puxéronse a disposición das familias un total de 250 prazas, repartidas entre as Residencias de Tempo Libre do Carballiño e Panxón, e o albergue xuvenil de Gandarío
Santiago de Compostela, 11 de setembro do 2026
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou o éxito que supuxo a edición deste ano dos campamentos de verán dirixidos de maneira específica para persoas con discapacidade, que rematan na xornada de mañá. Begoña Abeijón visitou esta mañá os campamentos que teñen lugar nas Residencias de Tempo Libre do Carballiño e Panxón (Nigrán), espazos nos que se desenvolve esta programación xunto co Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo).
A directora xeral apuntou a importancia deste programa como actividade que favorece a socialización, as habilidades sociais dos participantes, o contacto coa natureza e o mar, o coñecemento da propia cultura e a educación para a saúde. Así mesmo, sinalou que estes campamentos favorecen a conciliación e o descanso das familias.
En total, a Xunta puxo a disposición das familias 250 prazas para persoas entre os 11 e os 50 anos de idade, repartidas entre Carballiño, Panxón e Gandarío. As estadías para cada grupo de participantes foi de 10 días, durante os que estiveron atendidos por monitores con formación específica.