Nova
Fabiola García felicita a Amicos por consolidarse como un referente europeo de compromiso medioambiental e inclusión
A conselleira participa no programa de conservación e coidado dos mares que desenvolve a entidade en Sálvora grazas ás axudas con cargo ao 0,7% do IRPF
Ribeira (A Coruña), 10 de setembro do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañou esta mañá no porto de Aguiño aos usuarios de Amicos para coñecer os avances nas iniciativas medioambientais e de coidado dos mares que desenvolve a entidade grazas ás axudas con cargo ao 0,7% do IRPF. A xornada concluíu no entorno da illa de Sálvora coa inserción de algas na contorna do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.
Durante o acto, a conselleira, acompañada da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e do director xeral da entidade, Xoán España, puido coñecer o labor dos activistas medioambientais da entidade, persoas con discapacidade intelectual especializadas nesta temática, que amosaron o traballo que realizan para a recuperación dos bosques de algas mariñas.
Fabiola García felicitou a Amicos por impulsar “proxectos medioambientais de primeiro nivel, que xa foron recoñecidos e premiados a nivel estatal e europeo”. Por iso, agradeceulle á entidade a súa implicación e aposta pola inclusión social e a conservación medioambiental. A conselleira destacou que “Amicos sempre terá a man tendida da Xunta” e lembrou que esta colaboración tradúcese, por exemplo, no financiamento dun centenar de prazas residenciais que a entidade ten na comarca do Barbanza, cunha achega anual de 2,2M€. Ademais, lembrou os 1,2M€ investidos na construción do centro residencial, aos que se sumaron 600.000€ para o seu equipamento tecnolóxico.
Finalmente, fixo fincapé na “estreita colaboración” da Xunta con Amicos en proxectos pensados para mellorar o benestar dos usuarios e da sociedade no seu conxunto, e que contan co apoio do Executivo galego a través de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF, como é o caso dos proxectos de coidado dos mares e contra o lixo mariño.